xoves, febreiro 04, 2010

Sábado 6 de Febreiro de 2010: Homenaxe a Carmelo Teixeiro no II Aniversario do seu pasamento

Organizado polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, este Sábado, 6 de febreiro 2010, ás 12 do mediodía en Caranza (Parque Carmelo Teixeiro), celebrarase unha homenaxe a quen foi o seu primeiro Coordinador:  Carmelo Teixeiro Menéndez, ao celebrarse o segundo aniversario do seu pasamento.

Alí, no parque que leva o seu Nome, ao pé dos tres carballos plantados na súa memoria, lembraremos a Carmelo, a súa labor ao fronte deste Comité Cidadán e a súa semente de loita e compromiso contra o maior perigo a que se enfronta a nosa comarca, a Planta de Gas localizada no interior da Ría de Ferrol.

Será un acto sinxelo, coa intervención de membros do Comité e a música de Estrela e o seu violín e do grupo A Revolta.

Farase unha ofrenda floral na que tod@s estamos convidados.








Carmelo Teixeiro, Coordinador do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, dedicou os dez últimos anos da súa vida a dirixir con eficacia, enerxía e constancia todas as actividades desenvolvidas en contra da localización da Planta de Gas, da defensa medioambiental da Ría e da vida dos seus habitantes.

Ademais, Carmelo Teixeiro desempeñou un importante papel na Transición política do noso país. Procedente das JOC, participou activamente no movemento sindical de Bazán dos anos sesenta ( foi xurado nas eleccións de 1963) e na reconstrución do movemento socialista na comarca, pois foi fundador da USO, posteriormente dirixente da UXT e formou parte da dirección do PS de G-PSOE, desde 1978.

Fundador e primeiro presidente da Asociación Cultural Fuco Buxán e da Revista “Razón Socialista”, o seu traballo sempre intenso, desinteresado e discreto, ao longo de toda a súa vida, polas causas sindicais, políticas e sociais, é un exemplo de entrega e compromiso para as compañeiras e compañeiros que se esforzan cada día por acadar un mundo máis xusto e solidario.

¡ PLANTA DE GAS FORA DA RÍA ¡

Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org


______________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon