sábado, maio 01, 2010

Sartaña Sempre Pública: unha loita veciñal con historia


[Algúns membros do Colectivo Veciñal antes de entrar no Pleno do 29 de Abril de 2010]

O Colectivo Veciñal Sartaña librou este xoves 29 de abril, outra batalla na loita pola recuperación da Praza Sartaña como espazo público.

O goberno levaba a Pleno a incoación de expediente de resolución de contrato coa empresa “Serviocio” despois de que non houbera maneira de alcanzar un acordo amistoso coa empresa, debido ás esixencias económicas da mesma, que se situaban en torno aos 4,5 millóns de euros.

Este Colectivo Veciñal acudíu ao Pleno, porque decidíu que era importante apoiar esta decisión do goberno ainda que considera que chega con certo retraso. En todo caso, é un paso adiante cara aos seus obxectivos.

Como noutros tempos do mandato corporativo anterior, a xente deste Colectivo respostou coa implicación que lle caracteriza e presentouse no Pleno de maneira masiva (ao redor de 40 persoas) co seu uniforme enfundado de camiseta amarela reivindicativa de “Sartaña Sempre Pública”.

Como non podía ser doutro xeito pedíu falar no Pleno previamente ao debate do punto 3 da Orde do Día. Na súa intervención o voceiro explicou de maneira resumida como sucederan as cousas e como estaban no presente, ao mesmo tempo que apelaba ao consenso eo sentido común para sacar adiante o punto (ver documento anexo).

No debate as posturas foron as seguintes:
  • BNG e EU ainda que apoiaban a proposta parecíalles que este pleno chegaba tarde sobre todo tendo en conta que o documento oficial que presentou por rexistro Serviocio, onde pide os 4,5 millóns, ten data de 07-03-08 e botou 2 anos oculto. Ámbalas dúas forzas tiveron loubanzas para os veciños pola loita que mantiveron neste proceso.
  • O PP dixo que se sentía enganado polo goberno por ocultarlle información, e que como non participara en nada, se abstería. Dixo tamén que comprendía que era un compromiso electoral pero que como non se dera presa o goberno, non lle daría tempo de facer a reurbanización de Sartaña antes das elecccións de 2011.
  • IF recoñeceu que a pretensión da empresa era elevadísima y que esta vía podería enquistar o proceso durante anos. Recoñeceu ademais que este tema servíralle ao goberno para gañar as eleccións. Anunciaban que o seu voto sería en contra.
  • O goberno comprometeuse, a arranxar Sartaña o máis axiña posible.
  • O que sí é falso e o titular dun xornal onde se di que o goberno descarta que se poida reurbanizar Sartaña neste mandato (non sabemos a que obedece esta información, que non ten nada que ver coa postura do goberno no Pleno).
  • En resumo, o resultado foi 15 votos a favor, 7 abstencións e 3 en contra.
A avaliación que facemos dende este Colectivo Veciñal é positiva, xa que esta é a única vía para que o máis axiña posible este espazo público se rehabilite dunha maneira axeitada para uso e disfrute de toda a cidadanía.

Saúde e Sartaña Sempre Pública !


Intervención do representante veciñal no Pleno

Boa tarde señor Alcalde, señores concelleiros e señoras concelleiras, veciños e veciñas.

Serei breve.

O goberno de coalición conformado por PP-IF no mandato corporativo 2003-2007, pretendía construir un centro de ocio na Praza Sartaña argumentando interese social e apoiándose nunha suposta demanda da cidadanía, que non era tal.

Soamente tiña o respaldo dos directivos da A. de VV. e o Presidente naquel momento, que facendo deixación de funcións e actuando de maneira antidemocrática non tivo en conta as reivindicacións da veciñanza e consentíu semellante despropósito (por certo, que hoxe probablemente, isto non sucedería co modelo de Participación Cidadá vixente).

Pero é que ademáis, este dirixente veciñal chegou incluso a dicir nin debate televisivo “nos facemos o que nos da a gana

En fin, patético

A pesares das campañas mediáticas realizadas, e da distribución de milleiros de trípticos propagandísticos polo barrio de Ultramar e barrios colindantes, o proxecto pretendido apenas calou na cidadanía, e o único que conqueríu nalgúns casos, foi a confrontación veciñal e a fractura social dun barrio tranquilo, da que ainda non nos demos recuperado.

Para cambiar a intención do goberno non foron suficientes:
  • Nin a forte oposición veciñal polo perxuizo que ocasionaría.
  • Nin as multitudinarias manifestacións rexeitando a edificación prevista e a privatización deste espazo público, respaldadas por unha importante maioría social composta por entidades veciñais, deportivas, culturais, sindicais, colexios profesionais, e as forzas políticas de esquerdas.
  • Nin tampouco as máis de 2000 alegacións feitas nas diferentes fases do proceso.
  • Nin siquera o recurso de reposición interposto por EU.
O caso é que se gobernou con tozudez, empecinamento, e de costas ao pobo.

E froito desa actitude, o mandato corporativo rematou cunha adxudicación a empresa Serviocio, do proxecto de redacción para construcción, xestión e explotación do centro de ocio.

Os resultados das eleccións de maio de 2007 conformaron un goberno de coalición PSOE-EU, que en primeira instancia acordou en Xunta de Goberno no mes de agosto de 2007, paralizar o proxecto para cumplir os compromisos de programa electoral e ao mesmo tempo respectar os acordos de pacto de goberno.

Somos conscientes de que ao longo destes case que 3 anos que levamos de mandato corporativo, houbo intentos por parte do goberno (tanto antes como despois da ruptura) de alcanzar un acordo amistoso coa empresa adxudicataria con resultado insatisfactorio debido ás esixencias económicas da empresa.

Como consecuencia deste desacordo, hoxe estamos aquí porque vaise debater a proposta de resolución de contrato coa empresa, circunstancia que este Colectivo Veciñal apoia e considera de vital importancia, como primeiro paso do proceso para que os terreos volvan estar ao dispor do Concello, e polo tanto o máis axiña posible poder reurbanizar a Praza Sartaña dun xeito digno para uso e disfrute de toda a cidadanía.

Pensamos que a recuperación deste espazo público xa non é soamente unha cuestión de ideoloxía, que tamén, senón que hoxe por hoxe nos tempos que andamos, debería ser indiscutible ter una visión actual e sustentable do criterio urbanístico a aplicar nas cidades, que respecte e humanice os lugares públicos para que poidan consolidarse como puntos de encontro das persoas nas súas relacións, e que por outra banda fomenten os xogos populares e os xogos espontáneos dos nenos.

Temos que recoñecer que foi gratificante no pleno ordinario do pasado Outubro, no que ante a moción presentada polo BNG, que instaba ao goberno municipal a realizar os trámites necesarios administrativos para a paralización e desestimación definitiva do proxecto de construcción do centro de ocio na Praza Sartaña, o resultado foi de 22 votos a favor, 0 en contra, e 3 abstencións.

Apelando ao espíritu de consenso acadado ese día, e tendo en conta que o panorama variou sustancialmente, e que o paso do tempo permite reflexionar con serenidade sen odios nin rancores, gostaríanos a poder ser, que este punto saíra adiante por unanimidade.

Para rematar dicir que este colectivo veciñal, nunca se someteu nin se someterá a intereses partidistas, xa que ten como obxectivo fundamental loitar pola recuperación da Praza Sartaña e non vai regatear esforzos para conquerilo.

Grazas por escoitarnos, saúde, e Sartaña Sempre Pública!

Enviado por:
Colectivo Veciñal Sartaña
-sartanha@galicia.com-
1 de maio de 2010 01:52
_________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon