mércores, abril 06, 2016

Segunda Sentenza en firme do Tribunal Supremo contra Reganosa. Un paso importante na defensa da legalidade, a Ría e a vida das persoas da súa contorna - Comunicado do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol - Convocatoría de Rolda de Prensa

Tags


Comunicado do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol ante a Segunda Sentenza en firme do Tribunal Supremo contra Reganosa


O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, reunido no día de hoxe para facer unha valoración da recente Sentenza do Tribunal Supremo sobre Reganosa, acordou emitir o Comunicado que a continuación transcríbemos.

Asemade acordou a celebración dunha Roda de Prensa, coa participación de Dona Patricia Gabeiras, Avogada do CCE, para analizar con detalle a situación actual e comunicar a posición do Comité tras esta Sentenza.

A Rolda de Prensa está convocada para o mércores, 13 de Abril, ás 18:00 hs, no salón de actos do Ateneo Ferrolán (Rúa Madalena, 202-204).


¡PLANTA DE GAS: PECHE XÁ!

Comunicado

Segunda sentencia en firme do Supremo contra Reganosa. Un paso importante na defensa da legalidade, a Ría e a vida das persoas da súa contorna.

1º.- O Tribunal Supremo en sentencia firme, ven de anular a Autorización   Administrativa Previa concedida pola Dirección de Política Enerxética e Minas (Goberno Central) o 3 de xuño de 2002 para planta de gas de Reganosa, por carecer do deseño urbanístico axeitado.

Xa en maio de 2012 o Supremo, en sentencia firme, anulaba a modificación do plan xeral que serviu de base para concesión de construción da planta de gas de Reganosa.

2º Van transcorridos 12 anos dende que o Tribunal Superior de Galicia determinara   nunha primeira sentencia (23-xuño-2004), a ilegalidade da planta por carecer da Declaración de Impacto Ambiental..

3º Esta nova sentenza do Supremo amosa o asalto á legalidade perpetrado polos promotores de Reganosa para impor a relocalización da planta de gas no interior da nosa Ría. Un proceso só posible pola implicación tanto do Goberno Central (Aznar), como da Xunta de Galicia (Fraga), lembramos a inclusión da Xunta no accionariado de Reganosa, e o convenio coas cláusulas de confidencialidade asinado polo Grupo Tojeiro e o entón presidente Fraga, en xullo do 2000, no que se recolle o compromiso da Xunta coa súa localización, e a resolución dos “problemas de viabilidade económica ou administrativa” que tivese Reganosa.

A planta de gas que tiña prevista a súa construción no Porto exterior, relocalizouse no interior da Ría, soamente para favorecer unha operación especulativa a prol do Grupo Tojeiro, que lle reportou aproximadamente 30 millóns de euros.

4º Cumpre desmentir as  afirmacións de Reganosa de que a sentenza confirma que “en cuestións de seguridade e medio ambiente” a compañía procedeu correctamente. O que a actual sentenza di exactamente é que “non cabe admitir o recurso de casación respecto do manifestado na sentenza que se recorre, do 12 novembro de 2012, ao non achegar ningunha argumentación adicional”. Se revisamos o contido da sentenza de 2012, orixe deste recurso agora resolto, atopamos que a sentenza só se apoia no informe da Consellería de Industria de novembro de 2001 (socio da propia Reganosa). Nel, lonxe de confirmar a adecuación do proxecto á normativa en canto a requisitos de seguridade, condiciona o cumprimento presente, a futuros cumprimentos. A frase utilizada é: “o emprazamento é adecuado a condición de que durante a construción, posta en marcha e explotación da mesma, se sigan as disposicións e medidas correctoras que nos aspectos de seguridade e impacto ambiental cada fase do proxecto esixa”. Estes “cumprimentos condicionados ao futuro” é factor común en case todos os informes supostamente favorables, elaborados polas  administracións implicadas e que serviron para ir sorteando obstáculos no procedemento de autorización.

5º Tampouco di a verdade Reganosa cando afirma que está sometida ao control da administración europea en materia de seguridade, xa que as institucións europeas limítanse a preguntar ao estado español se a tramitación seguiu as canles previstas, pero sen analizar o fondo de cada cuestión sobre os incumprimentos que desde o Comité Cidadán vimos denunciando desde o ano 2001, coas alegacións ao proxecto básico.

A planta de gas de Reganosa, é unha instalación perigosa, cunha enerxía equivalente a 1800 Kilotons (equivalente a 120 bombas atómicas como a de Hirosima);  localizada a escasos 100m do núcleo urbano de Mehá; a 800m do arsenal militar; a carón do complexo petroquímico de Forestal; e, conxuntamente cos gaseiros cargados con GNL que entran nunha Ría pechada, incumpre toda a lexislación medio ambiental e de seguridade industrial, constituíndo unha ameaza para a vida da poboación de Ferrolterra.

Ademais a Planta de gas de Reganosa é deficitaria, pagámola os cidadáns e cidadás, e a maiores, é un factor da destrución medio ambiental da Ría, ao arrefriar e esterilizar un inxente volume de auga de mar, que non estaba no proxecto inicialmente aprobado.

Reganosa e a Xunta de Galicia empéñanse en pretender presentar como algo útil unha planta innecesaria. Para iso están a promover fornecer gas natural á planta de Alcoa mediante máis de 800 camións cisterna anuais. O razoable sería promover a construción dun gasoduto co que a calquera planta de España o gasoduto do Magreb podería fornecer o gas que necesitase no futuro, aumentando a garantía da subministración, en lugar de convertelo en cliente cautivo da planta de Mugardos. Ademais, a solución proposta leva a incrementar o tráfico de mercadorías perigosas por estrada (máis de 2,4 camións cisterna diarios) e o consecuente deterioro.

6º A Planta de Reganosa é incompatible co medio da nosa Ria. O Tribunal Supremo ven de sentenciar tamén a ilegalidade da planta de gas asturiana do Musel, polo incumprimento das distancias mínimas de 2000m aos núcleos de poboación, esixidas polo RAMINP, sendo no caso de Reganosa esas distancias aos núcleos de poboación máis pequenas.

7º Tendo en conta que esta sentenza anula a autorización administración previa, que serviu de fundamento para as autorizacións posteriores da instalación, o razoable sería paralizar inmediatamente a actividade e promover o seu desmantelamento.

Lamentamos que a pesares das sentenzas do Supremo, continúe a actividade da planta de Reganosa, un caso flagrante da corrupción político-financeira, que só se explica pola implicación dos diferentes gobernos da Xunta dende 1999. Todos estes feitos nunca acadaron a consideración da fiscalía a pesar das denuncias do Comité

O CCE esixe o cese da actividade desta instalación e que se permita a entrada do gas a través de gasoduto, tal como viña sucedendo antes de 2007.

Ferrolterra, a 5 de abril de 2016

¡PLANTA DE GAS: PECHE XÁ!

Sentenza 695/2016 do Tribunal Supremo. Sala do Contencioso-Administrativo. Sección: Terceira. 28.03.2016 | Acceder/Baixar.

Comité Cidadán de Emerxencia
para a Ría de Ferrol
comitecidadan@gmail.com
www.comitecidadan.org
@ComitCEmerxenc

Enviado por:
comitecidadan
-comitecidadan@gmail.com-
5 de abril de 2016 21:51

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon