luns, decembro 19, 2011

Os próximos 26 e 30 de Xaneiro, nove mariscadores van ser xulgados polos feitos acaecidos en Maio de 2007, cando a mobilización organizada polo CCE, acadou a paralización da entrada ilegal do primeiro gaseiro, Galicia Spirit, cargado con GNL na nosa Ría

Tags

Defender o Emprego.
Defender os Mariscadores e Mariscadoras.
Salvar a Ría.

Os próximos 26 e 30 de Xaneiro, nove mariscadores van ser xulgados polos feitos acaecidos en Maio de 2007, cando a mobilización organizada polo CCE, acadou a paralización da entrada ilegal do primeiro gaseiro cargado con GNL na nosa Ría.

Nas últimas décadas a Ría de Ferrol veuse sometida a un proceso de deterioro como nunca (recheos, asentamento de industrias nocivas, verquidos etc etc.). Unha degradación consentida, cando non promovida polas administracións públicas. A Xunta de Galicia, presidida por Fraga, durante 16 años e contando con inxentes recursos procedentes dos Fondos Europeos, non inverteu nin un só euro na Ría. Houbo que esperar ata a Xunta do bipartito para que se aprobara e puxera en marcha a depuración integral da Ría, aínda inconclusa.

O resultado desta inacción foi a desaparición de bancos marisqueiros e da pesca. Hai especies case desaparecidas (zamburiña, longueirón); redución das extraccións de especies como ameixa, berberecho etc , ou a imposibilidade da extracción doutras, como a vieira, polo grao de toxicidade. A paulatina morte da vida da Ría leva aparellada a destrución de emprego; merma dos ingresos das mariscadoras e mariscadores, ou o abandono de moitos deles ao non poder garantir uns ingresos mínimos que lles permita soster ás súas familias.

A posta en marcha do Porto Exterior, unha infraestrutura de gran impacto medioambiental, xustificouse para albergar os tráficos nocivos e perigosos (Planta de gas, carbón, chatarra), de tal xeito que os grandes buques cargados evitaran a entrada na Ría, dado os riscos da canle, e para liberar espazos internos para outros usos máis compatibles (marisqueo, ocio, deporte, turismo).


A relocalización ilegal da Planta de gas no interior da Ría, racha coa estratexia de liberación dos espazos interiores e rexeneración da mesma, e non só entraña riscos para a vida de miles de persoas, senón que a maiores, engade novos impactos, como é a esterilización diaria de centos de miles de toneladas de auga da Ría, que volven á mesma cun salto térmico de – 6º C.

A pesares do fracaso económico da Planta de gas - a súa produción non acada o 40%-, os donos de Reganosa publicitan a apertura de “novos negocios” (especular no mercado internacional desta materia enerxética) e promoven a súa ampliación (inflar a burbulla enerxética), xeito de seguir estafando á cidadanía, monopolizar o uso da Ría e incrementar as agresións medioambientais ao ecosistema.


Tampouco cansan de facer publicidade, aínda que sexa enganosa, dicindo que o gas chegou a Galicia da man de Reganosa, como se non houbese antes gasodutos como o de Tui, agora pechado para favorecer este negocio que nos sae tan caro á cidadanía. Tampouco lles doen prendas espallando a idea de que co tráfico de gaseiros aumenta a carga de traballo en reparacións nos estaleiros, cando dos 106 gaseiros que levan entrado, ata a data da edición deste boletín, só 3 quedaron a reparar en dique.

Namentres se suceden as novas agresións á Ría (dragado da canle zona LIC), cambio das normas de navegabilidade para permitir a entrada aos gaseiros -de máis volume- cargados con gas..., a depuración integral se retrasa, non só iso, senón que, unha vez rematada, non hai seguridade de que Reganosa, xunto a outras prácticas industriais na nosa Ría, non a sigan poñendo en perigo.

Nestes momentos a Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria son as dúas administracións, en mans do PP, máis comprometidas cos intereses de Reganosa. Non é casual. O que acontece na Ría de Ferrol segue o guión do libro publicado en 1997 “Elementos para unha ordenación integral dos usos do medio litoral de Galicia”, prologado polo entón Conselleiro de Pesca, Amancio Landín (PP). Nel recóllese a idea de sacrificar a Ria de Ferrol, concentrando nela as industrias das cales a súa viabilidade, implique unha certa degradación ambiental, (inclusive unha celulosa etc).

Os mariscadores e mariscadoras, vítimas directas das políticas destrutivas da Ría, vense na obriga de mobilizarse periodicamente na defensa do seu posto de traballo, dos recursos naturais da Ria. Un colectivo que sofre coa entrada de cada gaseiro cargado con LNG a merma no seu horario de actividade. Ten dereito, polo tanto, como calquera outro colectivo, a defender o seu medio de vida.

Os próximos 26 e 30 de Xaneiro, nove mariscadores van ser xulgados polos feitos acaecidos en Maio de 2007, cando a mobilización organizada polo CCE, acadou a paralización da entrada ilegal do primeiro gaseiro cargado con GNL na nosa Ría.

Todos sabemos, directamente os que participamos, ou través dos medios de comunicación os que non, que nesas manifestacións en contra da entrada ilegal dos primeiros gaseiros, estiveron presentes centos de persoas. Agora queren concentrar toda a responsabilidade en tan só 9 persoas. A estratexia da Fiscalía, rebaixando o número de imputados primeiro a 60, logo de desestimar a autoinculpación dos membros do CCE, e despois a 9, pretende diluír a causa real do conflito: a planta de gas de Reganosa. Preténdese converter nun simple acto vandálico, a defensa da vida de todos os habitantes da Ría e a defensa do medio de vida de centos de persoas. Isto semella ter, a ollos da Fiscalía, un escaso valor fronte aos intereses económicos duns poucos: o Grupo Tojeiro e resto de socios de Reganosa. A Fiscalía, lonxe de buscar a legalidade e a xustiza, quere que o xuízo pase desapercibido, só persegue escarmentar ao colectivo dos mariscadores, pois constitúen un obstáculo que se interpón co interese de Reganosa, que non é outro que dispor da Ria ao seu antollo, para a súa actividade ilegal.

A pesares do actual deterioro, a Ria é recuperable, ten un enorme potencial na creación de postos de traballo, pero é necesario o cambio do modelo actual por outro sustentable, baseado nos usos compatibles co medio: marisco, pesca, turismo, deporte, etc.

A defensa da Ria de Ferrol, non só compete aos mariscadores e mariscadoras. O conxunto dos cidadáns e cidadás, témola que defender. É inaceptábel a persecución dos mariscadores pois son vítimas dunha situación, cuxos responsables seguen actuando con total impunidade.

O CCE chama á cidadanía a expresar a súa solidariedade co colectivo dos mariscadores, na defensa do emprego, na defensa da Ria e da súa recuperación, acompañando aos 9 mariscadores, os próximos 26 e 30 de Xaneiro diante dos xulgados de Ferrol.

Decembro, Xaneiro 2011/2012

Todos e Todas Paramos o Galicia Spirit !
Planta de Gas Fora da Ría !

www.comitecidadan.org
comitecidadan@gmail.com

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon