martes, setembro 09, 2014

O Tratado de libre comercio e a privatización sanitaria, ... Pablo Vaamonde

Por Pablo Vaamonde [*]
17.08.2014


O Servizo Nacional de Saúde (SNS) español non é perfecto –un dos principais problemas é o déficit crónico de financiamento-, pero está entre os mellores e máis eficientes do mundo. É unha das conquistas sociais máis importantes das últimas décadas. Actualmente está a sufrir un ataque frontal, desde o propio poder, para xenerar espazos de negocio. O obxectivo é alimentar ás empresas privadas a costa de reducir o sector público. Os expertos concordan, e xa o temos lembrado máis veces, que “os sistemas sanitarios universais, con propiedade e xestion públicas e baseados na Atención Primaria (AP)  son os que ofrecen mellores resultados en saúde e tamén son os máis eficientes, equitativos e humanos”.

Mais o PP camiña en sentido contrario e está realizando unha auténtica demolición do SNS: suprimiron a cobertura universal (Decreto Lei 16/2012), anularon a AP (coas Xerencias de Xestión Integrada), e entregaron a mans privadas os servizos e os hospitais (Lei 15/97, hospitais PFI, externalizacións masivas, áreas de xestión clínica, etc).

As factorías de pensamento neocom do mundo sanitario (Bamberg, Idis, Sedisa, Gertech) difunden o seu credo baseado en catro auténticas falacias: a insustentabilidade do sistema, a necesidade de separar financiación e prestación dos servizos, a obriga de introducir copagamentos e a crenza (falsa) de que a xestión privada é máis eficiente que a pública. Con este argumentario falaz están a desmantelar o SNS, peza clave do Estado de benestar, para favorecer negocios privados a expensas do diñeiro público (a sanidade representa o 40% do orzamento das CCAA).

A esta actuación privatizadora, impulsada con descaro polo PP, súmase agora unha nova e grave ameaza: O Acordo Transatlántico sobre Comercio e Inversión (TTIP) que están a negociar con secretismo a UE e os EEUU. De ser aprobado este Tratado representaría un perigo certo para a sanidade pública. Porque non procura só estimular o comercio senon que pretende suprimir as “barreiras” reguladoras que limitan os beneficios potenciais das corporacións transnacionais a ambos lados do Atlántico e, sobre todo, pretende favorecer novos mercados abrindo o sector dos servizos públicos e a contratación pública ás empresas transnacionais, o que provocaría unha onda privatizadora en sectores como a sanidade e a educación. Estas privatizacións serían, ademáis, imposibles de recuperar, pois as empresas poderían recurrir a entidades arbitrais ad hoc para reclamar indemnizacións elevadas por incumplimento de contrato e lucro cesante.

O TTIP tamén pode ter repercusións severas sobre a política farmacéutica. O gasto en farmacia é un dos principais problemas do SNS: o gasto en medicamentos é case o doble da UE. Este Tratado fortaleceria ainda máis a posición da poderosa industria farmaceutica, que podería impoñer medidas favorables aos seus intereses: prolongar as patentes dos fármacos, retrasar a entrada de xenéricos no mercado, reducir os requisitos para as súas patentes, controlar ás axencias estatais de avaliación de medicamentos e tecnoloxía sanitária, conseguir maior influencia nos organismos estatais que fixan as políticas de precios, apropiarse do control dos ensaios clínicos de novos fármacos, etc. Con todo esto, e outras posibilidades de intervención que non mencionamos, o gasto sanitario podería incrementarse de tal maneira que faría, daquela sí, realmente insustentable a continuidade do SNS.

Porque aqui estamos fronte a un plan estratéxico, liderado pola industria farmacéutica e as empresas da tecnoloxía sanitaria, para desmontar os servizos públicos e apoderarse do seu financiamento. Estes lobbies son dos máis poderosos do mundo, teñen moita presenza do Departamento de Comercio de USA e grande influencia sobre a Comisión Europea. De aprobarse este Tratado provocaría a eliminación definitiva do dereito á saúde, garantido polo SNS, para equipararnos ao modelo dos EEUU, donde os dereitos sociais básicos non están garantidos polo Estado e tamén se provocaría unha progresiva precarización laboral e salarial dos profesionais. Os defensores da sanidade pública (FADSP) consideran que o SNS está en perigo real por esta “estratexia deseñada por grupos poderosos que pretenden facerse cos fondos que o Estado destina á sanidade”.

Blogue persoal de Pablo Vaamonde:

Pavillón de Repouso

http://pablovaamonde.blogspot.com.es/

[*] Pablo Vaamonde, nado na Baña en 1956. É médico de familia no Centro de Saúde de Labañou (A Coruña). Foi fundador e director da revista médica Cadernos de Atención Primaria (1994-2005), presidente da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) de 1996 a 2005 e vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de A Coruña e responsable do Programa de Formación Continuada de 1998 a 2005. Foi director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2005 e 2006. Tamén foi membro da Comisión Sectorial de Sanidade que elaborou o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, colaborador habitual dos medios e autor de tres libros de narrativa: O fillo do emigrante (2002), O mes de abril (2004), Luz Divina e outros retratos (2006). Recibiu o Premio Lois Peña Novo en 2005, polo seu compromiso na promoción e defensa da língua de Galicia e é colexiado de Honra con Emblema de Prata (2007) do Colexio Oficial de Médicos da provincia de A Coruña.

Publicado no seu Blogue persoal | 09.09.2014.

Enviado por:
Inácio Martínez
-inaciogz@gmail.com-
9 de stembro de 2014 23:39

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon