xoves, novembro 18, 2010

Concurrida manifestación en Compostela contra a privatización do "Souto de Leixa" - Este Sábado 20 de Novembro, a manifestación será en Ferrol


As traballadoras e traballadores do "Terra de Ferrol" - "Souto de Leixa", acudiron, o 18 de Novembro, diante do edificio de San Caetano, sede da Xunta de Galicia, para mostrar o seu rechazo ao proceso privatizador que sofre o seu centro. Contaron co arroupe das compañeiras e compañeiros do centro "Santiago Apostolo" d'A Coruña, que tamén loitan contra a súa privatización. As familias de usuari@s, activistas das centrais sindicais, membros dalgúns partidos políticos, e traballadoras e traballadores doutros centros públicos de Ferrol, enchian a comitiva que se desprazou á cidade compostelá.

Ás 11 da mañá partía unha numerosa marcha até a esplanada diante do Edificio Administrativo de San Caetano que reune as administracións centralizadas das diferentes consellarías. Os lemas escritos nas faixas, identificaban ben a loita contra a privatización da xestión do centro, que a Xunta pretende dar a unha empresa privada, para facer da xestión un negocio.

A manifestación tivo un carácter moi reivindicativo, con forza e convencimento berraba-se contra a privatización, a favor da xestión pública.

As traballadoras e traballadores en loita, manteñen unha intensa actividade na defensa dos postos de traballo e contra a privatización dos servizos públicos. Recolleron, e seguen a recoller, miles de firmas en apoio das súas reivindicacións; manteñen entrevistas con cargos públicos e presentan as súas demandas ante as autoridades da Xunta. Ademais, manteñen as manifestacións diarias en Catabois, o peche indefinido no Concello de Ferrol, concentracións na praza do Concello, e ante-onte estiveron manifestado a súa protesta no CIS d'A Cabana, onde se atopaba o Conselleiro de Presidencia, ... Sr. Rueda, contando-nos "milongas" de cumprimentos e compromisos de creación de postos e traballo a través do Plano Ferrol.

As centrais sindicais e os sectores da esquerda política e social de Ferrol e Comarca, teñen enfrente un combate práctico contra a formulación efectiva das políticas neoliberais de entrega ao Capital dos servizos públicos. Até pode que o asunto colla un cariz máis forte, a nivel ideolóxico, pois parece  ser que unha das empresas privadas que optan a conseguir a concesión, está ligada ao integrismo católico. Hai que redobrar esforzos, tomar conciencia de que podemos cambiar a situación e impedir que se leve adiante a privatización do CAPD "Souto de Leixa". Mobilicemo-nos.

O Comité de Empresa e familiares de usuari@s, apoiados polas Centrais Sindicais, convocaron unha manifestación este Sábado, 20 de Novembro, con saída ás 12 do mediodía da Porta Nova [Praza de España], fagamos todo o posíbel para que sexa todo un suceso.

Vídeos da manifestación, en Compostela, do 17 de Novembro de 2010.






____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon