O próximo xoves día 15 de Setembro de 2011, ten prevista a súa entrada na Ría o gaseiro “LNG Ogun” cargado con mais de 50.000 Tons de GNL e que fai o nº 100, dende a posta en marcha da planta de Reganosa, o CCE ten realizado outras tantas concentracións de denuncia. Dende entón o 24% dos gaseiros viron frustrada a entrada na data prevista. A difícil entrada na Ría de Ferrol esixe unhas condicións metereolóxicas e de visibilidade que non sempre se deron. O interior da Ría non e un lugar axeitado para a localización da Planta.
A produción de Reganosa non acada o 40 % da súa capacidade. A dirección da empresa comezou unha “nova liña de negocio” que, consiste en utilizar a planta como simple depósito para especular no mercado do gas. Á planta de Reganosa están a chegar gaseiros que deixan a súa carga e que unha vez almacenada nos tanques, revendese a outro gaseiro que leva o gas a outro pais.
Esta é unha actividade non contemplada na Autorización, que aumenta os riscos de accidente, xa que son as cargas e descargas de gas xunto o difícil tráfico pola entrada da Ría, os momentos que implican maior risco de accidente. A falla de actividade como regasificadora, mostra o fracaso de Reganosa como proxecto económico e a súa inutilidade como infraestrutura para o pais.
¿Onde quedaron as moreas de postos de traballo que ia crear, o relanzamento da comarca etc etc.?, o propio Concello de Mugardos dende entón non deixa de perder poboación ao tempo que medra o paro.
Ao contrario, os efectos da regasificación “sistema mais económico” segundo os promotores -perto de 200 millóns de m³ de auga van esterilizados- déixanse sentir no ecosistema, na baixada das capturas do marisco e polo tanto nos postos de traballo dos mariscadores.
A planta de Reganosa supón un perigo, unha ameaza para a cidadanía, a enerxía acumulada nos tanques de Reganosa equivalen a 1800 Kilotons, unha instalación ilegal que carece de Declaración de Impacto Ambiental, que incumpre a lei Sevesso, o PXOM de Mugardos e a lei de costas etc etc ... Agora, catro anos despois da posta en funcionamento, o Concello de Mugardos pretende modificar o PXOM para “legalizar a Planta”, a Xunta de Galicia di que a finais deste ano completará o Plan de Emerxencia.
Hoxe, pode constatarse a falsidade dos datos aportados no seu momento polos promotores, para acadar a Autorización da CNE. Os ciclos combinados construídos para “Xustificar” a necesidade da planta -cuxa inversión foi de 700 millóns de euros- so traballan ao 30 % da sua capacidade.
Os cidadáns pagamos a factura desta burbulla enerxética que, so beneficia aos promotores, a través das tarifas do gas e da electricidade sometidas a constantes incrementos e a inxección en Reganosa de recursos públicos por parte da xunta de Galicia.
Tras catro anos de funcionamento, Reganosa como proxecto económico resultou un fracaso. Pagamos 60 millóns de euros ó ano por una instalación ILEGAL, PERIGOSA, DEFICITARIA E INNECESARIA.
Non existe pois, motivo algún que poida xustificar manter operativa unha planta de gas como a de Reganosa, que supón, ademais de unha ameaza para a poboación, un alto custe medio ambiental, económico e social.
Os gasodutos de Tui e Llanera, sen actividade de entrada desde a posta en servizo de Reganosa, teñen a capacidade suficiente para subministrar gas, tanto para os ciclos combinados como para o consumo convencional.
O CCE chama á cidadanía a unha concentración o próximo xoves dia 15 de Setembro ás 20:00 h no Peirao de Ferrol para denunciar a entrada ilegal do gaseiro i esixir o cese da actividade de Reganosa.
Planta de Gas fora da Ría!
Ferrol a 13 de Setembro de 2011
Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
http://comitecidadan.org
Enviado por:
Comité Cidadán de Emerxencia
-comitecidadan@gmail.com-
13 de setembro de 2011 17:05
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon