luns, novembro 29, 2010

A Administración é como unha grande apisoadora que todo o esmaga - SOS "Souto de Leixa": na defensa dos postos de traballo, na defensa dos servizos sociais públicos, non permitamos a privatización da súa xestión

O venres pasado, 26 de Novembro, despois de dúas horas de peche no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, as traballadoras e traballadores do "Terra de Ferrol" - "Souto de Leixa", eran desaloxados pola policía, sen ter conseguido estes os obxectivos de entrevistar-se coas autoridades autonómicas, mais si, en certa medida, os obxectivos propagandísticos de oposición á privatización e de que a loita continua.

A administración non é sensíbel ás reivindicacións, ... o concurso, os trámites, os prazos, as decisións, todo un entramado administrativo segue o seu curso implacábel. O pasado 22 de Novembro a Mesa para a contratación da xestión do "Souto de Leixa", decidía definitivamente a admisión con capacidade para contratar ás dúas empresas presentadas: a integrista católica e multinacional "Hermanas Hospitalarias del Sagrado Corazón de Jesús" y a multinacional de multiservizos Clece, S.A, empresa do grupo ACS, grupo con case 900 empresas con presencia en todo o mundo. Agora só queda a decisión da adxudicación a unha delas. Para estas empresas coas súas enormes estruturas e complexas organizacións, a adxudicación deste servizo social público, só supón unha parcela máis a dominar, no seu afán monipolizador, do controlo social, do dominio ideolóxico e da expansión do negocio. Para nós pode supoñer unha batalla máis perdida, unha sociedade: menos nosa, menos xusta e menos democrática.

A Xunta estivo a semana pasada dotando ao centro de novo material, un material que antes se negaba. ao Igual que se nega a información e o diálogo, xa non digamos a negociación. Todo é unha política de feitos consumados. A todas luces deplorábel. Xogando coa vida da xente, deixando na incertidume a 118 persoas que ainda non saben o que vai ser do seu futuro inmediato, e estamos falando que isto sucede nunha administración pública.

Só unha decisión política, pode paralizar a inminente privatización da xestión do CAPD "Souto de Leixa". E para que exista unha decisión política tiña que aparecer un revulsivo social, un salto cualitativo e cuantitativo nas demandas, nos apoios e nas accións. Un mes de mobilizacións, 25 días de peche continuado no Pazo Municipal do Concello de Ferrol, manifestacións, máis de 14.000 sinaturas contra a privatización, accións sorpresa, entrevistas, mocións, apoios institucionais e parlamentarios, ... todo un cúmulo de traballo sindical, non dobrega a vontade privatizadora do goberno do PP na Xunta de Galicia. O goberno Feijóo segue directrices marcadas polo FMI, a OMC, o  BM, a Comisión Europea, políticas neoliberais que tamén aplica o goberno zapatero en Madrid. A deriva privatizadora, non é nova e non hai goberno que se resista, nen central, nen autonómico, nen local, ... Hai un Acordo Xeral sobre o Comercio de Servizos (AGCS), de 1995, adoptado no seo da OMC -Organización Mundial do Comercio- que persegue a liberalización progresiva de todos os servizos para o comercio internacional e a progresiva mercantilización do sector público. A privatización dos servizos públicos sociais, supón sinxelamente, converter en puro negocio, o que son dereitos básicos da cidadanía. Non chega cun apoio puntual sen que teña unha consecuencia práctica. As centrais sindicais son as principais responsábeis de que non haxa un accionar sindical e cidadán decidido contra as privatizacións. En segundo lugar os partidos políticos e cargos institucionais que en plena precampaña eleitoral, buscan máis o protagonismo da sigla que o obxectivo a acadar que o "Souto de Leixa", siga sendo de xestión pública. En terceiro lugar o movimento social e veciñal desmobilizado, sen obxectivos claros na defensa do benestar social. Primeiro hai que crer-se que podemos gañar a batalla e despois accionar entre todas e todos na mesma dirección e sentido. Só unha acción decidida, consciente, conxunta e unitaria de todos os sectores progresistas defensores do público frente as privatizacións, vai conseguir dobregar a vontade privatizadora do goberno do PP na Xunta de Galicia.

A esquerda social e política, non ten só que combatir os intentos de privatizacións dos servizos públicos, senon que debería pasar a ofensiva contra o neoliberalismo, formulando propostas xá de rescate dos servizos públicos privatizados.
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon