venres, xuño 09, 2006

Urxente: proposta do Colectivo Veciñal de Recimil

Tags

Ferrol a 8 de xuño do 2006.

Estimados compañeiros e compañeiras da Plataforma Ártabra 21.-

Os veciños das Casas Baratas de Recimil estamos a sufrir o continuo acoso do grupo de Goberno Municipal, que non desaproveita ocasión de manipular a opinión pública, para acadar o apoio da xente desinformada que, neste asunto, é unha grande maioría.

No acoso destaca sobre todo, La Voz de Galicia, que case nunca ofrece noticias a favor da rehabilitación, aproveitando calquera cousa para favorecer a operación derribo, comezando por silenciar a nosa existencia e os varios escritos que lles mandamos.
Agora a táctica dos "demoledores" consiste en insistir sobre a "opinión da maioría dos ferroláns" e sobre "o custo da rehabilitación".

No caso da "maioría", aprovéitanse da desinformación da xente, á que bombardean continuamente co grande beneficio que suporía para a cidade (¿?) a derruba do noso barrio. Nembargantes, a realidade é que os de IF son agora os únicos defensores do seu "proxecto", despois de que o novo concelleiro do PP, o arquitecto Sr. Evia, afirmara que non lle gustaba o "invento", e de que o Sr. Caselas, da A.VV confesara publicamente, no debate organizado polos Xeógrafos, que non cre nos políticos e que prefire a "restauración".

Respecto dos cartos, esaxeran descaradamente as cifras. Por exemplo, di o Alcalde que fan falta 70 millóns de euros para rehabilitar as casas. Botemos contas: 70 millóns multiplicados por 166.386 son, 11.647 millóns de pesetas, que divididos entre mil vivendas, serían máis de ONCE MILLÓNS E MEDIO DE PESETAS POR VIVENDA.

Tendo en conta, que non hai que pagar solar, nin alicerces, nin muros e tabiques, que xa están feitos, e aínda que houbese que facer todo o demais, que non é o caso, a cantidade semella disparatada. Pero a intención é facerlle crer á xente, que queremos arruinar ó Concello.

Unha vez feitas estas aclaracións, desexamos vos presentar unha proposta de resolución para nos defender deste rabioso ataque, sempre tendo en conta os principios da nosa Plataforma, e a necesidade de que a actuación sexa o suficientemente rápida para que teña valor informativo.

= Proposta de Resolución =

A Plataforma Ártabra 21, integrada por 17 colectivos organizacións e asociacións, consonte os nosos principios de defensa dunha política xusta, democrática, participativa e responsable cara o futuro da humanidade, e segundo os nosos obxectivos xerais en contra da privatización dos espazos públicos e da especulación inmobiliaria, declaramos o noso rexeitamento á derruba do Barrio de Recimil de Ferrol, e o noso apoio á súa rehabilitación, por resultar menos agresiva para o medio ambiente, e como preservación do noso patrimonio cultural.

Esta Resolución fundaméntase nas opinións de organismos e persoas de recoñecido prestixio neste tema, como son o Colexio de Arquitectos, o Colexio de Xeógrafos, ou a Comisión Provincial de Patrimonio Histórico.

¿Non se podería pedir a opinión das asociacións membros da Plataforma vía internet, e proceder rapidamente a publicar a Resolución, se resulta aprobada? Se agardamos á próxima Asamblea, xa será tarde. Ou actuamos axiña, ou a nosa Plataforma perde grande parte da súa eficacia, cara a influir na opinión pública.
Asinado: Colectivo Recimil.


Nota.-

Diante da excecionalidade do asunto, pedimos a todas as persoas da Plataforma, colectivos e organizacións que intenten tomar unha decisión o mais axiña posíbel diante da proposta do Colectivo Recimil e se pronuncien, para poder asumir a proposta de resolución como propia e pode-la difundir por todos os medios ao noso alcance.


Escreber un correio-e a artabra21@gmail.com

manifestando a vosa posición.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon