martes, abril 05, 2016

A mantenta da Sentenza do Tribunal Supremo que anula a resolución que outorgaba a Reganosa autorización administrativa previa para a súa instalación en Mugardos

Tags


Estamos loitando contra un xigante. Un proxecto como o de Reganosa é ILEGAL, construído con corrupción política é económica. Foi un pelotazo urbanístico de moitos millóns de euros en plusvalías para o Grupo Tojeiro [1]. Prometía miles de postos de traballo e quedaron en poucas ducias. E a Xunta de Fraga implicada até os ósos, comprometendo-se nun documento segredo [2] a aprobar e axilizar todos os permisos necesarios. Tanto o BNG, como o PSOE cumpriron un papel nefasto neste asunto, o Grupo Tojeiro convenceu-nos das bondades do proxecto gasista que chegaron a cualificar de estratéxico para Galiza, mesmo cando tiveron poder político actuaron en beneficio de Reganosa. Agora parece ser que rectificaron a súa postura política e están dispostos a dar algún paso atrás no seu apoio ao despropósito gasista instalado no corazón da nosa Ría. O Grupo Tojeiro comprou vontades, na política e nos medios, nom o esquezamos. Moitos socios importantes de REGANOSA, abandonaron a sociedade (ENDESA, GAS NATURAL FENOSA, BANCO PASTOR, CAIXANOVA, CAIXAGALICIA...), agora está sostida fundamentalmente pola Xunta de Galicia e polo Grupo  Tojeiro (Gadisa, Forestal del Atlántico, SA, ...). Irregularidades nas actuación das administracións. O Grupo Voz defende Reganosa cunha traxectoria de mentiras e manipulacións da que algún día terá que dar conta.

A maioría dos medios de comunicación convencionais intentan desviar o asunto de Reganosa do principal, resaltando que é un tema urbanístico subsanábel. Cando a realidade destacábel é que Reganosa foi declarada unha vez máis ILEGAL en sentenzas do Tribunal Supremo. Son dúas sentenzas firmes, pois foi anulada na primeira sentenza (2012) ao fallar estimar o recurso contencioso Administrativo contra o acordo de 31 de Xaneiro de 2003, polo que se aprobaba definitivamente a modificación puntual n°3 do PXOM do Concello de Mugardos. E na segunda e última sentenza (2016) anula a autorización administrativa previa para a instalación de Reganosa en Mugardos.

O que se anula na sentenza, en definitiva, despois de varios percorridos en administracións e xulgados, é a resolución da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas de 3 de Xuño de 2002, onde se lle concedía a Reganosa a autorización administrativa previa para a instalación da planta regasificadora en Mugardos [3]. Con unha serie de condicionandos que incumpre. Entre eles que fora conforme á normativa urbanística que nom o era. Mais o que se anula é a autorización.

Con respecto o asunto medio ambiental hai outras sentenzas do TSXG que nos dan a razón. Está por saír unha sentenza do Tribunal Supremo que ten que decidir sobre un recurso interposto por Reganosa, precisamente contra unha das sentenzas do TSXG que nos dá a razón.

Non esquecer que os medios convencionais informan ao ditado de Reganosa que paga. A súa estratexia é quitar-lle ferro á Sentenza. A nosa dar-lle a enorme importancia que ten. Desde Ártabra 21, non temos mais que dar os parabéns ao comité Cidadá de Emerxencia para a Ría de Ferrol, polo seu accionar consecuente e constate, contra este despropósito ilegal e perigoso que ameaza as nosas vidas coa súa presencia e aumentada exponecialmente sempre que entra un gaseiro para descargar ou cargar miles de toneladas de gas natural licuado, no complexo petroquímico de Punta Promontorio.

Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016 | Acceder/Baixar. (Recorrían as entidades ligadas ao Comité Cidadán de Emerxencia)

Sentenza do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Quinta. 11.05.2012| Recurso de Casación Núm. 4512/2008 | Acceder/Baixar. (Recorrían Reganosa e o Concello de Mugardos).


Anexo explicativo do percorrido até chegar a esta sentenza
.

* Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016

* Que resolve sobre un Recurso de casación Núm.: 008/599/2013.

* Contra a Sentenza 0000035/2004 do T.S.J.MADRID CON/ADM SEC. 6 de Madrid.

Trata-se dunha Sentenza (695/2016) que resolve un Recurso de Casación (599/2013) interposto por varias entidades en representación do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, ante o Tribunal Supremo, contra unha Sentenza (994/2012) ditada pola Sección Sexta da Sala do Contencioso-Administrativo, do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, de 12 de Novembro de 2012. Ditada para resolver sobre un Recurso Contencioso-Administrativo (35/2004), contra unha resolución, do 6 de Novembro de 2003, asinada polo Subsecretario de Economía que desestimaba un recurso de alzada, do Comité Cidadán de Emerxencia que interpuxera contra a resolución da Dirección Xeral de Política Energética e Minas de 3 de xuño de 2002 (BOE do 24 do Xullo de 2002), onde se lle concedía a REGANOSA, Autorización Administrativa Previa para a instalación da planta regasificadora en Mugardos.


Porque se interpuxo o recurso nun xulgado de Madrid ?


O Recurso Contencioso-Administrativo (35/2004), contra unha resolución, do 6 de Novembro de 2003, asinada polo Subsecretario de Economía, foi interposto ante o Tribunal Superior de Justicia de Madrid, porque o organismo que ditou a resolución de Autorización Administrativa Previa e o organismo que resolveu desestimando o recurso de alzada que o Comité interpuxera contra a mencionada Autorización, teñen a súa sede en Madrid.


A importancia do Pleno Extraordinario do Concello de Ferrol celebrado o 17 de Novembro de 2006.


E importante lembrar o sucedido o 17 de Novembro de 2006, cando o pleno do Concello de Ferrol decidiu non presentar recurso contra unha Sentenza da Sección Oitava da mesma Sala do Contencioso-Administrativo do mesmo TSJM que trataba sobre o mesmo asunto que agora veu fallar contra Reganosa o Tribunal Supremo, mais daquela a Sentenza do TSJM ditada o 17 de Outubro de 2006, ficou firme ao renunciar a corporación municipal ao recurso.

O relato

Sendo Alcalde Juan Juncal, do Partido Popular, ten lugar un Pleno Extraordinario do Concello de Ferrol o 17 de Novembro de 2006, trataba-se de poñer dous asuntos a debate e aprobación:

* Un.- Que o Pleno aprobara non recorrer ao Tribunal Supremo a sentenza nº 1242 do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM), que desestima un contencioso interposto por este Concello contra a Autorización Administrativa Previa a Reganosa aprobada no ano 2002.

* E dous.- Que o Concello de Ferrol se retire de todos contenciosos que ten presentados contra Reganosa.

Esta sería a terceira vez, que Juan Juncal levaba ao Pleno o asunto, sen te-lo conseguido nas anteriores ocasión, mais desta vez contaba co apoio das cúpulas políticas que mandaban no PSOE e BNG en Compostela.

Os tentáculos do poder real penetran nos partidos

Foi o 10 de Novembro de 2004, no Parlamento Galego, cando o PP e PSdeG-PSOE votaron conxuntamente unha moción do PPdeG para que o Concello de Ferrol se retirase dos contenciosos contra Reganosa. O BNG presentou outra proposta que foi rexeitada. "Iso ocorreu dous días antes daquel pleno municipal de 12 de novembro de 2004 donde Juncal por segunda vez levou ao Pleno a súa Moción e o Concelleiro Eduardo Fra Molinero (PSdeG-PSOE) desbaratou o plan votando distinto o que lle dixeran desde a executiva Galega. O BNG tamén votou en contra da Proposta de Juncal", comentaba Carmelo Teixeiro nun artigo publicado en Ártabra 21.

Dous anos máis tarde, as cousas foron cambiando, polo visto as direccións dos partidos chegaron a algún acordo, a planta xa estaba na fase final da construción. E os tentáculos do poder chegaron a penetrar en todas as organización con representación parlamentaria. O lobby d'As Pontes que mandaba na CIG e no BNG desa localidade, apertou de tal xeito que a súa posición chegou a ser a oficial de ambas organizacións, a sindical e a política. Só así se pode entender o sucedido no Pleno Municipal, celebrado o 17 de Novembro de 2006, dous anos despois do acordo Parlamentario do 10 de Novembro de 2004. Juan Juncal xa sabía, nesta terceira vez que presentaba a súa Moción, que desde o PSdeG-PSOE e o BNG ían a apertar con forza aos seus respectivos representantes na corporación municipal que aseguraran unha maioría suficiente, ademais contaba con Manuel Bustabad que en Xuño xa abandonara a disciplina de IF e non foi a este Pleno Extraordinario.

O BNG, preferiu sacrificar a súa representación institucional e a potente organización política nas comarcas a cambio de que? Iso só o saben os que estiveron compartindo mesa e mantel co vello Tojeiro.

Nas Eleccións Locais de Maio de 2007, hai un cambio político no Concello de Ferrol, onde Esquerda Unida e PSdeG-PSOE acadan un acordo de goberno. Os dous partidos deixaron clara a súa discrepancia con respecto a Reganosa, mais queda excluída toda referencia á regasificadora. O partido que en anos anteriores se mostrara moi belixerante coa planta de gas e que participaba mais a carón do movemento opositor à regasificadora de Mugardos, mesmo que fixera bandeira deste feito, pasa a renunciar na institución a contribuír na loita contra Reganosa. Perante ano e medio, paralelamente goberna o bipartito BNG/PSOE en Compostela aceptan unha política de feitos consumados agora que a Reganosa está construída, pasan a defender a política mantida polo PP na Xunta, cualificando o valor estratéxico da planta de gas no deseño económico da Comunidade. É o goberno bipartito xunto á empresa gasista, quen recorre algunhas das sentenzas do TSXG que fallaran contra o despropósito gasista de Reganosa.

Antecedentes

No ano 2002, sendo Alcalde de Ferrol Xaime Bello Costa (BNG),  o Pleno decidiu presentar dous contenciosos en relación con Reganosa. 

* Un primeiro contencioso do concello de Ferrol correspondeu o TSXG, cuxa sala primeira emitiu a sentenza de 23 de xuño de 2004 favorable o Concello de Ferrol, e que anula a tramitación ambiental de Reganosa, con unha abundante argumentación legal. Foi recurrido o Tribunal Supremo pola Xunta e por Reganosa en xullo de 2004.

* E un segundo contencioso do Concello de Ferrol e contra a Autorización Administrativa previa de 3 de xuño de 2002, aprobada pola Direccion General de Política Energética y Minas. Foi desestimado pola sentencia 1242 do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid (TSJM).

O Pleno do 31 de xullo de 2003, sendo xa Alcalde Juan Juncal Rodríguez (PP), acordou continuar coas actuacións iniciadas, mais con posterioridade non presentou novas actuacións. Hai que ter en conta que o PP non contaba coa maioría suficiente para impoñer a paralización das actuacións, pois só tiña 7 dos 25 representantes municipais. Pois os outros 6 concelleiros que lle daban a maioría no Pleno e mesmo participaban no goberno municipal, eran de Juan Fernández, do partido localista Independentes de Ferrol (IF) que sempre se manifestou contra a localización da Planta de Gas dentro da Ría. Mesmo a proposta do BNG, presentou-se unha Moción contraria á localización de Reganosa dentro da Ría e para que a regasificadora se localizara no Porto Exterior, aprobada cos 17 votos de BNG, EU, IF e PSOE.

Notas.-

[1] Xunto aos terreos da concesión portuaria de Punta Promontorio, o Grupo Tojeiro adquiriu uns terreos non aptos para o uso industrial para instalacións de almacenamento de hidrocarburos no seu momento pero que posteriormente foron recualificados polo concello de Mugardos en 1999 e 2003. Pelotazo urbanístico que posibilitou ao Grupo Tojeiro ser unha parte preferente no conxunto societario da empresa regasificadora. Hai que ter en conta que foi precisamente a modificación nº3 do PXOM de Mugardos que foi declarada nula polo TSXG (2008) e que ben a confirmar agora esta sentenza do TS (2016), confirmada a súa vez por outra anterior do TS (2011) a que posibilitou o despropósito gasista.

[2] O 20 de xullo de 2000 asínase un convenio de colaboración -con cláusula de confidencialidade- entre o Grupo Tojeiro, a Xunta de Galicia (Goberno Fraga), Endesa, Unión Fenosa, Caixanova e Sonatrach (empresa estatal alxerina provedora de gas natural) que se constitúen "como unha Asociación de Promotores para o Desenvolvemento da Planta de Regasificación de gas natural licuado a construír en Mugardos, na bahía de Ferrol" (Convenio, 20-07-00: 4).

[3] Miércoles  24  julio  2002 | BOE núm. 176 - 6032 | MINISTERIO DE ECONOMÍA | Resolución de la Dirección General de Política Energética  y  Minas  por  la  que  se  otorga a   ́Regasificadora  del  Noroeste,  Sociedad Anónima (REGANOSA) autorización  administrativa previa para la instalación de una planta de recepción, almacenamiento y regasificación de gas natural licuado en Mugardos (A Coruña). | Acceder/Baixar.
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon