xoves, decembro 01, 2011

AGAMME esixe a liberación dos menores explotados no barco Lafayette

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) quere informar do acontecido nas últimas horas co barco Lafayette, o maior buque factoría do mundo, logo da súa marcha precipitada de Navantia Fene. A fuxida do buque do estaleiro produciuse logo de que a Fiscalía de Ferrol arquivase o caso de denuncia interposta por un traballador dunha compañía de Navantia Fene, que testemuñou a presenza a bordo do Lafayette, de 10 ou 12 menores asiáticos de entre 10 e 12 anos de idade, a traballar no buque carretando sacas pola noite, sendo agochados polo día, durmindo sobre cartóns e malvestidos. O Fiscal de Ferrol non solicitou os permisos a Estranxeiría e a Embaixada Rusa limitouse a revisar se os pasaportes da tripulación estaban en regra e inspeccionar o barco polo exterior ante a carencia de permisos.

A partir do 26 de novembro, representantes de AGAMME puxéronse en contacto con asociacións estatais, internacionais e canarias, ao constatar que, logo de seguir por rádar a traxectoria do barco, este se achegaba ás inmediacións de Las Palmas de Gran Canaria, o dia 29, á 1 da madrugada, permanecendo a 3 quilómetros do peirao durante o día 30 de novembro. Porén, ás 22.00 horas da xornada de onte, o Lafayette mudou completamente de rumbo, avanzando cara ao Nordestede, a augas internacionais, ficando arestora a poucas millas da costa.

Dende AGAMME enviáronse denuncias ao Defensor do Pobo estatal, á Asesora da Área de Migracións e Igualdade de Trato, á Fiscalía Xeral, ao Defensor de Menores, ao Xulgado de Las Palmas e ao Deputado do Común do Goberno Canario (Valedor do Pobo).

AGAMME agarda que se aplique a lexislación vixente coa máxima premura e contundencia, xa que así o require o caso, e se libere aos menores da escravitude e malos tratos aos que están a ser sometidos.

Ferrol, a 1 de decembro do 2011

Web oficial de AGAMME:
http://agamme.org/


Para máis información falar con Eva Seoane no 659436230 ou agammeferrol@gmail.com

Enviado por:

Lupe Ces
-lupeces@gmail.com-
1 de dezembro de 2011 23:45
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon