luns, febreiro 26, 2007

Manifestación Popular, o 4 de marzo, ás 12 do mediodía, na defensa dos espazos públicos, contra a construción do macro-edificio na Praza Porta Nova

Nota de prensa, das asociacións veciñais e outras entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos, contra a construción do macro-edificio na Praza da Porta Nova [Praza de España].-

As entidades abaixo asinantes, imonos manifestar por terceira vez, contra a construción dun macro-edificio na Praza da porta Nova, ¿por que o facemos?, pois:

Porque o Goberno Municipal do Concello de Ferrol, está construíndo na Praza da Porta Nova [Praza de España], un macro-edificio innecesario; porque é ilegal, pois non respecta o PXOM [Plano Xeral de Ordenación Municipal], pois ocupa un solo cualificado na actualidade, como sistema xeral viario, é dicir vías de dominio e uso público onde non está permitido a edificación en superficie; e porque, este, se vai a entregar para a explotación e lucro privado, nun espazo público que é de toda a cidadanía.

Porque mentres a cidadanía ten que cumprir o Plan Xeral, a administración municipal que é garante do seu cumprimento, pasa olimpicamente desta norma na Praza. Din que o "fito" urbano é legalizable, porque, no futuro, se póde adaptar ao Plan Xeral o que alí se constrúa. Este goberno municipal está a inventar un novo urbanismo no que son os plans os que se adaptan ás obras e non as obras aos plans. Un territorio no que a cidadanía cumpren as normas mentres a administración as adapta á súa conveniencia.

Porque con esta actuación están destruíndo, aínda máis, a praza que pretenden recualificar, para cambiar o uso do chan, coa pretensión de esconder a cesión dun espazo, que é de todas e todos, a unha empresa privada, sen un uso definido, mais coa pretensión de destinalo a ser centro de servizos administrativos, comerciais e lecer privados, de máis de 7.500 m2 de superficie e 21 metros de altura, que van poñer en mans dunha empresa, para que o xestione como mellor lles conveña, usurpando o que é de todos para beneficio particular.

Hai uns días, o Servizo de Urbanismo e Inspección Territorial da Coruña, organismo dependente da Consellería de Política Territorial, propuso requirir ao Concello para que paralice as obras do macro-edificio, incluíndo os dous edificios destinados a cafeterías de 180 m2 de superficie e 4 m de altura; e para que dispoña a suspensión dos efectos do acordo plenario do 16 de marzo do 2005, por entender a Inspección que é nulo de pleno dereito.

Esta proposta do Servizo e Inspección da Consellería de Política Territorial, ..., ven confirmar as demandas do movemento cidadán que en todo momento quixemos deixar patente a oposición á construción do edificio, por ser innecesario, por ocupar e usurpar un espazo público para beneficios privados e por ser ilegal.

Diante disto, os responsables municipais, non só non a paralizan as obras das edificacións, senón que reclaman da empresa construtora a aceleración das obras. Intentando confundir á cidadanía, culpando a outros do que é única responsabilidade deles e do seu mal-goberno.

O pasado domingo 21 xaneiro manifestabámonos en Ferrol, xa o tiñamos feito o 3 de decembro do pasado ano, agora farémolo este domingo 4 de marzo, e así pretendemos seguir mobilizándonos até acadar os nosos obxectivos que son: que se paralicen as obras e que o goberno municipal busque outras alternativas que non sexa a construción dese macro-edificio na superficie da Praza e que, esta, quede aberta e limpa para uso e gozo de toda a cidadanía.

Domingo,
4 de marzo,
manifestemos que
a Praza da Porta Nova [Praza de España]
é un
espazo público noso, de toda a cidadanía.
Non consintamos a construción do macro-edificio.
Achegate ás 12 do mediodía frente ao edificio da Xunta.
Non o consintamos !!

MANIFESTACIÓN CIDADÁ,
DOMINGO 4 DE MARZO, ÁS 12 DO MEDIODÍA,
NA PRAZA AMADA GARCIA,
DIANTE DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DA XUNTA DE GALICIA


Convocan:
Asociación Cultural Fuco Buxán, Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga", Asociación Veciñal de Ferrol-Vello, Asociación Veciñal O Cruceiro de Canido, Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño", Asociación Veciñal de Santa Mariña, Asociación Veciñal de San Xoan-Bertón, Asociación San Fernando de Recimil, CC.OO - Ferrol, CIG-Ferrol, Colectivo Veciñal de Sartaña, Esquerda Unida-IU, Federación de ANPAS de Centros Públicos de Ferrolterra, Os Verdes - Grupo verde de Ferrol, NÓS-Unidade Popular, Plataforma Ártabra 21, UGT-Ferrol e USTG-Ferrol.

1 comentarios so far

Non entendo moi ben como utilizades unha imaxe sobre A MAQUETA DO BNG!!!!!! É dicir, non sobre o que están facendo agora. ¿Politiqueo? ¿Descoñecemento do que falades...?


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon