xoves, novembro 04, 2010

Non á privatización do Centro "Souto de Leixa" - Os servizos públicos non deben ser un negocio


No Centro de Educación Especial "Terra de Ferrol" [*], para persoas con discapacidade intelectual e outras discapacidades asociadas, traballan 117 persoas que atenden a máis de 200 alumn@s. Este centro que depende da Consellería de Educación, en Abril de 2009 divideu-se formalmente en dous, constituíndo-se o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade "Souto de Leixa", para atender aos alumn@s maiores de 21 anos, e o CEE "Terra de Ferrol", que vai atender aos menores de 21. Foi en  2005 cando comezaron as obras para dividir o centro e a construción, no mesmo recinto, dun novo edificio que albergaría novas dependencias residenciais,  que posibilitou, en Abril de 2009, a separación física, non orgánica nen xurídica, dos dous centros. Agora a Xunta acordou segregar este último e traspasa-lo a Consellería de Traballo e Benestar, que decide privatizar a súa xestión, anunciado isto en rolda de prensa celebrada o pasado 13 de Outubro deste ano, 15 días antes de saír publicada, no DOG, a resolución.

Un novo centro para asistir a 172 persoas

Nas instalacións do CEE "Terra de Ferrol" seguirán as alumnas e alumnos menores de 21 anos. Máis os alumn@s maiores de 21 anos, pasarán a depender do novo centro -CAPD "Souto de Leixa"- con capacidade para asistir a 172 persoas [25 prazas en réxime residencial para persoas con discapacidade gravemente afectadas, 68 prazas en réxime residencial para persoas con discapacidade con certa autonomía, 47 prazas en centro de día e 32 prazas de centro ocupacional], construído, como xa mencionamos, dentro do recinto do CEE "Terra de Ferrol".

A privatización

Mais a cousa no queda aí, pois a Xunta acordou, na aplicación das políticas neoliberais, privatizar a xestión do novo centro-residencia para atender ás persoas con discapacidade intelectual e outras asociadas que necesiten este servizo público asistencial-ocupacional. Con esta medida a Xunta non só pon en perigo un importante número de postos de traballo, senón que rebaixa a calidade asistencial, tira por terra anos de traballo e ensino, entregando un servizo público moi necesario a unha empresa para que faga negocio coas nosas necesidades asistenciais e protección social ás persoas dependentes.

Un mero negocio

Teoricamente a segregación e a construción dun novo centro residencial-asistencial tería que supoñer unha mellora substancial da capacidade e calidade asistencial, máis coa privatización da xestión, o que tería que ser un avance na protección social dos máis débiles, converte-se nun negocio para unha empresa privada sustentada con diñeiro público, co diñeiro de tod@s nós.

Perdida de postos de traballo

Coa segregación do Centro e a súa privatización, segundo fontes sindicais, o "Terra de Ferrol" só atendería sobre 50 alumn@s, co que a súa plantilla [117 persoas] quedaría moi sobredimensionada, ao pasar a xestión privada, o resto do alumnado maior de 21 anos, que serían atendidos no "Souto de Leixa". Condénase ao paro a máis de 50 persoas e a outras a ser trasladadas despois de máis de 20 ou 30 anos de servizo. E todo isto nunha comarca en declive, cuxa taxa de paro que supera á media estatal.

Uns 6,7 millóns de euros para a xestión privada

Todo isto vai moi acelerado, foi o 13 de Outubro, ainda non hai un mes, cando se soubo da intención da Xunta de privatizar estes servizos, máis sen escoitar nen valorar a opinión das organizacións sociais, sindicais, veciñais,  de familiares de usuari@s e Comité de Empresa. O pasado 29 de Outubro, pasaba á execución do seu acordo, pois o DOG publicaba unha Resolución do 21 de Outubro de 2010, da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo e Benestar, pola que se anunciaba a "contratación da xestión, en réxime de concesión, de prazas de atención residencial e atención diúrna para persoas con discapacidade intelectual e/ou outras discapacidades asociadas, no centro de atención á discapacidade Souto de Leixa-Ferrol, polo procedemento aberto e tramitación urxente". O concurso fixa un importe de 6,7 millóns de euros [7.732.061,68 € con IVE] para a xestión privada do centro até o 2013.

As mobilizacións

Unha vez que se soubo da resolución da Xunta de privatizar o novo Centro, as traballadoras e traballadores do CEE "Terra de Ferrol" comezaron as mobilizacións, colocaron varias faixas reivindicativas nas portas do Centro, comezaron a manifestar-se todos os días pola zona da Rotonda de Catabois e Hospital Arquitecto Marcide, solicitaron apoio dos grupos municipais do Concello, desprazáronse a diferentes barrios da Comarca para recabar apoio, e están recollendo sinaturas da cidadanía en apoio as súas reivindicacións e contra a privatización do servizo público. Paralelamente, fixeron chegar información aos grupos parlamentarios e as asembleas da inmensa maioría de Nais e Pais de Usuari@s pronunciaronse contra a privatización.

Peche no Concello de Ferrol

A comunidade educativa e asistencial decidiu comezar hoxe un peche indefinido contra a privatización do "Souto de Leixa", no Pazo Municipal do Concello de Ferrol. Desde Ártabra 21 facemos un chamado á cidadanía para que mostre a súa solidariedade, non só cos trabalhadores e traballadoras, senon como un xeito de mostrar o noso rechazo á privatización dos servizos públicos.

A sospeita

Por outra banda, o escaso prazo de tempo, desde que se publicou no DOG a resolución [29.10.2010] e a data de finalización do prazo [Data e hora 06-11-2010 14:00] para presentar as propostas para facer-se coa concesión, sexa tan escaso, tan só de 8 días, no medio dunha ponte de "defuntos" -Sábado 30, Domingo 31 e Luns 1 de Novembro, fai pensar que este asunto está máis que masticado e que o concurso é un mero trámite e que, na práctica, a concesión xa está adxudicada.

Os servizos públicos non deben ser un negocio. Desde o movimento social, sindical e veciñal, debemos esixir uns servizos públicos de calidade, en contra das privatizacións e en defensa do emprego público.

Desde Ártabra 21 queremos amosar o noso apoio e solidariedade a esta loita.

Enlaces de interese:

Aqui pode-se acceder ao DOG referenciado, ás condicións administrativas e tecnicas esixidas, aos prazos e aos modelos de solicitudes:

http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=15302

Aquí pode-se acceder ao sitio web da CIG-Administración Autonómica con abundante documentación:

http://autonomica.cigadmon.org/sitio2009/

[*] O Centro de Educación Especial "Terra de Ferrol" é o antigo "Carmen Polo" que levaba o nome da muller do ditador e xenocida Francisco Franco, que cambiou de nome en aplicación da Lei da Memoria Histórica. O Centro, foi inaugurado en 1971 e está situado en San Pedro de Leixa, na Rúa Irmandade de Donantes Ferrol Terra, no concello de Ferrol, nas inmediacións do Hospital Arquitecto Marcide.
_____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon