sábado, setembro 23, 2006

Proposta resolución sobre medidas para frear o cambio climático por parte dos concellos

Tags

O cambio climático, consecuencia da intensificación do efecto invernadoiro inducido pola especie humana, é xa unha realidade. O Panel Intergobernamental sobre Cambio Climático, IPCC, adscrito á ONU e formado por máis de 2000 cinetíficos en todo o mundo, asegura que o cambio climático global xa comenzou e que as accións para mitigalo e adaptarse a el son urxentes.

As emisións de gases efecto invernadoiro en Galicia medraron o 45’9% entre 1990 e 2005, crecemento moi significativo e preocupante. A nosa terra presenta unhas emisións por habitante que figuran entre as máis altas de Europa e do mundo. Boa parte das emisións teñen lugar nas vilas e cidades, onde vive o 70% da poboación galega, especialmente as emisións dos sectores transporte, doméstico, comercial e institucional.

A nivel estatal, máis do 50% das emisións de gases de efecto invernadoiro relacionadas co transporte realízanse en áreas urbanas, na súa meirande parte froito do emprego do automóbil privado. existen previsións moi preocupantes que sitúan ao sector do transporte como o de maior crecemento relacionado co consumo enerxético.

O crecemento do consumo enerxético nos sectores residencial, comercial e institucional está a ser moi importante, rexistrándose un uso da enerxía pouco eficiente. Isto é particularmente lamen tábel no caso dos Concellos e das Administracións Públicas en xeral, xa que, por razóns ambientais e económicas, deberían ser exemplos de uso eficiente da enerxía, nos seus edificios e instalacións, no alumeado público e nos parques de vehículos ao seu servizo.

A comunicación da Comisión Europea relativa a unha Estratexia temática sobre ambiente urbano, que forma parte do Plano de Acción Ambiental da UE en vigor, destaca o papel das zonas urbanas na implementación de medidas para a redución das emisións. Como áreas prioritarias de traballo apunta os transportes e a construción.

Perante a gravidade do problema do cambio climático e a necesidade de adoptar mediadas urxentes que impliquen a toda a cidadanía, a asociación ecoloxista Verdegaia propón á Plataforma Ártabra 21 que apoie pública e expresamente os seguintes puntos a demandar aos diferentes concellos da nosa comarca:

1.- Integración dos concellos da comarca na “Rede Española de Cidades polo Clima”.

2.- Elaboración de ordenanzas sobre captación e aproveitamento de enerxía solar que reforce as esixencias contidas no Codigo Técnico de Edificación (CTE).

3.- Elaboración de auditorías enerxéticas en tódalas instalacións e equipamentos municipais para, posteriormente, elaborar un Plano Enerxético Municipal que mellore a eficiencia enerxética e incorpore progresivamente fontes enerxéticas renovábeis nas instalacións e servizos municipais.

4.- Igualmente, realizar unha auditoría de consumo eléctrico do alumeado público e adoptar medidas para diminuilo como por exemplo: adecuación do número de puntos de luz ás necesidades reais, substitución por lámpadas de baixo consumo, diminución do horario de iluminación, etc..

5.- Crear unha Axencia Local de Enerxía en cada concello para realizr as auditorías xa comentadas e para informar, prestar asistencia técnica á cidadanía e empresas, desenvolver campañas de sensibilización, ...en materia de aforro enerxético e enerxías renovábeis.

6.- Redacción dun “Plano de Mobilidade Sustentábel” que inclúa a adopción de medidas de pacificación do tránsito e restricción do vehículo privado, potenciación de modos de transporte menos contaminantes (pé, bicicleta, transporte colectivo..)

7.- Planificación urbana que diminúa a necesidade de desprazamentos, que favoreza o uso do transporte menos ou nada contaminante (bicicleta, pé, colectivo..).Ademais, as novas areas residenciais serán libres de coches e estudarase o impacto sobre o tráfico antes de autorizar grandes areas comerciais.

8.- O imposto sobre vehículos penalizará de forma forte aos vehículos con maior consumo enerxético e maiores emisións de CO2, especialmente a vehículos todoterreno non destinados a usos comerciais.

9.- Primará a “Contratación Pública Verde”, isto é, contratar bens e servizos conceder adxudicacións que conten con criterios que favorezan a sustentabilidade.

10.- A política de residuos urbanos terá como obxectivo prioritario a redución en orixe. Para iso reformarase a taxa de recollida de lixo de xeito que incentive a prevención da xeración de lixo. Faranse accións de concienciación cidadá e o destino do lixo será a reutilización, reciclaxe e compostaxe.


De aprobarse a resolución por parte da Asamblea Xeral da Plataforma ártabra 21, esta publicaría estas medidas no seu blog para consulta de tódolos/as visitantes, emitiría un comunicado de prensa apoiando e facendo propias estas medidas e publicitaría accións de Verdegaia sobre o cambio climático, en concreto.

Narón , setembro do 2006

Asdo: Mª Belén Arenas Riveiro

secretaria comarcal Verdegaia Ferrol, Eume e Ortegal


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon