domingo, setembro 07, 2014

Plano de conservación da lagoa e humidal de Valdoviño: outra oportunidade perdida - Adega presenta Alegacións


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), presenta alegacións ao Plano de conservación e informe de sustentabilidade ambiental do humidal protexido “Lagoa e areal de Valdoviño”

Plano de conservación da lagoa e humidal de Valdoviño: outra oportunidade perdida


O Plano de Conservación da Frouxeira, longamente agardado dende que hai 5 anos o Parlamento instara á Xunta a redactalo, dá a razón a ADEGA nas súas denuncias e corrobora o mal estado de conservación no que se atopa este humidal.

As reiteradas aperturas artificiais da lagoa provocaron unha progresiva e alarmante colmatación do vaso, afectando á diversidade do ecosistema, a súa estrutura e ao seu funcionamento ecolóxico. Porén, lonxe de abordar estes problemas, a Xunta optou por propoñer neste espazo unha xestión á carta, subordinada aos intereses urbanísticos e recreacionais para xustificar as aperturas forzadas do humidal, deixando nun segundo plano a conservación dos seus valores naturais.

Unha proposta falta de rigor científico, fundamentación e sen estudo hidrolóxico

O plano, de autoría apócrifa, carece de estudo hidrolóxico e portanto, non aborda científicamente aspectos chave vencellados á dinámica hídrica e ás causas da súa alteración. Sen esta información non é posíbel establecer e desenvolver medidas de xestión que aseguren a integridade do espazo protexido, a conservación dos seus hábitats e especies, o estado ecolóxico do medio acuático e o uso racional do humidal.

Polo que atinxe á catalogación dos hábitats, o documento ignora a presenza dos tipos de hábitat 1130 Esteiros e 1140 Chairas lamacentas ou areosas non cubertas na baixamar, que sí aparecen na cartografía do Plano Director da Rede Natura 2000 (redactado polo IBADER) e considera dubidosa a presenza dos hábitats das Matogueiras costeiras (4040*) e Matogueiras higrófilas (4020*), ambos prioritarios.

Chama a atención que un documento apócrifo realice análises sen fundamentación científica en contra dos criterios dun organismo como o IBADER, cuxa equipa técnica cartografou os hábitats da Rede Natura. Para ADEGA estas afirmacións arbitrarias, esquecendo ou suprimindo hábitats, teñen por obxectivo rebaixar o valor ambiental deste territorio.

Un documento inadecuado para a xestión nun espazo 5 veces protexido

O texto do Plano de Conservación apresenta ademais serias deficiencias que imposibilitan garantir a conservación do humidal:
  • Os obxectivos e medidas de conservación propostas seguen a ser xenéricas, non establecéndose prioridades nen orzamentos para as actuacións.
  • A normativa segue a ser en grande parte a establecida no Plano Director da Rede Natura 2000, sen medidas específicas axeitadas ás necesidades de conservación dun humidal protexido de importancia internacional. Así, permítense actividades como a creación de novos pasteiros, os cambios de uso, o emprego de xurros, a eliminación de sebes e bosquetes, a fumigación con equipas aéreas... así como a caza, ao criterio da xefatura territorial competente. Moitas destas actividades son manifestamente incompatíbeis coa conservación dun espazo de importancia internacional.
  • Tampouco hai un protocolo de seguemento axeitado dos parámetros (físicos, químicos e biolóxicos) que permitan avaliar o estado de conservación dos compoñentes do espazo, faltando unha temporalización das medidas, requerimentos técnicos, capacitación do persoal, etc.
O Plano de Conservación do Humidal da Frouxeira promovido pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza supón, nos actuais termos, a consagración dun modelo irracional de xestión dun espazo Ramsar. Por iso dende ADEGA e outros colectivos ecoloxistas temos solicitado a retirada da actual proposta e a inmediata elaboración dun novo Plano aberto e participativo contando cos técnicos das distintas administracións, representantes das entidades locais, grupos conservacionistas, científicos, investigadores e representantes da Secretaría do Convenio Ramsar, organismo internacional que tutela este espazo.

Descargas:

Alegacións ao Plano de Conservación da Frouxeira

Novas relacionadas:
Nota.- Imaxe - A colmatación da Frouxeira (fonte: Xunta)

Delegación de ADEGA Ferrolterra-Trasancos
Apartado 481
15480 Ferrol
Email: adegatrasancos@adega.info
http://adega.info/

Información baseada na enviada por:
Antonio Gª
-angaji@yahoo.com-
5 de setembro de 2014 23:29

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon