martes, marzo 27, 2007

Denuncian a deixación de responsabilidades tanto do Concello de Ferrol canto da Consellería de Cultura para a protección do patrimonio construído

De: eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
Para: artabra21@gmail.com
Data: 27 de marzo de 2007 16:53
Asunto: Denuncian a deixación de responsabilidades tanto do Concello de Ferrol canto da Consellería de Cultura para a protección do patrimonio construído


ESQUERDA UNIDA-IU denuncia a deixación de responsabilidades tanto do Concello de Ferrol canto da Consellería de Cultura para a protección do patrimonio construído

ESQUERDA UNIDA-IU quere lembrar á cidadanía de Ferrol que hai xa máis dun ano, a Comisión Cidadá para a Recuperación do ferrol Vello, plataforma na que que participan o BNG, PSdG-PSOE, e ESQUERDA UNIDA-IU, denunciou perante a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes (PSdG) que no barrio de Ferrol Vello se estaban a executar unha serie de obras que incumprían a normativa urbanística municipal vixente.

Posteriormente, ante a falta de resposta (nin positiva, nin negativa) da Consellería de Política Territorial, no mes de abril do pasado ano, a instancias da Consellería de Cultura e Deporte (BNG), esta mesma Comisión Cidadá presentou escrito diante da Delegación Provincial desta Consellería na Coruña na que se solicitaba a intervención deste departamento da Xunta de Galicia na protección do patrimonio construido do Barrio de Ferrol Vello, habida conta que as obras xa denunciadas diante da Consellería de Política Territorial incumplían a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, ao non contar co informe previo e vinculante favorable da Dirección Xeral de Patrimonio.

A raíz das denuncias presentadas pola Comisión Cidadá, a Consellería instou ao Concello de Ferrol a paralizar as obras en tres inmobles afectados pola denuncia, na rúa Benito Vicetto 7-9, en s. Francisco 25 e máis na rúa Espartero 34-36, pero nada dixo da outra obra denunciada (San Francisco 42-44).

Perante o requerimento feito pola Consellería – a instancias da Comisión Cidadá – , ESQUERDA UNIDA-IU quere denunciar que nada fixo o concello de Ferrol, que deixou avanzar as obras, desenvolvendo unha política de feitos consumados, que lastima o seu deber de protexer o patrimonio construído, e pon ao concello de parte dos que queren facer cartos a costa de arruinar a nosa historia construida. Ademáis, ESQUERDA UNIDA-IU tamén quere denunciar que, tendo en conta a infracción cometida polo Concello de Ferrol, ao autorizar obras nun barrio protexido sen o preceptivo informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, infracción que está tipificada como leve pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, a non paralización das obras pode supoñer ao Concello de Ferrol sancións entre 60.000 euros e máis de 150.000 euros por cada obra, sanción que pagaremos todos os ferroláns e ferrolanas do noso bolso pola inoperancia deste goberno municipal a hora de facer cumplir a legislación vixente e tamén á hora de executar o mandato da Consellería de paralizar as obras.

Pero se xa é grave esta actitude do concello á hora de defender o patrimonio construido da cidade, nalgúns casos a Consellería de Cultura e Deporte non se queda atrás.

A outra obra denunciada pola Comisión Cidadá para a Recuperación de Ferrol Vello, obra que actualmente se está a executar en San Francisco 42-44 (o coñecido edificio da Farmacia de San Francisco), non foi tratada de igual xeito pola Consellería de Cultura e Deporte (BNG), descoñecendo ESQUERDA UNIDA-IU a razón de que a día de hoxe (case un ano despois de ser denunciada) este departamento da xunta non movera aínda un papel no eido de evitar, primeiro, a destrucción de tan interesante inmoble, e despois, de evitar o importante impacto visual que esta obra causa na rúa San Francisco e no conxunto do barrio.

A Consellería de Cultura e Deporte (BNG), non instou ao Concello de Ferrol a paralizar as obras cando a destrucción do inmoble era aínda reversible, nin iniciou ningún trámite para evitar o grave impacto visual.

ESQUERDA UNIDA quere demandar das administracións públicas, sexan da cor política que sexan, que alomenos cumpran os cometidos que lles marca a lei. Neste caso temos que denunciar imcumprimentos na lei que acarrean graves danos ao patrimonio construído, asemade de interrogármonos pola distinta actitude adoptada nuns casos e noutro ( o de s. Francisco 42-44 ). A nosa organización esixe que as actuacións dos poderes públicos eviten incurrir en arbitrariedades.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon