venres, outubro 16, 2009

O Consello Escolar do Colexio Público "Manuel Masdias", inicia un peche ante a situación "insostíbel" por falta de profesorado

Tags



O Consello Escolar do Colexio Público Manuel Masdias do barrio de Caranza, iniciou hoxe un peche en demanda dunha solución para unha situación escolar que califican de "insostíbel".

Neste curso 2009-2010, ás características dun sector do alumnado, numericamente significativo, con necesidades educativas específicas, con risco de exclusión social, que acaban de incorporarse, nalgúns casos, doutros centros da comarca, únese un recorte significativo do profesorado. Esta falta de medios está provocando que a actividade escolar non se poda desenvolver con normalidade.

O Manuel Masdias, é o único centro público de infantil e primaria, do barrio de Caranza. Un barrio que conta con 15.000 habitantes. Desde sempre este centro destacou pola sua orientación a favor dun ensino de calidade, inspirado nas correntes pedagóxicas mais inovadoras, desenvolvidas por excelentes profesionais. Todo isto contando que son os sectores máis desfavorecidos do barrio, os que teñen desde sempre, ao Manuel Masdias, como o seu centro de referencia e de pertenza.

Pero "este curso a situación non permite outra saída que conseguir un compromiso da administración para que tome consciencia da situación real do centro e envie a dotación de profesorado que estamos demandando".

Pola súa parte a ANPA do Manuel Masdías, que participa no peche a través das súas representantes, reivindica ademais, que o Concello aumente a dotación de persoal que atende o servizo de comedor escolar, por ser un ámbito educativo máis do centro, e polo tanto non é alleo á problemática que se presenta neste curso.

Ás 16:00 horas deste venres 16 de Outubro, celebrarán unha asemblea para decidir as accións a tomar a semana próxima.
__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon