xoves, novembro 30, 2006

Convocatoria dun acto público o 1 de decembro: Outro urbanismo é posíbel

Tags

Convocatoria dun acto público o 1 de decembro, venres, ás 7 da tarde no Centro Cívico e Cultural Carvalho Calero do Inferniño [Ferrol]:

Outro urbanismo é posíbel


A Plataforma Ártabra 21, xurde, como a confluencia de diversos colectivos veciñais agredidos como consecuencia dunha política urbanística e de ordenación do territorio especulativa e insubstentábel.

Nos debates constituintes afirmabamos:

Que a cimeira de Rio de Janeiro de 1992 concluíu coa necesidade de que a cidadanía tomase parte nas decisións que atinxen a sustentabilidade dos asentamentos humanos.

Posteriormente na Carta das Cidades Europeas Cara a Sustentabilidade (Carta de Aalborg-1994), partindo dunha realidade caracterizada polo esgotamento enerxético do planeta, a destrución sistemática do medio ambiente natural e un paulatino empeoramento da calidade de vida, as cidades europeas apostan por percorrer un camiño cara a substitución das actuais fontes de enerxía de orixe fósil por fontes de enerxía renovábeis, pola mellora da calidade de vida e a protección do medio ambiente.

Neste camiño trazado na Carta de Aalborg defendíase a PARTICIPACIÓN CIDADÁ coma un dos eixes imprescindíbeis para acadar estes obxectivos.

Na actualidade, máis dunha década despois da Carta de Aalborg, vemos como no noso entorno urbano e natural inmediato, lonxe de camiñar na liña proposta por este documento, as diferentes administracións teiman en levar a termo proxectos que atentan en contra da calidade de vida da cidadanía, (e moitas veces tamén en contra da súa propia seguranza), depredando e degradando o patrimonio cultural e natural herdado, desenvolvendo políticas territoriais, urbanísticas e enerxéticas insustentábeis.

Desde Ártabra 21 temos o empeño de que as cousas poden e deben cambiar, e o camiño que encetamos vai nesa dirección, hoxe somos 16 colectivos, mais hai xa catro máis que solicitaron a entrada na Plataforma, agardamos ser mais en pouco tempo. Mais o nosos obxectivo non é ser mais senon que a cidadanía participe e exerza os seus dereitos. As actividades de Ártabra 21 van nesa dirección.

É, con esta filosofia de fondo coa que nos abrimos á sociedade e intentamos mobilizar o vindeiro domingo día 3 de decembro xunto con otras asociacións e entidades de Ferrol.

Máis tamén baixo esta filosofia organizamos un acto público que vai ter lugar mañá venres, 1 de decembro, ás 7 da tarde no Centro Cívico e Cultural Carvalho Calero do Inferniño, baixo o lema:

OUTRO URBANISMO É POSÍBEL

que consiste nunha Charla Coloquio, onde falarán representantes do
  • Colectivo veciñal de Recimil
  • Colectivo Veciñal pola defensa do parque público de Sartaña
  • Plataforma pola Defensa Patrimonial e Natural dos Montes de Brión e Leixa
  • Comunidade Menáncaro
  • Comisión Cidadá pola Recuperación de Ferrol Vello

Blog: http://artabra21.blogspot.com

correio-e: artabra21@gmail.com


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon