martes, setembro 30, 2014

Dereito ou castigo?

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME), envianos a seguinte análise sobre a decisión xudicial que concede visitas coa súa filla (de catro anos) a unha persoa que na actualidade está en prisión e que presuntamente asasinou á súa muller e nai da pequena. Desde Ártabra 21 difundimos o texto d@s compañeir@s de Agamme e recomendamos a súa lectura, por ser de grande interese.

Dereito ou castigo?

Conceden visitas coa súa filla a un preso que presuntamente asasinou á súa muller e nai da pequena. A nena de Aranjuez, de catro anos de idade, terá que acudir ao punto de encontro unha vez ao mes para realizar a visita que terá unha duración de catro horas. A medida xudicial acórdase en contra da opinión profesional da psicóloga e a psiquiatra que atenden á nena.

A sentenza ditada polo maxistrado de Aranjuez confirma o que vimos denunciando as asociacións de dereitos de infancia: a interpretación perversa do dereito dos nenos e das nenas a manter contacto cos seus proxenitores, convertido en dereito parental incluso cando estamos a falar de vítimas no ámbito familiar, é unha práctica común nos nosos xulgados.

A recente resolución da ONU de condena ao Estado español por non protexer aos menores vítimas de violencia de xénero non parece ter producido o efecto agardado, é dicir, unha mellora na atención das vítimas de violencia -mulleres, nenas e nenos- dende o estamento xudicial. Pola contra, case de inmediato, atopámonos de fronte coa reprodución do mesmo patrón. Pode ser casualidade. Porén, é un fenómeno social documentado que cando un grupo social en inferioridade logra dar un paso na consecución dos seus dereitos, o grupo dominante reacciona violentamente en contra dese logro. Backlash en lingua inglesa.

Voltando ao asunto concreto que nos ocupa, analizaremos os datos do caso, a partir da información que figura en prensa.

Que se entende como “o máis beneficioso”?

Segundo informa a Cadena Ser, todo parte dun informe psicosocial do equipo adxunto ao xulgado que propón as visitas como o máis beneficioso para a nena.

Preguntámonos que clase de metodoloxía aplicaría o equipo para chegar a tal conclusión, no caso de que aplicase algunha. Preguntámonos onde queda o código deontolóxico cando un/unha profesional da psicoloxía recomenda que unha nena de catro anos teña que visitar a quen presuntamente a deixou sen nai. Preguntámonos que é o que se agocha detrás de cada informe asinado polos equipos psicosociais e forenses dos xulgados nos que unha e outra vez as vítimas ven pisoteada a súa palabra e que son a chave que pecha a porta para a súa liberación.

Sobre a interpretación dos informes como proba

En última instancia, e por moito que o informe estea avalado por un instituto público, é o maxistrado/a quen ten a potestade para interpretar a proba en base á súa argumentación científica. Polo tanto a responsabilidade é de quen decide adoptar a proposta duns/dunhas profesionais e desoír as advertencias doutros/as. Existe unha tendencia a delegar nos equipos forenses ou psicosociais a decisión sobre custodia, visitas e testemuño de nenos e nenas, o cal pode simplificar o labor dos maxistrados/as pero conduce a non poucas situacións de indefensión para as vítimas menores de idade.

Para mostras un botón, neste caso adóptase a recomendación do equipo psicosocial do xulgado. É preciso puntualizar que estes equipos adoitan realizar unha única entrevista co neno ou nena e dese único contacto suponse que son quen de extraer información suficiente para decidir sobre unha custodia ou réxime de visitas. En canto á súa especialización e experiencia en atención a nenos e nenas vítimas é polo xeral pouca ou nula e nalgunhas Comunidades Autónomas non se exixe como requisito no proceso de selección.

En canto ao diagnóstico e opinión profesional de quen se manifestou en contra do réxime de visitas, unha psicóloga e unha psiquiatra que atenden á nena, habería que considerar que o seu grao de coñecemento sobre o estado psíquico e emocional da nena sen dúbida é maior, así como a súa especialización e experiencia (non esquezamos que están atendendo a unha nena que con tres anos perdeu violentamente á súa nai).

Hai outro tema que poñer sobre a mesa: a sentenza impón unha medida que é contraria á medida terapéutica proposta polas especialistas que atenden á nena, co que se podería ter entrado nun conflito entre o xurídico e o sanitario, Iustitia vs Salus.

Sobre a protección da nena como testemuño

O réxime de visitas concédese antes de que se tivese celebrado xuízo. A sentenza inclúe, segundo a Ser, unha serie de medidas que se entende poderían ir encamiñadas a impedir que a nena, como posible testemuño dun delito, reciba presións: o pai non poderá manipular á nena nin cuestionar ou descalificar á familia materna e só poderá falar coa nena sobre o colexio e as actividades diarias. Como sabe toda vítima, a violencia non é necesariamente explícita, un ton de voz, unha mirada, un xesto aparentemente inofensivos poden ir cargados de  significado para a vítima e o vitimario. Polo tanto non se está exercendo unha protección efectiva da nena como posible testemuño, a única medida razonable é preservala de todo contacto co presunto agresor.

Sobre os prazos do proceso xudicial

A nena de Aranjuez non pode esperar. Canto tempo pode tardar en ser visto un asunto pola Audiencia Provincial? Seis meses, nove, máis?. A Fiscalía debe interesar a suspensión da medida, mentres se tramita o recurso. O Consello Xeral do Poder Xudicial debe inspeccionar a acción do maxistrado por se tivese cometido neglixencia ou ilícito. O Estado debe asegurar que as súas institucións son respectuosas co marco lexislativo de dereitos de infancia, polo tanto non pode amparar o sometemento dos nenos e das nenas aos intereses de presuntos maltratadores.

Liberdade para a nena de Aranjuez. Non máis visitas co presunto agresor.

Web oficial da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME):
http://www.agamme.org/

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
30 de setembro de 2014 12:22

____________________

Nova relacionada:

Un xuíz outorga visitas a un preso acusado de matar á súa esposa e nai da menor | Permítelle saír do cárcere para ver á nena nun punto de encontro | MARIOLA LOURIDO 29.09.2014 - 12:24 CET | Ir a Web.
_____________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon