luns, decembro 18, 2006

Rehabilitar Recimil

Tags

Opinión
De: Olga Fra -olgafra@yahoo.es-

Os preliminares para a rehabilitación do barrio de Recimil están en marcha. Leva a iniciativa a Consellería de Vivenda. E isto produce certa vergoña, porque é a maior proba da deixación de funcións dun goberno local que non cre que paga a pena facer política no municipio e para o municipio.

¿Quen ten e quen debe ter a iniciativa na rehabilitación de Recimil? Son os concellos quen solicitan as Áreas de Rehabilitación Integral e tamén quen preparan a memoria-programa de actuacións. Neste caso, en contra do establecido, a Consellería de Vivenda realiza o estudio de viabilidade. É anómalo e preocupante que o Concello de Ferrol, ademais propietario, non sexa o promotor da iniciativa. Aínda así, debería adoptala e liderala de inmediato, matizándoa como máis lle satisfaga. Non importa que en tempos o goberno municipal non apostara pola rehabilitación. Recimil é a súa responsabilidade a todos os niveis: está en xogo a capacidade do Concello de Ferrol para asentar o seu propio patrimonio de vivenda e solo, utilizalo para atraer poboación nova e, por suposto, resolver con sensibilidade o problema que el mesmo creou e fixo padecer aos habitantes de Recimil durante tanto tempo. Oímos a cotío amargas queixas dirixidas desde o goberno local a outras administracións. Non se trata neste caso de reclamar para Ferrol infraestructuras, portos, polígonos industriais, todas elas causas honorables nas que o alcalde terá voz pero non voto. É fácil esixir sobre o que é competencia doutros. Aquí trátase de desenvolver as funcións propias, con todas as vantaxes e poucos inconvintes, e cóntase co devecido apoio dunha consellería. Por iso é escandaloso que o goberno municpal pase, lonxe de representar un papel activo e rehabilitarse tamén el nas funcións que lle toca exercer. É de esperar que, con este desinterese, un día decida ceder Recimil enteiro á Xunta, xestión e todo. ¿Verémolo anunciar que por fin se librou do problema?

Esta idea tantas veces repetida é anacrónica e irresponsable. Pensemos por qué a Consellería de Vivenda non fuxe de Recimil. Encaixa na súa política ata o lucimento, xa que Recimil ten condicións para ser un referente na recuperación de barrios. Pero ademais, en boa lóxica, valora os réditos económicos que a rehabilitación e xestión de Recimil poden darlle. Por ámbalas dúas razóns debemos reivindicar que o Concello de Ferrol tome a iniciativa na rehabilitación de Recimil: ¡isto é o que lle corresponde! Ben sei que se pode dicir berrando, porque o goberno municipal non quere comprender que a política pública de vivenda é unha das súas obrigas.

Olga Fra Gálvez
é arquitecta.

Artigo orixinal no Diario de Ferrol


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon