xoves, abril 30, 2009

Mocións de EU ao Pleno Municipa de hoxe

eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
29 de abril de 2009 14:21


Prezad@s amig@s: achegámosvos para a vosa información copia das mocións presentadas para o debate no Pleno do concello de Ferrol de hoxe [30.04.2009] pola tarde.

As mocións atenden a crear dúas oficinas de atención cidadá dentro dunha política de descentralización administrativa, nos barrios de Caranza e Serantes; a segunda demanda ao ministerio que non autorice a ampliación da capacidade regasificadora da planta de gas e someta - dacordo ás 3 sentenzas xudiciais do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia - o conxunto do porxecto a preceptiva declaración de impacto ambiental.

Recibide un saúdo, Ramiro Marier ( Grupo Municipal de EU )

2009-02-27 moción planta gas, ampliación capacidade regasifica dora
2009-04-24 moción descentralización administrativa

___________________

Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL

Yolanda Díaz Pérez, Voceiro do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A ría de Ferrol supón un espazo fundamental para o desenvolvemento da vida na nosa comarca, espazo que está en permanente perigo pola instalación da planta de gas de Reganosa en Punta Promontoiro. A devandita instalación ten hoxendía unha capacidade de almacenamento para 300.000m3 de GNL ( metano ), equivalentes a 150.000 tn., que supoñen unha ameaza certa e constante para os milleiros de persoas que viven ao carón da ría. Capacidade que agora quérese ampliar o que suporía un incremento dos riscos asociados a esta instalación.

A planta de gas actual está a vulnerar a lei xa que non garda as distancias mínimas esixidas respecto as poboacións e lugares de interese natural ou público segundo recolle o artigo 12 da Directiva 92/82 CE, asemade do incumprimento das distancias mínimas de 2.000 metros cara aos núcleos poboacionais previstas no RAMINP.

A propia morfoloxía da nosa ría entrega razóns para considerar inadecuada o seu actual emprazamento. E dende a entrada en funcionamento da planta téñense producidos incidencias nas entradas dos gaseiros por mor da angostura da ría, que remata nunha boca estreita e pouco profunda.

Os recheos e a modificación do sistema de regasificación ( dun sistema de circuito pechado a outro que sendo máis económico provoca a morte de larvas, ovos, espcies, plancton, rachando a cadea trófica ) supoñen danos engadidos provocados pola planta, cuxo emprazamentos acumula até tres sentenzas contrarias do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en contra da tramitación ambiental da planta. Hogaño a planta de gas adolece da declaración de impacto ambiental

O certo é que a proposta de dobrar a capacidade regasificadora supón un incremento dos perigos e danos que produce a planta cada día que pasa. Duplicar a capacidade suporía que entraría na nosa ría un buque gaseiro cada 3-4 días.

A duplicación da capacidade regasificadora non está xustificada polos consumos previstos nos grupos de ciclo combinado, nos que se manexan datos que non son reais. O consumo polas centrais térmicas de ciclo combinado de Sabón e As pontes seguindo a media estatal suporía só un consumo do 29% da capacidade actual da planta de gas de Reganosa. O consumo real dos ciclos combinados pode ser alimentado coa capacidade actual dos gasoductos que conectan coa rede estatal. Un ano de funcionamento da planta deixa en evidencia as previsións irreais.

Incumprimentos que se producen tamén no que atinxe ao proceso da aprobación previa, por canto entre os requisitos da CNE contemplábase na condición octava a posibilidade de deixar sen efecto a autorización no caso de que houbera incumprimentos nas condicións expresadas.

En resumo, semella inaceptable andar a fraccionar e alterar as condicións do proxecto para eludir unha avaliación do conxunto do mesmo. Dacordo coa xurisprudencia do TXCE hai que facer a avaliación dos conxuntos dos efectos non só singularmente da ampliación. Ampliación que supón aumentar as ameazas e riscos para a poboación que vive na contorna da ría. O estudo do CEDEX de xullo de 2006, o índice de risco con 12 accesos anuais é 70% menor que para 50 accesos; pasar a 104 accesos non deixará de aumentar o perigo. A ampliación suporía tamén un agravemento do impacto no ecosistema da ría, ao aumentar a cantidade de auga esterilizada e menor temperatura do medio. Ampliación que semella innecesaria segundo a producción actual e as previsións de consumo realistas.

Xa que logo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete á consideración do Pleno do Concello de Ferrol o seguinte ACORDO:

I.- Instar o Ministerio de Medio Ambiente non autorizando unha ampliación da capacidade regasificadora da planta de gas que é innecesaria e que non deixa de incrementar os riscos asociados á planta.

II.- Someter a totalidade do proxecto – xunto coa proposta de modificación da capacidade regasificadora – á preceptiva Declaración de Impacto Ambiental consonte as sentenzas do TSXG que dan razón do carácter ilegal do actual emprazamento.

Ferrol, 27 de abril de 2009
Asdo. Yolanda Díaz Pérez
Voceira do Grupo Municipal de EU


Á ALCALDÍA DO CONCELLO DE FERROL

Javier Galán Pérez, concelleiro do GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA, de conformidade co disposto no artigo 104 do Regulamento Orgánico do Concello de Ferrol, e co artigo 97.2 do vixente Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, presenta a seguinte Moción ao obxecto de ser incluída na orde do día do Pleno ordinario e debatida no mesmo coa seguinte,

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A consideración da cidade como un espazo central para a participación cidadá e a consideración da cidadanía como suxeito activo e protagonista na vida social cidadá esixe un esforzo decidido das administracións pública para procurar os investimentos e recursos necesarios para facilitar a participación cidadá.

A descentralización administrativa forma parte dos eixos directores que as administracións públicas teñen que desenvolver para propiciar a cercanía ás necesidades e demandas da veciñanza, para facilitar a relación entre as e os administrados e a administración.

A modernización da administración local pasa sen ningún xénero de dúbidas entre outras directrices polo achegamento dos espazos físicos da administración cara aos barrios e espazos de vida social cidadá. O desenvolvemento destes equipamentos forma parte das esixencias que ten que cumprir unha anovada administración local, que se relacione nun plano de igualdade coa cidadanía e xa non con súbditos.

A participación cidadá necesita do desenvolvemento de oficinas de atención á cidadanía que xeren unha atención integral no que atinxe a información, dereitos e deberes, dos diversos trámites administrativos e que coadxuven a pular pola intervención cidadá nas cuestións municipais. Participación cidadá que conforma o piar central para poder desplegar as políticas de democracia participativa, que fornezan a unha cidadanía crítica e esixente, cada día máis protagonista nos diferentes eidos da vida social do noso concello.

A morfoloxía e extensión do noso concello avogan tamén pola implantación destas oficinas de atención á cidadanía, que permitan atender un servizo integral no que atinxe á información municipal, e que faciliten os mecanismos da tramitación administrativa, servindo tamén como nodos de tramitación dos asuntos competenciais das administracións públicas; servizos que terán un carácter presencial, telefónico e telemático.

Xa que logo e atendendo ao referido nos parágrafos superiores, o Grupo Municipal de Esquerda Unida somete a ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte proposta de ACORDO:

I.- Que o concello de Ferrol acorde a creación de dúas oficinas de atención á cidadanía nos barrios de Caranza e Serantes.

II.- Que se proceda a dotar no vindeiro orzamento do concello para 2009 as partidas orzamentarias precisas para a súa creación e posta en funcionamento.

Ferrol, 24 de abril de 2009
Asdo. Javier Galán Pérez
Concelleiro do Grupo Municipal de EU
____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon