venres, outubro 02, 2009

Un novo buque gaseiro ameaza a nosa seguridade: o “LNG Bayelsa”, que procede de Nixeria, ten anunciada a súa chegada a Reganosa, este Sábado 3 de Outubro, o Comité Cidadán de Emerxencia, convoca unha concentración ás 8 da tarde, para denunciar e protestar ante este feito



De novo un gaseiro cargado con GNL-LNG, ten prevista a súa entrada na Ría de Ferrol, aumentando exponencialmente o perigo que de por si mesma representa REGANOSA, instalada no corazón da Ría, no concello de Mugardos. Este buque o “LNG Bayelsa”, que procede de Nixeria [país onde a extracción de gas e petróleo só produce corrupción, miseria e xenocidio contra a poboación, onde, só uns poucos e as transnacionais petroleiras, se enriquecen a consta dos recursos enerxéticos do país africano], faría o número 53 que irresponsabelmente entran, periodicamente, na Ría desde Maio de 2007.

O buque gaseiro é un buque de grande porte de case 300 metros de eslora por 50 de manga, imposibilitado de dar marcha atrás unha vez que poña proa na boca da Ría. Máis o peor é o seu calado con 12,32 m, conven precisar este dato, pois a canle de entrada na Ría ademais de ser sinuosa, estreita e longa, ten moi pouco calado e os fondos son rochosos, o que provoca que os buques só podan pasar por esa canle condicionados a que se cumpran, segundo a normativa vixente, unha serie de requisitos de seguridade, é dicir: sen vento, con marea alta e por suposto coa luz do día e sen néboa ou chuvia que impida a visibilidade.

Sobre este último punto, no mes de Xullo deste ano 2009, o Comité Cidadán enviaba unha carta tanto ao Presidente da Xunta como ao do Goberno Central que nun dos seu apartados di: "Reganosa atópa-se enclavada no interior de Ría de Ferrol. Unha Ría que se comunica co mar aberto a través dun estreito e sinuoso canle, os buques gaseiros deben atravesar unha canle de 5 Km de longo e tan só 150 m de ancho navegábeis, sendo necesarios 6 cambios de rumbo, cando no resto das plantas un só cambio é suficiente para abandonar o porto. Para esta operación deben estar apoiados por dous prácticos do porto, catro remolcadores de alta capacidade de tiro, deben dar-se unhas boas condicións de vento (menos de 15 nós) e visibilidade (máis de 1000m) e só poderá realizarse durante unha hora ao redor da preamar diúrna. Todas estas circunstancias imposibilitan que no caso dun accidente, ben sexa na planta ou no propio buque durante as operacións de descarga, o gaseiro puide-se abandonar rapidamente o interior da Ría e poder saír a mar aberto polos seus propios medios, tal como esixe a normativa aplicábel para diminuír os efectos dun posíbel accidente".

Nun dos últimos boletíns editados polo Comité Cidadán de Emerxencia, dicíamos isto que conven lembra-lo cada vez que se poida, e este é un bon momento, pois un novo buque ameaza as nosas vidas, a nosa seguridade e á propia Ría, ferida xa de morte polos verquidos que a ela van parar sen depurar: "Reganosa é un dos maiores escándalos de corrupción política, económica e mediática da democracia e tamén pode chegar a converter-se nunha enorme traxedia no caso de que siga con actividade. Non existen medios materiais, nin técnicos capaces de evita-la diante os elevados riscos de accidentes. Que Enagas, trala súa privatización, renunciara á Planta de Gas, non é xustificación para que a Xunta de Galicia apostara, a costa das nosas vidas e patrimonios, pola localización dentro da Ría de Ferrol, polo feito de que os seus promotores decidisen, por razóns de beneficio propio, a localización en Mugardos. Lugar que xa fora descartado, no ano 1994 por un rigoroso estudio técnico de riscos realizado por MW Kellog".



Diante da anunciada chegada do xa citado buque, “LNG Bayelsa”, cargado con LNG-GNL, o vindeiro Sábado 3 de Outubro de 2009, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, convoca unha nova concentración, ás 8 da tarde, diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, na Praza Amada García de Ferrol.
  • Pola paralización da actividade e o desmantelamento de Reganosa xa !
  • A Ría é nosa e non de Reganosa !!
  • Planta de Gas Fora da Ría !

Características do buque “LNG Bayelsa: Bandeira .- Bermudas,  Eslora.- 288,75 m,  Manga.- 48 m., Calado Máximo.- 12,32 m

Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:



Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org




Información baseada na enviada polo:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
1 de outubro de 2009 23:03

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon