De: XAN RAMIREZ -xanramirez@gmail.com-
Para: "Plataforma Artabra 21 A Plaraforma da Costa Artabra, Ortegal e Eume" -artabra21@gmail.com-
Data: 20 de febrero de 2007 11:19
Asunto: Manifesto por unha nova cultura do territorio
MANIFESTO POR UNHA NOVA CULTURA DO TERRITORIO
A evolución que están experimentando os usos do solo en España, principalmente por mor dos avances dunha urbanización realizada de forma masiva e sobre terreos non sempre axeitados, é moi preocupante. Este proceso está tendo consecuencias ambientais e paisaxísticas moi negativas cuxo alcance, en moitos casos, non vén sendo nin considerado, nin corrixido. O actual modelo de urbanización está tendo de igual maneira consecuencias perniciosas para a calidade de vida dos cidadáns -dos que son expresión nidia as dificultades de acceso á vivenda, o incremento da mobilidade e o aumento dos custos dos servizos- e pode comportar efectos preocupantes para o mesmo equilibrio do sistema financeiro e a actividade económica, tal como advertiron en reiteradas ocasións as autoridades fiscais e monetarias. Ademais, a práctica do urbanismo deveu demasiado a cotío sinónimo de opacidade, de “mala política” e aínda de corrupción. Así, o instrumento que debería servir para ordenar os usos do territorio en beneficio da colectividade acabou identificándose, en moitos casos, cunha técnica inintelixible onde a participación democrática do conxunto de actores presentes nos territorios é irrelevante e prevalecen os intereses dos axentes urbanizadores.
No eido disciplinar, a propia expresión “ordenación do territorio” non acadou aínda un suficiente consenso científico-técnico, e a súa práctica real na maioría das Comunidades Autónomas non chegou a ser relevante en termos político-administrativos. Así, consómese voraz e desordenadamente un recurso limitado, o territorio, sen dispoñer de instrumentos adecuados e sen que se albisquen respostas suficientes ós graves e irreversibles danos que en moitos lugares se están a ocasionar.
A xestión prudente do territorio debe converterse no elemento central dun novo debate cidadán. Un debate democrático no que participen tódolos actores concernidos, nomeadamente aqueles que menos capacidade teñen para facer oír a súa voz. É imprescindible que a sociedade española tome conciencia de que, de persistir, o mal uso e desgoberno do territorio carrexaría, tras dunha curta etapa de grandes beneficios privados, longos períodos de onerosos custos ambientais, económicos e sociais. A maior capacidade técnica para transformar a natureza e os espazos de vida, o rápido aumento da poboación e dos niveis de consumo debe ir acompañada de prudencia e respecto no uso e na xestión dos recursos de que dispomos. Só así conseguiremos manter e mellorar o noso nivel de benestar, só así aproveitaremos as grandes potencialidades de que goza o noso territorio, só así evitaremos legar ás xeracións vindeiras unha España desfigurada, chea de riscos e repleta de exasperacións cotiás, de desequilibrios territoriais, de procesos segregadores e de deterioro irreversible de elementos culturais, simbólicos e patrimoniais.
O bo goberno do territorio, da cidade e do campo, como o representado no marabilloso fresco do Pazo Comunal de Siena, é responsabilidade de todos. Por iso debe converterse nun tema político de primeira orde, entendendo por político non unicamente a práctica institucional ou partidaria, senón tamén o compromiso do conxunto dos cidadáns. Cada cidadán ten dereito a vivir nun ámbito digno, san e belo, pero tamén ten o deber de coidalo e de esixir que velen por el quen teñen a representación da sociedade. Neste senso hai que saudar con optimismo o incremento das asociacións e entidades que en toda España pugnan por preservar determinados espazos ameazados por procesos de urbanización inadecuados. Pero debemos ser quen de dar a estes movementos non só un carácter defensivo e local, senón tamén propositivo e xeral. Urxe pois pór as bases dunha nova cultura do territorio. Unha nova cultura territorial que impregne a lexislación estatal e autonómica, que oriente a práctica de tódolos concellos e o conxunto das administracións, que provea o marco adecuado para o bo funcionamento do mercado, que corrixa en beneficio da colectividade os excesos privados e que faga prevalecer os valores da sustentabilidade ambiental, a eficiencia funcional e a equidade social.
Esta nova cultura do territorio debe estar sustentada, a xuízo dos asinantes, nos seguintes principios, criterios e prioridades:
1. O territorio é un ben non renovable, esencial e limitado. A sociedade atopa nel soporte ou sustento material ás súas necesidades, así como referente da súa identidade e cultura. As características naturais de cada territorio e a existencia nel de trazos e formas que proveñen do pasado confírenlle singularidade e valores de diversidade. Por iso, o territorio debe ser entendido como recurso, pero tamén como cultura, historia, memoria colectiva, referente identitario, ben público, espazo de solidariedade e legado. A nova cultura do territorio debe ter como primeira preocupación atopar o xeito para que, en cada lugar, a colectividade poida gozar dos recursos do territorio e preservar os seus valores para as xeracións presentes e vindeiras.
2. O territorio é unha realidade complexa e fráxil. Toda realidade territorial, todo lugar, está composto de múltiples elementos naturais e culturais e das súas interrelacións, que deben ser adecuadamente consideradas. As actuacións con grande incidencia territorial (urbanización, obras públicas, extracción de minerais, roturacións, forestacións, etc.) teñen habitualmente consecuencias irreversibles. Por iso, deben realizarse con conciencia da dita complexidade e avaliando previamente as múltiples repercusións posibles. O principio de precaución é de imprescindible aplicación a todas estas transformacións.
3. O territorio contén valores ecolóxicos, culturais e patrimoniais que non poden reducirse ó prezo do chan. Estes valores sociais difíciles de medir en termos monetarios convencionais deben ser tomados sistematicamente en consideración polas administracións responsables de velar polas súas calidades e potencialidades. A apropiación privada de calquera parte do territorio debe ser compatible cos devanditos valores; por iso, a propiedade do chan e a vivenda debe ser exercida con respecto da súa función social, e coa asunción plena da responsabilidade de potenciar a súa utilidade, o seu valor ambiental e o seu potencial paisaxístico.
4. Un territorio ben xestionado constitúe un activo económico de primeira orde. En efecto, a correcta xestión do proceso de urbanización permite reducir os custos da mobilidade para as persoas e as empresas, conter os prezos do chan e a vivenda, así como moderar as cargas da prestación dos servizos. Por outra banda, dispor dunha contorna de calidade non só evita danos ambientais e de saúde, senón que tamén confire valor engadido ós produtos e ós servizos, en particular os turísticos, básicos para a economía española. A xestión sustentable do territorio é certamente unha obriga social e ambiental, mais resulta tamén un urxente imperativo económico.
5. O planeamento territorial e urbanístico é un instrumento esencial para a actuación dos poderes públicos. Así, fronte a toda veleidade desreguladora, hai que defender a importancia da lexislación, a normativa e a xestión urbanística para o bo goberno do territorio. Ora ben, a práctica urbanística debe dotarse de novos horizontes e de novas ferramentas disciplinares e administrativas. Só deste xeito dará resposta ás necesidades sociais, propiciará a coordinación política horizontal entre distintos departamentos e fomentará a concertación vertical entre administracións e cos axentes sociais. O conxunto de administracións competentes deben propiciarentón unha revalorización do planeamento territorial e xeral, suprimindo a utilización espuria doutros instrumentos de menor alcance espacial pero con alta incidencia real, cuxa aplicación abusiva tivo como consecuencia a urbanización masiva, desordenada e inadecuada de solo rústico.
6. O planeamento municipal debe ter como principal obxectivo facilitar o acceso á vivenda, o goce dos servizos e a preservación do ambiente. O planeamento municipal é a escala básica da práctica urbanística, pero en demasiadas ocasións os planos locais de ordenación está servindo case exclusivamente para impulsar procesos de expansión urbana. Ante esta deriva, hai que defender planos municipais de ordenación que atribúan valores positivos a todas e cada unha das partes do termo municipal, baseando o crecemento urbano en criterios ecolóxicos e sociais, alén da simple consideración da oportunidade económica ou de ocasionais negocios particulares inmediatos. En particular, debe abandonarse a concepción do solo rústico como un espacio residual, perennemente pendente de urbanización futura e comprender que a permanencia de solos rústicos destinados ás prácticas agrarias faise imprescindible por razóns ambientais e ecolóxicas, ata nos contextos espaciais das maiores cidades e aglomeracións urbanas. A defensa do espazo aberto, como matriz territorial básica é hoxe unha prioridade que debe ser perseguida adecuadamente, ata mediante procedementos de adquisición de terras e/ou expropiación por interese social.
7. O planeamento territorial debe prover acordos básicos sobre o trazado das infraestructuras, o desenvolvemento dos asentamentos e o sistema dos espazos abertos. Nun territorio en proceso de integración o planeamento municipal non pode facer fronte por si só ás dinámicas de transformación do espazo. Por iso hoxe é máis necesario ca nunca dispor dun planeamento a escala territorial que coordine e vincule o planeamento municipal, en prol dun novo modelo de urbanización, baseado no aforro no consumo de solo, a convivencia de usos e a cohesión social. O planeamento territorial debe ser un compromiso á vez xeral e suficientemente concreto, por cuxo cumprimento e desenvolvemento será avaliada a actividade política dos partidos e responsables públicos que o formulan e aproban. Sobre as Comunidades Autónomas recae a grande responsabilidade de demostrar unha maior vontade política de ordenar o seu territorio superando a situación creada case exclusiva do planeamento urbanístico. Deben aumentar a súa capacidade administrativa e técnica para realizaren planos de ordenación e de faceren real a orde territorial que se propoñan ter. É imprescindible a formulación de modelos de ordenación territorial para ámbitos metropolitanos, litorais e de espazos rurais, con cidades medias e/ou espazos naturais protexidos.
8. O Goberno central e as Cortes Xerais do Estado non poden desentenderse do territorio. Con pleno respecto ás competencias que a Constitución española outorga ás Comunidades Autónomas e ós municipios en ordenación territorial e urbanismo, a administración xeral do Estado non pode deixar de considerar o territorio como parte das súas responsabilidades. No momento actual é inaprazable a revisión da lexislación aínda vixente dende 1998 sobre medidas liberalizadoras en materia de solo e resulta imprescindible unha nova lexislación do solo que supere a visión estreita segundo a cal a vocación esencial do chan sería a súa urbanización. A lexislación do Estado debe requirir ás administracións competentes a atribución de valores sociais positivos a tódalas partes do territorio español, posto que todas elas afectan á calidade de vida dos cidadáns, todas teñen funcións naturais, ecolóxicas ou ambientais e en todas elas plásmanse trazos históricos e do patrimonio cultural. Sobre o goberno central recae igualmente a responsabilidade de revisar e propor o consenso relativo a un novo modelo de financiamento para os gobernos locais que responda ós principios de suficiencia financeira e adecuación de recursos ós servizos reais que deben prestar.
9. Nun mundo máis integrado a xestión do territorio debe atender tamén ós compromisos de solidariedade e responsabilidade global. O Estado español subscribiu e/ou ratificado diferentes acordos internacionais (Convención sobre conservación e protección da vida silvestre e o medio natural, Berna, 1979; Carta Europea de Ordenación do Territorio, Torremolinos 1983; Convención para a protección do patrimonio arquitectónico de Europa, Granada 1985; Declaración de Río de Xaneiro sobre o medio ambiente e o desenvolvemento, 1992; Estratexia territorial europea, Postdam, 1999; Principios directores para o desenvolvemento territorial sustentable do continente europeo, 2000, Hanover; Convención europea da paisaxe, Florencia, 2000). Nestas circunstancias, o conxunto das administracións públicas españolas están obrigadas a seguiren as orientacións que en ordenación do territorio desenvolven outros estados europeos de forma consecuente cos devanditos tratados e con repercusións moi positivas para os seus cidadáns.
10. O pulo dos valores de sustentabilidade ambiental, eficiencia económica e equidade social require dunha nova cultura do territorio. Para promovela é necesario un grande acordo que debe ter o seu reflexo tanto na actuación administrativa como nas prácticas sociais. Así, as administracións que actúan en cada nivel territorial (local, autonómico, estatal e europeo) deben revisar os seus obxectivos, as súas normativas e instrumentos de xestión territorial para poñelos da forma máis efectiva ó servizo da colectividade. E os cidadáns, ó mesmo tempo que reclaman o dereito dun trato equitativo en calquera territorio, teñen tamén o deber ético de velar polo benestar das xeracións vindeiras.
Maio 2006
Delegación Galega do Colexio de Xeógrafos
Apdo. 41 - 15780 - Santiago de Compostela
galicia@geografos.org - www.xeografos.org
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
martes, febreiro 20, 2007
Manifesto por unha nova cultura do territorio
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan martes, febreiro 20, 2007
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon