martes, setembro 30, 2014

A 'Marea Ártabra' celebra a súa primeira Asemblea, en Ferrol, este xoves 2 de Outubro, ás 8 da tarde, no Centro Cultural Carvalho Calero do Inferniño - Eleccións Municipais de Maio de 2015


Asemblea Marea Ártabra


Primeira Asemblea de Ferrol da Marea Ártabra

O vindeiro xoves 2 de outubro, ás 20:00 horas, no Centro Cultural Carvalho Calero terá lugar a primeira asemblea cidadá da Marea Ártabra da cidade de Ferrol, un proceso constituínte e aberto a toda a cidadanía, co fin de desenvolver un programa e unhas candidaturas centrados nos problemas reais da veciñanza de Ferrol, unha cidade cunha taxa de desemprego, emigración e pobreza inasumible aos que consideramos que os diferentes gobernos municipais non souberon ou non tiveron a vontade política para resolver.

Nesta Asemblea artellaremos unha metodoloxía de traballo para conseguir acadar os Concellos e implantar un novo municipalismo, organizado por e para a cidadanía.


Manifesto

O vindeiro mes de maio están convocadas as eleccións municipais e en Ferrolterra preséntasenos unha ocasión única para construír, dende abaixo, alternativas de gobernos municipais que estean á altura das circunstancias.

As mobilizacións que se veñen producindo nos últimos anos como reacción ao desmantelamento progresivo de dereitos e liberdades custosamente conquistados son o síntoma dunha sociedade que non atura máis desigualdade. A sociedade empeza a ser consciente de que a alianza perfecta de intereses entre o poder económico e o bipartidismo harmónico son a causa de todos os males que estamos a padecer.

Si. O problema está na acción política de quen nos goberna, pero é tamén aí, na política deses gobernos, onde vai estar a solución. Precisamos dunha marea cidadá que poña por diante as persoas e acabe cos privilexios dos de arriba. Algo tan simple como reivindicar para a maioría social o que é da maioría social.

Ferrolterra é unha bisbarra de tradición de loita obreira e de forte calado sociocultural. Somos quen de organizarnos contra os poderes corruptos e así o demostramos na historia, en marzo do 72 e en todas as loitas por recuperar dereitos que nos pertencen, batallas nas que moitos e moitas sufriron cadea, tortura, represión ou incluso morte. Reivindicando ese noso pasado de vitoria do pobo fronte ao poder, temos que devolverlle a dignidade ao noso presente comezando a tecer un futuro novo, construído entre todos e todas e onde cada voz teña o mesmo valor que as demais.

Os gobernos que nos rexen dan as costas ao sufrimento e á desesperación dos nosos veciños e veciñas, que non soportan máis desindustrialización, máis malgasto, máis agresións medio ambientais, máis política social baseada na caridade, máis precarización do emprego e da vida mesma. Fronte a esta política que quere converter a nosa comarca nun camposanto industrial, nunha paisaxe futurista desértica, a cidadanía de Ferrolterra debe ter a capacidade de organizarse, de avanzar en rebeldía e tomar o poder para devolver á comarca as cores da cultura, da industria, do asociacionismo e do cooperativismo, unha Ferrolterra participativa e con políticas orientadas por e para a xente do común.

É a hora de abrir as xanelas e deixar paso á Marea Ártabra, unha marea de aire novo, a marea dos pobos de Ferrolterra, da inmensa maioría que sofre os recortes de dereitos, unha marea das xentes que queren varrer do mapa e para sempre a política dos que gobernan para uns poucos e xestionar e rexer nós mesmos/as os nosos destinos.

Porque somos maioría as persoas que queremos gobernos que veñan servir aos concellos e non servirse deles, que pensamos que os cargos públicos deben estar ao servizo dos e das cidadáns e non dos seus partidos, que queremos corporacións locais que defendan os intereses estratéxicos dos seus territorios, que temos a certeza de que alternativas comúns, candidaturas cidadás e plurais a partir do protagonismo directo dos veciños e das veciñas poden devolver os concellos á cidadanía.

Por iso, nós, que formamos parte desta Marea Ártabra, queremos alentar un proceso asembleario que rescate a esperanza e poña fin a esa indefensión na que se encontra a maioría social promovendo candidaturas de unidade para as vindeiras eleccións municipais, subliñando a importancia que teñen os concellos como espazos de participación, transformación e emancipación, proceso que necesariamente debe culminar coa convocatoria dunha grande asemblea cidadá, un proceso para un novo suxeito político do que saia un programa e unha candidatura do pobo e para o pobo.

Ferrolterra, setembro de 2014

Como asinar o manifesto e unirse á 'Marea Ártabra'
Pode-se asinar o manifesto de apoio cubrindo un formulario no seu sitio na rede: Acceder.

Para contactar
Presentou-se o manifesto que se pode ler nun blogue que abriron no seguinte enderezo: http://mareaartabra.blogspot.com.es/  ou mareaartabra.org. Tamén hai un enderezo de correo electrónico: mareaartabra[arroba]gmail.com.

A Marea Ártabra nas redes sociais
:
Logo da marea cidadá:
Foto: Algunha das persoas asinantes do Manifesto, na presentación da Marea, o pasado 13 de Setembro de 2014.

Información baseada na enviada por:
Marea Ártabra
mareaartabra@gmail.com-
30 de setembro de 2014 12:06
___________________

Enlaces relacionados:

A 'Marea Ártabra' en Ártabra 21 | Acceder.
A 'Marea Ártabra' desde o buscador libre DuckDuckGo. | Ir a Web.

_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon