Unha delegación de voluntar@s do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, ocupou unhas dependencias do Pazo Municipal de Ferrol, coa intención de declarar un peche indefinido para reclamar o cese de actividade de REGANOSA
A oposición social contra REGANOSA, ten moitos anos de vida, desde que se soubo da pretensión da súa instalación dentro da Ría, ao pouco tomouse a iniciativa de constituir un Comité Cidadán de Emerxencia, para impedir a tolemia de instalar unha planta regasificadora no corazón da nosa Ría. 8 anos de loita contra este monumental despropósito que auspiciado polo Grupo Tojeiro e a Administración Fraga [PP], co apoio de multinacionais enexéticas e entidades financieiras do noso país, posteriormente coa complicidade das autoridades autonómicas do novo goberno bipartito [PSOE-BNG]. A nivel da administración municipal o Concello de Mugardos deu todas as facilidades para que se consumara tal despropósito, o de Narón fixo algún xesto de apoio ás demandas cidadáns, os de Neda e Fene, como que con eles non vai o asunto. E o de Ferrol que nun principio ten resolucións de rexeitamento da localización da planta de gas dentro da Ría, formulando alegacións e demandas, posteriormente producese unha viraxe nos posicionamentos que o convirte en cómplice e pretende deixar de exercer a súa función de defensa da cidadanía, renunciando a defender os dereitos cidadańs, nos contenciosos abertos contra REGANOSA e a localización actual da Planta de Gas, nos que participaba como parte afectada e interesada.
Moitas persoas, son as que argumentan que isto había que facelo antes, amosando unha total amnesia social e sen darse conta da ocultación e manipulación mediática á que estivo sometida esta loita cidadá. A planta comezouse a construir en Febreiro de 2004 e o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, xa levaba case tres anos de actividade opositora a tal despropósito gasístico.
No movimento opositor a REGANOSA, hai consciencia de que estamos pelexando contra un potente enemigo apoiado polas administracións e grupos mediáticos, mais tamén somos conscientes da necesidade de dar esta loita, por xusta e necesaria, na defensa da vida, a seguridade e a Ría.
Despois dun ano de intensa actividade, o Comité Cidadán de Emerxencia e a Asemblea Cidadá, acordaron dar un impulso á mobilización social que sempre mantivo unha chama acesa mostrando na rúa a súa protesta cada vez que un buque cargado con GNL entraba na Ría poñendo en perigo a nosa seguridade, a vida e a Ría. O pasado 9 de Maio, no aniversario da expulsión da nosa Ría do buque metanero "Galicia Spirit", o primeiro buque cargado con GNL [LNG] que pretendia entrar con destino ao peirao da ilegal e perigosa REGANOSA, mobilizamonos pola cidade de Ferrol, sinalando establecimentos e oficinas das empresas e entidades que forman parte do acionariado de REGANOSA. Unha mobilización sonora de grande éxito que os medios de comunicación intentaron minimizar. Esta foi unha mobilización cunha grande carga simbólica e reivindicativa que anunciaba que o movimento opositor estaba vivo e cargado de razóns, pois REGANOSA ameaza e aumenta o perigo á poboación, con novas ampliacións regasificadoras, coa pretensión de inzar Galiza de camións cisterna cargados con GNL e unha brutal agresión á nosa Ría pretendendo a voadura do canle de entrada, agredindo os fondos mariños nunha zona LIC [Lugar de Interse Comunitario], protexido pola Unión Europea.
Onte unha delegación de voluntar@s do Comité Cidadán de Emerxencia, ocupaba unhas dependencias do Pazo Municipal de Ferrol, coa intención de declarar un peche indefinido para reclamar o cese de actividade de REGANOSA; para denunciar aos que permitiron a construción da planta regasificadora dentro da Ría; para denunciar o aumento das ameazas da empresa gasística, pois, entre outras ameazas xa sinaladas con antelación, ao aumentar a súa capacidade regasificadora e instalar máis vaporizadores, vanse duplicar o número de buques que teñen que entrar na Ría e a auga enfriada e morta que se vai verter nela; e por último reclamar ao Concello de Ferrol que cumpra coas súas obrigas de defensa da cidadanía e da Ría, opoñendose claramente á localización da planta regasificadora dentro da Ría.
A próxima cita, pode que sexa o día 6 de xuño, pois agardase un novo buque gaseiro cargado con GNL para REGANOSA, polo que de producirse, terá de novo unha mobilización de protesta. Mais a que si está convocada é a MANIFESTACIÓN do vindeiro Domingo 8 de Xuño, ás 12 do mediodía no Porto de Ferrol, non faltemos.
Galería Fotográfica, con fotos de José Álvarez que leva 13 días en Folga de Fame na Praza do Concello de Ferrol, polo desarme contra a instalación do "Escudo Estelar Europeo", tamén fotos de J. Meis [Diario de Ferrol], do CCE e da propia PA21.
__________
_________
De: Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 3 de junho de 2008 17:35
Asunto: O Comité Cidadán de emerxencia pechado no Concello de Ferrol
O 3 de Xuño, ás 11 horas, varios membros do Comité Cidadán de Emerxencia para Ría de Ferrol, iniciaron un peche no Palacio Municipal de Ferrol.
Esta acción ten por obxecto o demandar da Corporación un pronunciamiento claro contra a localización da Planta de Gas de Reganosa no interior de Ría, así como o seu rexeitamento ás novas ameazas que se perfilan para a súa sostenibilidade e para a vida dos seus habitantes, detalladas no escrito entregado á Alcaldía que se reproduce a continuación.
O CCE convida a cantas persoas e colectivos consideren oportuno apoiar esta iniciativa a manifestalo mediante visitas aos pechados no Concello, como xa o están a facer moitas persoas nestas primeiras horas de peche, ou comunicados públicos, mensaxes de correo electrónico ou calquera outro medio.
Oportunamente notificarase cantas novidades xurdan respecto desta situación, e unha vez máis recordar a convocatoria para a MANIFESTACIÓN do Domingo, 8 de Xuño, ás 12 hrs no Peirao de Curuxeiras – Ferrol. PLANTA DE GAS FORA DA RÍA¡!
_____
Escrito dirixido ao Alcalde de Ferrol
___________
Escrito de Solidariedade da Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga"
Comunicado de Solidariedade do Consello Local de Esquerda Unida
_________
Manifestación desde o Porto de Ferrol
8 DE XUÑO, ÁS 12 DO MEDIODÍA
Descarga o PDF do Boletín nº14
http://na-defensa-da-ria-de-ferrol.blogspot.com/
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon