O Comité de Peticións do Parlamento Europeo vai tratar o vindeiro 25 de Outubro de 2010, a denuncia [Petición Nº 1322/2007] contra Reganosa, que por casualidades da vida coincide co mesmo día no que se reune a Xunta de Accionistas de Reganosa, para tratar sobre o cambio accionarial previsto.
O pasado 23 de Febreiro de 2010, nunha das súas reunións Plenarias a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo aceptou a ampliación das denuncias que, contra a Planta Regasificadora que a compañia Reganosa ten en Mugardos, foron presentadas por Esquerda Unida e polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol.
A manipulación de "demasiados" medios de comunicación
Naqueles días, e por máis de tres meses, informacións interesadas [de prensa, radio e TV] daban por finiquitada e arquivada a denuncia do movimento cidadán opositor á planta de gas, difundidas, nun pincipio, por algún medio de comunicación, logo quedara claro que a denuncia seguía vixente, "incrementada agora con novos datos que demostraban o perigo das instalacións de Reganosa localizadas no interior da Ría e as falsidades cometidas polos seus promotores en aras a xustificar a súa instalación e a súa solicitude de ampliación".
A nova reunión do plenario do comité de Peticións
Hoxe 21 de Outubro de 2010, pola mañá ás 11:52, o Comité de Peticións publicaba a última actualización da orde do día [ASP A3G-2] da xunta plenaria que vai ter lugar o vindeiro Luns 25 de Outubro ás 3 da tarde en Bruselas. Na citada orde do día, no ponto 37 coa referencia 429,587/REV - CM, van tratar o asunto da petición Nº 1322/2007 formulada porpor Yolanda Díaz Pérez, no nome da Esquerda Unida de Galicia, Jesús Ignacio Caselas Pérez, no nome da Federación de AAVV da zona urbana de Ferrol "Roi Xordo", tendo outras 4 sinaturas e Bernardo Bastida Sixto, no nome da Confraría de Pescadores de Ferrol sobre a instalación da planta de regaseificación de Mugardos.
Un pouco de historia
Esta Petición [N ° 1322/2007] fora formulada en Novembro de 2007, mais admitida a trámite o 7 de Maio de 2009. No seu momento a Comisión de Peticións pideu, daquela, á Comisión Europea que facilitara información (artígo 202, apartado 6, do Regulamento do Parlamento Europeo) e esta respostou o 25 de Setembro de 2009, cun Informe con proposta de resolución que a Comisión de Peticións transcribeu nun documento en forma de "COMUNICACIÓN AOS MEMBROS" [http://www.europarl.europa.eu/meetdocs/2009_2014/documents/peti/cm/742/742551/742551es.pdf], para tratar no Plenario da Comisión de Peticións. Nun principio o asunto ía-se tratar no Plenario celebrado o 1 e o 2 de Decembro de 2009, máis quedou adiado para o seguinte Plenario a celebrar o 27 Xaneiro de 2010, mais xa non figuraba no Documento de Traballo para o citado Plenario, polo que quedou adiado o asunto para o seguinte que se celebrou, en Bruxelas, o xa citado 23 de Febreiro, asunto que figura no ponto 10 da orde do día e referencia 429.587 CM [http://www.europarl.europa.eu/meetdocs/2009_2014/organes/peti/peti_20100127_1500.htm]. Agora despois de varios meses retoman o sunto que como xa mencionamos, vai-se tratar na reunión plenaria do vindeiro Luns 25 de Outubro de 2010.
A ampliación da nosa denuncia
Na reunión plenaria do Comité de Peticións do Parlamento Europeo, celebrada o 23 de Febreiro de 2010, o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, a través dalgunhas das organizacións que o representan, xunto a Esquerda Unida, presentou nova documentación para avalar o seu argumentario contra o despropósito gasístico que representa Reganosa que destrúe a xa depauperada Ría, e ameaza a vida e a seguridade das miles de persoas que vivimos e traballamos na súa contorna. A documentación presentada referia-se cuestións como:
- Datos concernentes ao perigoso tránsito dos gaseiros, dos cales un 20% teñen que pospor a súa entrada pola meteoroloxía e as peculiares condicións naturais da nosa Ría.
- Datos sobre o innecesario desta instalación que por falta de demanda está funcionando a un terzo da súa capacidade a pesar de deixar fóra de servizo o gaseoducto de Tui.
- Carencia dun plan real de emerxencia, tanto para as instalacións como para os buques ante unha situación constante de intranquilidade e de perigo para a poboación, pola súa localización, pola súa situación frecuente de baixas existencias (sinalado varias veces polo Sistema Gasístico) e pola imposibilidade a que os gaseros pódense enfrontar para entrar na ría ou saír dela en caso de urxencia.
- A todo isto engádese o dano ecolóxico producido á ría cos sistemas empregados para a regasificación e a perda de postos de traballo que iso a medio prazo leva.
A proposta da Comisión ao Comité de Peticións [Novo Informe]
A esta reunión o Comité de Peticións presenta como xa fixera na reunión do pasado 23 de Febreiro deste ano, un informe -con data do 2 de Setembro de 2010, Informe con proposta de resolución que a Comisión de Peticións transcribeu, como doutra vez, nun documento [CM\829635ES.doc - PE429.587v02-00], en forma de "COMUNICACIÓN AOS MEMBROS" [http://www.europarl.europa.eu/meetdocs/2009_2014/documents/peti/cm/829/829635/829635es.pdf]- elaborado polos relatores correspondentes designados pola Comisión Europea, onde non ten en conta os argumentos do Comité Cidadán de Emerxencia, e volta a reiterar as consideracións expostas no anterior informe de Setembro de 2009 contra os argumentos do Comité Cidadán, ademais considera que a "petición contén, así mesmo, unha serie de consideracións referentes a cuestións que non teñen cabida dentro do ámbito de aplicación da lexislación da UE, e que deberían exporse, no seu caso, ante os órganos administrativos ou xudiciais españois competentes". [Acceder ao novo Informe Completo]
O Comité Cidadán teima na súa denuncia
O Comité Cidadán de Emerxencia vai seguir demandando, na reunión plenaria do Comité de Peticións -a través de quen o represente, "a paralización da Planta, polo seu perigo evidente e polo custo económico innecesario para toda a cidadanía que se está mantendo, exclusivamente para beneficio dos seus promotores, coa complicidade das autoridades estatais, autonómicas e locais".
__________________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon