luns, outubro 25, 2010

Protesta e denuncia pola entrada na Ría do "LNG Lokoja" con gas natural licuado para Reganosa - O Comité Cidadán denuncia, nun comunicado público, a utilización de máis millóns de euros das arcas públicas para o despropósito gasítico perigoso e innecesario

Tags

[Para entrar na Galería de Diapositivos, clicar acima da imaxe]

Este Sábado 23 de Outubro, a Praza Amada García -diante do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia, foi o escenario dunha nova acción de protesta e denuncia, convocada polo Comité Cidadán, pola entrada na Ría do "LNG Lokoja". Cargado, este, con miles de toneladas de gas natural licuado -GNL-LNG- para a ilegal e perigosa Reganosa. Este buque fixo o 77 que entra na nosa Ría, aumentando unha vez máis o potencial perigo que representa un buque destas características navegando pola bocana da Ría e atravesando o sinuoso, longo, estreito, de pouco calado e fondo rochoso canle, para despois pasar 24 horas descargando no pantalán do porto de Punta Promontorio, no concello de Mugardos. Descargando nunha planta regasificadora encostada a un complexo químico que almacena miles de toneladas de produtos tóxicos e perigosos, xunto a unha fábrica de colas e unha planta de coxeneración eléctrica que utiliza fuel como combustíbel, ... todo un despropósito que non sería posíbel sen a complicidade política e institucional dun poder corrupto e codicioso.

O “LNG Lokoja”, ten unha capacidade de carga de 148.300 m³, polo que unha vez máis un buque gaseiro supera á capacidade permitida dos considerados grandes buques que poden entrar na Ría de Ferrol que son segundo as normas en vigor [*], os dunha capacidade de carga inferior a 140.000 m³.

Por outra banda o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, denunciou, a través dun comunicado público, a utilización de máis millóns de euros das arcas públicas, do diñeiro de tod@s, para o despropósito gasítico perigoso e innecesario que representra Reganosa. Baixo o titulo de "Reganosa pode-nos saír ben cara", o citado Comité quere denunciar ante a cidadnía o despilfarro de cartos públicos, nun negocio que só beneficia a uns poucos e pon en perigo ao conxunto das persoas que vivimos e traballamos noa contorna da Ría.


O Comité Cidadán de Emerxencia fai público o seguinte comunicado:

REGANOSA PÓDENOS SAÍR BEN CARA

A Xunta de Galicia vai desembolsar 7 millóns de euros que xunto aos 5 millóns aportados nos anos anteriores suman un total de 12 millóns de euros de cartos públicos invertidos nunha empresa privada e que ten o futuro seriamente comprometido polas seguintes cuestións:

1. Inseguridade xurídica.

Recordemos que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou dúas sentencias en contra da tramitación ambiental seguida por Reganosa. A falta do estudio de impacto ambiental foi a causa determinante de estas sentencias. Catro anos despois aínda están pendentes de resolución os recursos que Reganosa presentou no Tribunal Supremo de Madrid.

Máis recentemente, no ano 2009, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulaba as modificacións realizadas no Plan Xeral de Ordenación Urbana de Mugardos e que facilitaron a instalación de Reganosa en Punta Promontorio.

Reganosa ten outros 8 pleitos pendentes de resolver. ……………

2. Incerteza sobre as retribucións que percibirá do sistema gasista.

Estás retribucións son os únicos ingresos de Reganosa, e os acada, independentemente da produtividade que teña a instalación. Cobraría as mesmas cantidades aínda que non regasificara un litro de gas. Dende hai uns meses o goberno do Estado está deseñando unha nova planificación enerxética que podería afectar negativamente a Reganosa .

O abastecemento de gas a Galicia está garantido. Actualmente xa existe o gasoducto de Tui-Llaneras que ten unha capacidade superior en 2,5 veces a produción actual de REGANOSA.

3. Elevado déficit e alto custo de financiamento.

Reganosa construíuse e iniciou o funcionamento no ano 2007, cun crédito de máis de 370 millóns de euros. O crédito foi facilitado aos promotores por un grupo de bancos BBVA e CAIXA GALICIA, RBS e outros. A amortización de este crédito e o pago dos intereses supón un importante lastre para Reganosa que debe amortizar anualmente 20 millóns de euros e pagar xuros por un importe de 12 millóns de euros.

4. Perdida do Control da Empresa.

O verdadeiro control de esta empresa está polo tanto nas mans dos bancos crediticios, que o exercen a través das numerosas garantías que Reganosa lles tivo que outorgar.

Reganosa, debido a esta situación, ten limitadas: a capacidade de endebedamento, a capacidade de gasto e incluso o reparto de beneficios no caso que os houbese.

Débese ter en conta que entre os numerosos avales entregados aos bancos crediticios incluíuse o dereito de prenda sobre as accións dos socios – entre elas as de ENDESA, CAIXA GALICIA, CAIXA NOVA E BANCO PASTOR – que agora están á venda.

Os bancos crediticios polo tanto, poderían obrigar a amortizar adiantadamente parte do crédito, co diñeiro que pagase un terceiro pola titularidade destas accións.

Aquí temos o papel da Xunta de Galicia: compra as accións co noso diñeiro, garante que as tremendas ganancias dos bancos se perpetúen ante un inminente risco da perda do negocio, e de paso, a Xunta contribúe a que o gas natural nos saia algo máis caro a tod@s os consumidor@s.

Resulta asombrosa a sensibilidade da Xunta ante a mínima percepción de risco por parte da banca e a inmediata resposta con cargo aos cartos públicos. O verdadeiro perigo que mantén ameazada a poboación, e a contínua destrución da ría de Ferrol, deben seguir esperando.

Reganosa pódenos saír ben cara.

Ferrol a 22 de Outubro de 2010

[*] "Normas de Seguridade para a entrada, atraque, desatraque e saída de grandes buques gaseiros na Ría de Ferrol", acordadas o 27 de Abril de 2007, pola Capitanía Marítima de Ferrol - Dirección Xeral de Mariña Mercante - Secretaría Xeral de Transporte [Normas ás que se pode acceder através da web da Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao].
___________________________

  • POLA DEFENSA DA VIDA, A NOSA SEGURIDADE E A RÍA !!
  • CESE DA ACTIVIDADE E DESMANTELAMENTO DE REGANOSA !!
  • PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!
Para apoiar e colaborar co Comité Cidadán:


Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org



______________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon