luns, febreiro 18, 2008

Oposición ao proxecto de enlace entre a AP9 en Neda e a Autoestrada Ferrol-Vilalba (AG64)

De: SGHNFERROL -sghnferrol@teleline.es-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 18 de fevereiro de 2008 19:03
Asunto: Nota de Prensa


Prégase a súa difusión

Oposición ao proxecto de enlace entre a AP9 en Neda e a Autoestrada Ferrol-Vilalba (AG64)

O pasado venres 1 de febreiro tivo lugar no local da Fundaçom Artábria, en Ferrol, unha reunión entre os grupos ecoloxistas da comarca (Adega-Trasancos, SGHN-Ferrol e Verdegaia) e veciños/as de Neda, para tratar sobre o proxecto de construción dunha vía de alta capacidade de conexión da AP-9 (enlace Neda) coa AG-64 (enlace S. Sadurniño).

Os/as reunidos/as en dita mesa coincidimos en rexeitar este proxecto, por entender que actualmente carece de sentido, xa que o concello de Neda, coas infraestruturas que existen na actualidade, está perfectamente conectado coa autoestrada AG64 (Ferrol-Vilalba) por medio de alomenos estas tres opcións:

o Usando a AP9 dirección Ferrol e desviándose cara ao Polígono do Río do Pozo.
o A estrada AC-641 e a súa continuación na estrada AC-642.
o A través do enlace entre Vilar do Colo e a estrada Cabanas - As Pontes.

A vía rápida proxectada causaría consideraveis prexuízos no Concello, fraccionando pola metade o seu territorio, e atravesando ao seu paso zonas de interese ambiental, paisaxístico, agrario e forestal. Por unha parte está a afectación ás Fragas do Río Belelle, que forman parte da proposta de ampliación da Rede Natura 2000 presentada pola Xunta de Galicia (non hai que esquecer que se trata dunha das fragas máis importantes da provincia). Por outro lado, afecta tamén ao Lugar de Importancia Comunitaria “Río Castro”, que xa forma parte desta rede de espazos protexidos.

Á variedade de ecosistemas existentes no concello debemos engadir unha interesante zona de marismas de fondo de ría na franxa litoral.

Estes argumentos son os que decidiron a algunhas entidades ecoloxistas a demandar figuras de protección para os puntos de maior interese ambiental, e ao concello de Neda que axustase as súas previsións de desenvolvemento a estas circunstancias, primando por riba doutras opcións as actividades relacionadas co sector turístico e hosteleiro, así como o mantemento das actividades xa existentes. Este proxecto daría ao traste con estas pretensións.

O interese económico que puidera servir de argumento para levar adiante o proxecto esvaécese totalmente ante os danos económicos que produciría no concello, ao quedar afectadas propiedades de gran valor. Estes efectos negativos veríanse agravados pola alta densidade poboacional dalgunhas zonas atravesadas polo trazado.

Ante estas ameazas, entendemos que non se pode realizar este proxecto sen a máis mínima consideración nin previsión das afeccións que pode causar ao patrimonio do concello.

A execución do Plan Xeral de Ordenación Municipal obrigaría a unha axeitada orientación de territorio acorde coa Lei do Solo. Entre tanto é absurdo concebir unha obra de tal envergadura e consecuencias tan nefastas, máxime cando estamos a falar dun dos concello ambientalmente mellor conservados da comarca. Non vemos a razón de anteceder esta obra ao PXOM.

Non podemos deixar de lado tampouco os prexuízos que esta obra causará a propiedades privadas, directamente por expropiacións de predios e, indirectamente, por contaminación acústica, modificación dos cursos de augas superficiais e freáticas, o que inclúe cegado de fontes, desvío de regos, etc. Sen esquecer que unha elevada porcentaxe da poboación residente hoxe en día elixiu esta magnífica paraxe como un modelo de vida alternativo á vida urbana.
______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon