sábado, maio 15, 2010

Ártabra 21 participará na convocatoria unitaria pola Lingua da Praza Rosalia este Sábado 15 de Maio, ás 6 da Tarde

O Colectivo Ártabra 21, na súa reunión ordinaria celebrada onte, acordou participar na autoconvocatoria unitaria pola nosa lingua, deste Sábado 15 de Maio de 2010 que se vai celebrar na Praza Rosalia de Castro de Ferrol, situada no barrio de San Xoan, próxima á estrada de Castela. E apoiar a Manifestación Nacional, en defensa do Galego que secelebrará en Santiago de Compostela o vindeiro 17 de Maio, Día das Nosas Letras, dedicado este ano ao poeta do Caurel, Uxío Novo Neyra. Mais consideramos que todos os actos en defensa do Galego, sexan particulares, institucionais ou veciñais, son merecedores do nosdo apoio.


[Localización da Praza Rosalia do Concello de Ferrol]

Na actual situación de menosprezo, por parte da Xunta de Galicia e sectores políticos da dereita, na defensa da Lingua non pode haber fisuras. A nosa Lingua é unha parte fundamental da nosa cultura que nos identifica como galegas e galegos. O noso Colectivo fai un chamamento a todas as veciñas e veciños de ben, independentemente da lingua na que se expresen a defender o noso idioma, a lingua propia da Galiza, o Galego.


[Acto unitario na Praza Rosalñia do pasado ano 2009]

O millor xeito que temos de defender a nosa lingua é emprega-la, face-la útil e normal na nosa vida diaria: nos centros de traballo, no ensino, diante da administración, no mercado, na rúa, nos xogos, coa nosa familia e amizades, ... Mais os poderes públicos teñen a obriga de promove-la e dinamizar os mecanismos legais e medios técnicos para facer da lingua propia da Galiza, o Galego, unha lingua normal e querida, onde nos sintamos con orgullo de ser o que somos, persoas libres, cidadáns dunha sociedade amante da diversidade e do diferente, mais que non renuncia ao que lle fai singular no crisol das culturas e das linguas.

Mil primaveras máis para a nosa Lingua !!

O Galego Sempre vivo !!

Ferrol, Terra de Trasancos e Bezoucos, 14 de Maio de 2010

Colectivo Ártabra 21


Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara ao futuro da humanidade, respeituosa e defensora do medio natural
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon