Ferrol dispón dun novo Regulamento de Participación Cidadá pioneiro en Galicia Venres
O pleno aproba, por unanimidade o documento, que nace dun intenso traballo da cidadanía. A nova normativa establece novos mecanismos de participación na toma de decisións e na sua execución. A cidade dotase así dun regulamento que é de tódolos cidadáns e as cidadás.
Por unanimidade, o pleno do Concello de Ferrol aprobaba, este xoves 9 de Xullo de 2009, de xeito inicial un novo Regulamento de Participación Cidadá que sitúa á cidade na vangarda de Galicia dos procesos participativos. Un Regulamento que nace da propia cidadanía e que marcará un antes e un despois sen retorno. Suporá un cambio radical respecto ao vixente, que data de 1998, e que nacía á súa vez dunha reforma do primeiro Regulamento aprobado en 1986. Onte á tarde a cidadanía respondía masivamente á convocatoria e abarrotaba o salón de plenos para seguir o transcurso do pleno, no que tamén tomaron a palabra representantes do Grupo de Análise e Proposta (GAP): Xosé Miguel López e Xosé Manuel Mel Sanxoán. Tras a votación, un quinteto de clarinetes da Banda de Musica Ferrolá poñía o punto e final á sesión.
O proceso da segunda reforma do regulamento se poñía en marcha en abril de 2008 coa participación do tecido asociativo, axentes sociais e cidadáns a título particular. Naquel entón, se constituían tres espazos de participación. En primeiro lugar, os Foros cívicos, onde se presentaba o proceso participativo e se validaba o borrador do regulamento, que eran refrendados por máis de 70 entidades, cunha participación de 85 veciños e veciñas. Precisamente agora, resta no proceso a celebración dun terceiro foro para dar a coñecer o Regulamento final, logo da fase de achegas e poder designar así a Comisión Permanente de Seguemento dos procesos participativos. Unha comisión que cumpre un papel fundamental como avaliadora. Tamén un Grupo de Análise e Proposta (GAP), no que teñen representación 30 entidades e cidadáns individuais e que estivo a traballar en 15 sesións sobre o texto normativo. E o terceiro espazo de participación foi a Comisión Política de Seguemento, na que estiveron representados os cinco grupos políticos ao longo de todo o proceso e, unha vez validado o texto no segundo foro cívico (que data de outubro de 2008), comezaba a funcionar a través da Comisión Informativa da Área de Participación Cidadá, para a tramitación administrativa e xurídica do proceso. A maiores e a solicitude do GAP botaba a andar un cuarto espazo: as sesións de contraste entre este grupo de traballo e os cinco grupos municipais co fin de intercambiar información e coñecer os posicionamentos de todas as entidades implicadas nesta iniciativa.
Neste contexto, é destacable a excelente valoración que realizaban tódolos sectores implicados neste proceso participativo ao constituír unha “escola da cidadanía” na busca constante dun consenso. Asemade, serviu para depurar e actualizar o Rexistro de Asociacións, unha base de datos que se informatiza. E tamén servía para poñer en contacto a diversas entidades veciñais que, traballando no mesmo sector, descoñecían a realidade doutros barrios.
Cómpre lembrar que o proceso de información xurídica iniciábase o 6 de novembro de 2008, coa petición de informe á Secretaría Xeral. Inicialmente, existían discrepancias en relación ao sistema de aprobación da figura do Defensor da Cidadanía por maioría absoluta (sistema consensuado tanto pola cidadanía como polos grupos políticos, ademais do aval dos informes externos da FEMP e do Concello de Vitoria-Gasteiz). Os tres primeiros informes xurídicos da Secretaría Xeral recomendaban, nembargantes, un sistema de aprobación por maioría simple para esta figura, en base a unha interpretación da Lei de Bases de Réxime Local. Tras recibir o segundo informe aclaratorio dos Servizos Xurídicos da FEMP, a Secretaría Xeral entrega un cuarto informe xurídico non desfavorable ao sistema de aprobación por maioría absoluta desta figura. É entón cando se dá traslado á Comisión Informativa de Participación Cidadá da tramitación do expedente para a súa aprobación plenaria.
Historia do regulamento
O Concello de Ferrol aprobaba por unanimidade nun pleno extraordinario en xuño de 1986 o primeiro Regulamento de Participación Cidadá, que previamente fora refrendado por unha asemblea xeral das Asociacións Veciñais o 30 de maio dese ano. No acordo plenario se recollía que “o Concello ten a obriga de facilitar á cidadanía a máis ampla información sobre as súas actividades, fomentar a participación na xestión municipal, sexa a título individual ou asociativo, e favorecer o desenvolvemento das entidades veciñais para a defensa de intereses xerais ou sectoriais” .
Nesta normativa inicial, regulábanse órganos de participación como as xuntas de barrio rurais e urbanas, os consellos sectoriais; dereitos cidadás, como as consultas á poboación e tamén se daba luz verde ao “Rexistro Municipal de Asociacións”. E, na exposición de motivos deste regulamento precursor para as administracións locais no Estado, xa se destacaba unha idea moi vertebral para entender o obxecto daquel documento: que o Concello, como marco político-administrativo máis próximo á cidadanía, é o lugar ideal para que a democracia se poida exercer de forma directa. Ao tempo estipulaba que a democratización do concello esixe, non só a representatividade da veciñanza elixida polo pobo para a toma de decisións, senón tamén a intervención de todas e todos os cidadáns na planificación e control das actividades e políticas públicas. Así as cousas, o texto de 1986 recollía a filosofía do proceso participativo actual que xa vén lexitimado a este Pleno polo tecido social e polas forzas políticas e que hoxe comeza a dar os pasos para obter a súa legalidade e as súas garantías.
Nos anos noventa, creábase un Negociado de Participación Cidadá e unha comisión específica para a revisión do Regulamento, que se adapta á lei de administración local de Galicia de 1997. Comezaba tamén o traballo do Plan Comunitario de Caranza, como experiencia pioneira de participación cidadá. O novo texto aprobábase no pleno en setembro de 1998 (no 5º mandato da democracia). Nese contexto, poñíanse en marcha diversos consellos sectoriais (Educación, Muller, Língua, Servizos Sociais...) con certa intermitencia na súa creación e na periodicidade de sesións e iniciábanse diversos proxectos participativos como o plan de normalización lingüística (1999) ou a Axenda Local 21 (2003).
O regulamento aínda en vigor e que se vai a reformar recolle tan só como órganos de participación os consellos sectoriais e os patronatos. Non obstante,a administración debe de abrir novas canles de comunicación e de traballo conxunto coa cidadanía e crear figuras e organismos novos, que se adapten ás necesidades e demandas da veciñanza. Estes contidos foron especialmente os que se reformaron a través dun proceso participativo que se iniciaba o ano pasado e que remataba onte coa aprobacoón en pleno.
Fonte: web do Concello de Ferrol
Fotos: Susete70 e orosario-inferninho.blogspot.
Para consultar o borrador do regulamento, prema aquí
_____________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Participación cidadá
O Pleno aproba o novo Regulamento de Participación Cidadá de Ferrol consensuado co movimento asociativo e veciñal
domingo, xullo 12, 2009
O Pleno aproba o novo Regulamento de Participación Cidadá de Ferrol consensuado co movimento asociativo e veciñal
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan domingo, xullo 12, 2009
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon