xoves, agosto 03, 2006

Anulada por segunda vez, en sentenza do TSXG, a tramitación ambiental realizada por Reganosa

Outra sentenza do TSXG anula por segunda vez a tramitación ambiental realizada por Reganosa aprobada pola Consellería de Medioambiente en xuño do ano 2001.

Hoxe foi comunicada ás partes a sentenza 00606/2006 de 27 de xuño, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no recurso contencioso-Administrativo 672/2002 interposto pola Plataforma de Veciñal da Parroquia de Meha (Mugardos) e outras asociacións do Comité Cidadán de Emerxencia, contra a descafeinada Declaración de Efectos Ambientais do proxecto de planta de almacenamiento e regasificación de gas natural licuado que a empresa Reganosa constrúe en Mugardos.

A sentenza do TSXG é favorable ao recurso presentado polas asociacións do Comité Cidadán de Emerxencia, estima o recurso administrativo interposto e anula os actos impugnados por ser contrarios a dereito, esa anulación afecta tamén á descafeinada Declaración de Efectos Ambientais de 11 de xuño de 2001 realizada pola Conselleria de Medioambiente. A sentenza de seis paginas entra ao fondo do asunto e di que en aplicación da normativa vixente o procedemento para a planta de gas de Reganosa debe ser a Declaración de Impacto Ambiental, e que deben ser anuladas as resolucións recorridas non sendo aceptable a alegación da Xunta.

A sentenza é susceptible de recurso de casación ao Tribunal Supremo no prazo de dez días hábiles contados a partir do 31 de xullo, data da comunicación. Dado que o mes de agosto non conta para os trámites na xustiza, ese prazo continua a partir do 1 de setiembre.

O Comité Cidadán o pasado 19 de xuño nunha entrevista en Santiago co Director Xeral de Industria Anxo Calvo Silvosa, felicitoulle polo feito de que a Xunta non recorra ao Tribunal Supremo na sentenza do TSXG que anulóu a licenza dos depósitos de Ferrazo en Vilagarcía. Así mesmo que a Xunta fose coherente e non recorrese as sentenzas que se producisen nos contenciosos pendentes no TSXG contra Reganosa. Tamén propúxoselle que a Xunta de Galicia se retire do recurso ao Tribunal Supremo na primeira sentenza que o TSXG fallóu contra Reganosa en xuño do ano 2004. O Director Xeral de Industria quedou en falalo co Conselleiro de Industria. A raíz desa reunión espérase que a Xunta acate as sentenzas do TSXG por ser a ultíma instancia de xustiza en Galicia, e polo tanto non recorra a Madrid ao Tribunal Supremo, máxime cando estamos nun proceso positivo de mellora de competencias autonómicas no que tamén deben recoñecerse as do TSXG.

Coa sentenza 536/2004 de xuño de 2004, a interpretación que xa viña sostendo o Comité Cidadán é que anula todo o procedemento de autorizacións a Reganosa, pero non é firme polo recurso ao Tribunal Supremo realizado en xullo de 2004 por Reganosa e a Xunta de Galicia. Agora cunha segunda sentenza contraria a Reganosa o Comité Cidadán terá unha reunión extraordinaria, para valorar o seu contido e alcance, organizar a súa difusión, ademais de empezar a ver en que actuacións administrativas ou xudiciais debe incorporarse o coñecemento e efectos da mesma, xa que é a segunda sentenza contraria a Reganosa nos once contenciosos admitidos a trámite nos tribunais españois.

A sentenza 536/2004 de 23 de xuño, do TSXG contraria a Reganosa, foi realizada pola súa sección primeira, no contencioso nº 342/2002 que presentara o Concello de Ferrol contra a Declaracion de Efectos ambientais de 11-6-2001 realizada pola Conselleria de Medioambiente. O Concello de Ferrol ten outro contencioso a tramite no Tribunal Superior de Xustiza de Madrid.

Esta sentenza 606/2006 de 27 de xuño, do TSXG contraria a Reganosa, foi realizada pola súa seccion segunda, no contencioso nº 672/ 2002 presentado por asociacións do Comite Cidadán de Emerxencia, encabezadas pola Plataforma Veciñal de Meá (Mugardos), contra a mesma Declaración de Efectos Ambientais de 11 de xuño de 2001.

Ao non haberse acumulado eses dous contenciosos, prodúcense as sentenzas por separado.

A sentenza 536/2004 e a 606/2006 teñen igual resultado de anular a tramitación ambiental de Reganosa e como consecuencia quedan nulas a autorizacións administrativa de 3/6/2002 e de construcción de 13-2-2004 ambas outorgadas pola Direccion Xeral de Política Enerxética e Minas que é o órgano sustantivo ao que alude a sentenza.

En ambas sentenzas a votación produciuse en distintas seccións do TSXG, é dicir, por distintos grupos de Maxistrados, o que dá mais forza ás mesmas.
Esta segunda sentenza reforza a primeira na redacción e explicación de determinados aspectos que nalgúns medios se habían estado interpretando de xeito moi informal, en particular sobre as sentenzas do Tribunal Supremo nunha DIA, cando neste caso trátase dunha DEA.

A DIA (Declaración de Impacto Ambiental) é o que segun a lei tendría que realizar Reganosa pero non o fixo.

A DIA non é un papel que se poida adquirir con efecto retroactivo cunha construcción acelerada por feitos consumados que desde xuño de 2004 sábese que é ilegal, o que esta segunda sentenza vén ratificar de forma moi contundente.

Despois da reunión do Comité Cidadán de Emerxencia nos próximos días comunicarémoslles as valoracións que procedan.

Ferrol, 31 de xullo de 2006

Polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
Carmelo Teixeiro

Mais información:
http://comitecidadan.bitacoras.com/ target="_blank"

1 comentarios so far

CONTAMINACIÓN
O BNG denuncia: "A ría de Arousa é unha bomba de reloxería"
Bieito Lobeira esíxelle á Xunta cumprir co pacto de retirar os depósitos químicos do Ferrazo no porto de Vilagarcía ·· Pide tamén a eliminación do transporte marítimo de hidrocarburos nesta zona
E.P. . SANTIAGO
O deputado do BNG responsable de Pesca, Bieito Lobeira, reclamoulle onte ó PSOE que cumpra o compromiso que adquiriu en febreiro de 2002, conxuntamente co Bloque, para trasladar fóra da ría de Arousa os depósitos químicos e petrolíferos do Ferrazo no porto de Vilagarcía (Pontevedra).

Así, recordou que o 23 de febreiro de 2004 ambas as formacións se comprometeron a cambiar de localización estes depósitos se chegaban ó goberno da Xunta. "Foi Antón Louro -entón secretario de Organización- quen asinou ese compromiso en nome de Touriño", puntualizou.

Por iso, e por medio dunha proposición non de lei, o BNG insta o Executivo central a que poña en marcha as "medidas necesarias" para retirar e trasladar fóra da ría de Arousa os depósitos que actualmente están no Ferrazo, así como a eliminación do transporte marítimo de hidrocarburos nesta ría. Tamén pide Xunta que se activen as actuacións "precisas" e no "ámbito das súas competencias" para modificar a súa actual localización.

"Gustaríanos que esta iniciativa se aproba por unanimidade", subliñou á vez que precisou que, desta forma, o BNG quere cumprir co compromiso adquirido cos habitantes da comarca do Salnés en 2000. "Por iso convertémonos nos portavoces das súas reivindicacións", agregou. Lobeira subliñou que a ría de Arousa é unha "bomba de reloxería" se se manteñen os depósitos químicos e petrolíferos. Así, subliñou que o 30% dos buques que entran no porto de Vilagarcía son petroleiros con máis de 25 anos, o 33% dos cales sufriu detencións noutros peiraos por deficiencias.

Na actualidade, o tránsito de hidrocarburos neste porto chega ás 300.000 toneladas/ano, e os nacionalistas estiman que un incremento vinculado ó proceso de ampliación -con novos recheos- alcanzaría no 2010 as 750.000 tns/ano. Por iso, o BNG recalcou que o mantemento deste material na súa actual localización representa un "risco inasumible".


Salvagardar a riqueza natural e económica do contorno

Neste sentido, destacou a riqueza natural e económica da ría de Arosua, especialmente nos sectores do turismo e do mar-industria. "A suma da produción e facturación de todas estas actividades supoñen unha cifra próxima ós 800 millóns de euros anuais e posibilitan 26.000 empregos directos que supoñen máis da metade de todo o emprego da ría", aclarou.

A CERNA Desautorizados polo Tribunal

Lobeira recordou que unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza anulou a resolución de Industria do PP que autorizaba a instalación de almacenamentos de produtos químicos na zona.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon