Amosando publicacións coa etiqueta A Frouxeira. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Frouxeira. Amosar todas as publicacións

luns, febreiro 09, 2015

Verdegaia demanda a retirada do plano de conservación da Frouxeira por obedecer a intereses particulares e partidistas


Posición de da asociación asociación ecopacifista Verdegaia sobre a aprobación do Plano de Conservación da Frouxeira | Verdegaia demanda a retirada do plano de conservación da Frouxeira por obedecer a intereses particulares e partidistas. | Coa súa aprobación só se persegue dispor de seguridade xurídica para seguir controlando de xeito artificial o réxime hidrolóxico da lagoa. | Demanda a supresión das edificacións e do paseo marítimo que usurparon a zona de anegamento natural do humidal.

Verdegaia reitera o seu rexeitamento ao Plano de Conservación do areal e da lagoa da Frouxeira nos seus actuais termos dado que, lonxe de garantizar a conservación dos hábitats naturais e das especies silvestres obxecto de protección neste espazo natural “protexido”, o que en realidade se persegue é dispoñer de seguridade xurídica para seguir controlando de xeito artificial o réxime hidrolóxico da lagoa para, deste xeito, non ter que suprimir as infraestruturas e edificacións mal planificadas que ocuparon de xeito irregular a zona de asolagamento natural do humidal.

Verdegaia non só rexeita o control artificial do réxime hidrolóxico da lagoa senón que, ademais, demanda a expropiación dos terreos e edificacións coas que se ocuparon as zonas de asolagamento natural usurpadas no seu día a este humidal. De feito, o apartado 1 do artigo 39 da Lei 42/2007 do 13 de decembro do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, de ámbito estatal, establece que “La declaración de un espacio natural protegido lleva aparejada la declaración de utilidad pública, a efectos expropiatorios de los bienes y derechos afectados (…)”. Ditas expropiacións poderían ser o punto de partida para unha restauración integral do contorno da lagoa, actualmente usurpado na súa beira Norleste.

O Plano de Conservación que se pretende aprobar en breve só obedece a intereses particulares e partidistas, consolidando unha das principais causas de degradación ambiental do humidal como é a regulación artificial do seu réxime hidrolóxico, contradecindo os propios informes técnicos que obran no expediente de tramitación, onde se recoñece que as Directivas 92/43/CEE do 21 de maio e 2000/60/CE do 23 de outubro, en materia de hábitats e de augas, respectivamente, determinan, en relación á conservación do humidal lacunar, “(…) que o réxime hidro-ecolóxico deste debe ser de carácter natural, suprimindo, ou no seu caso minimizando, aqueles efectos antrópicos que poden incidir de forma negativa sobre o ecosistema (…)”.

Asimesmo, sinala que “(…) Dada a condición de hábitat prioritario (1150* Lagoas costeiras), así como de distintos tipos de hábitats presentes no humidal, as actuacións que poidan formularse non poderían en ningún caso provocar unha afección apreciable sobre estes compoñentes da biodiversidade (…)” conlevando a  eliminación “(…) de calquera tipo de medida tendente a regular o réxime hidrolóxico, como poden ser as modificacións estruturais do complexo de apertura, a creación de espigóns, así como a apertura de canles permanentes e a colocación de comportas”.

Por conseguinte, a lagoa da Frouxeira debe evoluir e autorregularse de forma natural, prescindindo de calquera tipo de intervención humana.

Por outra banda, entre as moitas eivas que presenta o devandito plano de conservación, destaca que das vinte e oito (28) especies exóticas invasoras detectadas neste espazo protexido só se pretende erradicar cinco (5); o que nos parece unha falta de responsabilidade absoluta, tendo en conta que a irrupción de especies foráneas nos ecosistemas autóctonos son a segunda causa de extinción das especies asociadas aos mesmos, despois da destrución directa dos seus hábitats naturais.

Nucleo Comarcal Verdegaia-Ferrol
http://www.verdegaia.org/

Texto: Antom Fortuna

Foto: Miguel A. Fernández Pérez

Enviado por:
ferrol@verdegaia.org
-ferrol@verdegaia.org-
7 de fevereiro de 2015 11:48
_________________

domingo, setembro 07, 2014

Plano de conservación da lagoa e humidal de Valdoviño: outra oportunidade perdida - Adega presenta Alegacións


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), presenta alegacións ao Plano de conservación e informe de sustentabilidade ambiental do humidal protexido “Lagoa e areal de Valdoviño”

Plano de conservación da lagoa e humidal de Valdoviño: outra oportunidade perdida


O Plano de Conservación da Frouxeira, longamente agardado dende que hai 5 anos o Parlamento instara á Xunta a redactalo, dá a razón a ADEGA nas súas denuncias e corrobora o mal estado de conservación no que se atopa este humidal.

As reiteradas aperturas artificiais da lagoa provocaron unha progresiva e alarmante colmatación do vaso, afectando á diversidade do ecosistema, a súa estrutura e ao seu funcionamento ecolóxico. Porén, lonxe de abordar estes problemas, a Xunta optou por propoñer neste espazo unha xestión á carta, subordinada aos intereses urbanísticos e recreacionais para xustificar as aperturas forzadas do humidal, deixando nun segundo plano a conservación dos seus valores naturais.

Unha proposta falta de rigor científico, fundamentación e sen estudo hidrolóxico

O plano, de autoría apócrifa, carece de estudo hidrolóxico e portanto, non aborda científicamente aspectos chave vencellados á dinámica hídrica e ás causas da súa alteración. Sen esta información non é posíbel establecer e desenvolver medidas de xestión que aseguren a integridade do espazo protexido, a conservación dos seus hábitats e especies, o estado ecolóxico do medio acuático e o uso racional do humidal.

Polo que atinxe á catalogación dos hábitats, o documento ignora a presenza dos tipos de hábitat 1130 Esteiros e 1140 Chairas lamacentas ou areosas non cubertas na baixamar, que sí aparecen na cartografía do Plano Director da Rede Natura 2000 (redactado polo IBADER) e considera dubidosa a presenza dos hábitats das Matogueiras costeiras (4040*) e Matogueiras higrófilas (4020*), ambos prioritarios.

Chama a atención que un documento apócrifo realice análises sen fundamentación científica en contra dos criterios dun organismo como o IBADER, cuxa equipa técnica cartografou os hábitats da Rede Natura. Para ADEGA estas afirmacións arbitrarias, esquecendo ou suprimindo hábitats, teñen por obxectivo rebaixar o valor ambiental deste territorio.

Un documento inadecuado para a xestión nun espazo 5 veces protexido

O texto do Plano de Conservación apresenta ademais serias deficiencias que imposibilitan garantir a conservación do humidal:
  • Os obxectivos e medidas de conservación propostas seguen a ser xenéricas, non establecéndose prioridades nen orzamentos para as actuacións.
  • A normativa segue a ser en grande parte a establecida no Plano Director da Rede Natura 2000, sen medidas específicas axeitadas ás necesidades de conservación dun humidal protexido de importancia internacional. Así, permítense actividades como a creación de novos pasteiros, os cambios de uso, o emprego de xurros, a eliminación de sebes e bosquetes, a fumigación con equipas aéreas... así como a caza, ao criterio da xefatura territorial competente. Moitas destas actividades son manifestamente incompatíbeis coa conservación dun espazo de importancia internacional.
  • Tampouco hai un protocolo de seguemento axeitado dos parámetros (físicos, químicos e biolóxicos) que permitan avaliar o estado de conservación dos compoñentes do espazo, faltando unha temporalización das medidas, requerimentos técnicos, capacitación do persoal, etc.
O Plano de Conservación do Humidal da Frouxeira promovido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza supón, nos actuais termos, a consagración dun modelo irracional de xestión dun espazo Ramsar. Por iso dende ADEGA e outros colectivos ecoloxistas temos solicitado a retirada da actual proposta e a inmediata elaboración dun novo Plano aberto e participativo contando cos técnicos das distintas administracións, representantes das entidades locais, grupos conservacionistas, científicos, investigadores e representantes da Secretaría do Convenio Ramsar, organismo internacional que tutela este espazo.

Descargas:

Alegacións ao Plano de Conservación da Frouxeira

Novas relacionadas:
Nota.- Imaxe - A colmatación da Frouxeira (fonte: Xunta)

Delegación de ADEGA Ferrolterra-Trasancos
Apartado 481
15480 Ferrol
Email: adegatrasancos@adega.info
http://adega.info/

Información baseada na enviada por:
Antonio Gª
-angaji@yahoo.com-
5 de setembro de 2014 23:29

____________

sábado, setembro 06, 2008

O Martes, 9 de Setembro, concentración na Fouxeira de Valdoviño, en defensa do noso patrimonio natural

[Clicar acima da foto para ampliar]

De: CARLOS OUTEIRO BAAMONDE -couteiro@hotmail.com-
ADEGA - Trasancos
Para: artabra21@gmail.com
Data: 5 de setembro de 2008 14:39
Asunto: Concentración en defensa do noso patrimonio natural (Adega)



Concentración en defensa do noso patrimonio natural (Adega)

Prezada amiga.
Prezado amigo.

A vindeira terza feira (martes día 9) ás 17 horas desde Adega convocamos unha concentración de denuncia polo intento de construir unha urbanización de 69 chalets e 1 hotel dentro de Rede Natura 2000. Será fronte ao bar que hai na punta dereita da praia da Frouxeira en Valdoviño prefentemente con 10 minutos de antelación ás 5.

Xa levamos 2 anos evitando que esta ilegalidade se consume mais agora a empresa promotora está a facer un esforzo para executar con rapidez unhas obras de preparación da parcela (alcantarillado por exemplo) para posteriormente poder legalizar esta 'trapallada'

Solicito a túa presenza na concentración xa que as múltiples denuncias realizadas por escrito a distintas administracións non están a conlevar a paralización das obras pretendendo que se legalicen por feitos consumados. Adxunto a denuncia que hoxe metimos á D.X. de Urbanismos a efectos explicativos da problemática.

Contando coa túa colaboración no espallamento da concentración, despídome cunha afectuosa aperta.

Carlos Outeiro.


D.X. Urbanismo A Saiña II Modificada [Nos Arquivos Ártabros]
__________________

mércores, novembro 07, 2007

Entidades ecoloxistas denuncian mala praxe nunha tala próxima á Frouxeira


Pola importancia da noticia transcribimos o publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol", onde as organidacións ecoloxistas denuncian unha nova agresión ao contorno "protexido" da Frouxeira en Valdoviño. Unha vez máis lamentamos que ditas organizacións non nos enviaran o comunicado unitario ao Blog da PA21.

Diario de Ferrol
Ferrol | Martes, 6 de Novembro de 2007

Entidades ecoloxistas denuncian mala praxe nunha tala próxima á Frouxeira
Tres entidades proteccionistas da comarca uníronse para denunciar unha serie de actuacións próximas á praia da Frouxeira en Valdoviño, onde crece unha especie de vexetación estritamente protexida e que foi destruída ao realizar labores de talla e poda no terreo.

REDACCIÓN > FERROL

As entidades Sociedade Galega de Historia Natural, Verdegaia-Ferrol e Adega-Trasancos, denuncian que nunha extensa superficie situada en pártea suroeste do areal da Frouxeira, en Valdoviño, realizáronse nos últimos días unha serie de actuacións no terreo que "atentan gravemente" conta a integridade dun espazo que as entidades ecoloxistas catalogan como de "elevado valor ecolóxico".

A parcela en cuestión, esténdese ao oeste do río Magno, na zona de transición entre a vexetación arbórea e a dunar.

Actuacións > Desde as asociacións indican que as actuacións na contorna da Frouxeira motivo da protesta foron a talla de vexetación arbórea de salgueiros nun área de dominio público do río Magno e na zona de Policía, nunha franxa de 20 metros, tal e como denuncian as entidades ecoloxistas. Outra das agresións á natureza que se fai pública desde as asociacións foi a talla de piñeiros nun espazo de duna gris, é dicir, o que vén ser a zona postdunar. Ademais, denuncian os restos desta talla non se recolleron e permanecen esparexidos neste espazo. Tamén se procedeu, segundo indican, ao rozado, arado en profundidade e plantación de eucaliptos nunha zona húmida, integrada na súa maioría por unha vexetación mono específica de "Cladium mariscus", unha "valiosísima" especie de humidal de escasa presenza en Galicia, afirman desde o colectivo.

As citadas actuacións realizáronse nun hábitat protexido pola Unión Europea. Ademais hai que engadir, indican desde as entidades proteccionistas, que se trata dun dos cinco humidais galegos protexidos polo Convenio Internacional de Ramsar, ratificado polo Goberno español en 1982, coa finalidade de protexer os humidais de importancia internacional, a súa flora e fauna e sobre todo polo que significan eses espazos como hábitat de aves acuáticas. Este convenio, destacan as asociacións, obriga aos países asinantes a tomar as medidas necesaria par salvagárdaa destes lugares.

Ademais, a zona en cuestión pertence á Rede Natura 2000 e forma parte do Lugar de importancia Comunitaria Costa Artabra.

As tres entidades ecoloxistas esixen ás autoridades competentes que tomen as medidas sancionadoras oportunas e obríguese á reparación dos danos provocados para devolver o espazo á súa situación orixinal.

Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol
______________________

sábado, xullo 14, 2007

Protesta contra o edificio que Demarcación de Costas constrúe na praia da Frouxeira dentro do Dominio Público Marítimo Terrestre

De: CARLOS OUTEIRO BAAMONDE -couteiro@hotmail.com-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 12 de Julho de 2007 18:14
Asunto: Protesta contra o edificio que Demarcación de Costas constrúe na praia da Frouxeira dentro do Dominio Público Marítimo Terrestre


O vindeiro martes 17 de xullo ás 18 horas faremos desde a Delegación de Adega-Trasancos unha acción de protesta contra o edificio que Demarcación de Costas constrúe na praia da Frouxeira dentro do Dominio Público Marítimo Terrestre.

Repartiremos a volantina que se propón (temos tempo de lle modificar algunha cousa) e colocaremos uns cartaces-denuncia neste mesmo senso.

Para mellor organizar a cousa e asegurar unha asistenza mínima (noutro caso desbotaremos a protesta) coordinarei a participación (tlf - 690 30 72 45)

Un saúdo, Carlos Outeiro.

Para amliar clicar acima da imaxe
_______________