De: Convocantes en defensa dos espazos públicos
-defendendo.os.espazos.publicos@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 17 de Abril de 2007 17:57
Asunto: Comunicado consensuado das entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos
POSICIÓN CONSENSUADA POLAS ENTIDADES CONVOCANTES DAS MOBILIZACIÓNS NA DEFENSA DOS ESPAZOS PÚBLICOS E CONTRA A CONSTRUCIÓN DO MACRO-EDIFICO NA PRAZA DA PORTA NOVA [PRAZA DE ESPAÑA], DIANTE DO DITAME DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA E DA ACTITUDE DO GOBERNO MUNICIPAL.-
As entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos, reunidas no día de hoxe en Ferrol, nos locais do Ateneo Ferrolán, acordamos a seguinte posición diante do ditame da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes onde notifica a aprobación definitiva da modificación puntual do Plano Xeral de Ordenación Municipal de Ferrol que ten por finalidade a recualificación de solo urbano no ámbito da Praza da Porta Nova que, até o de agora, figuraba no planeamento urbanístico municipal como sistema xeral viario. Solo urbano no que o Concello de Ferrol en sesión Plenaria, cos votos de PP e IF, acordou levar adiante unha intervención urbanística ilegal, innecesaria e usurpadora dos espazos públicos.
En primeiro lugar, reafirmámonos na necesidade urxente de que se paralicen as obras xa, e se acabe dunha vez por todas con esta irresponsabilidade.
En segundo lugar, manifestamos a nosa reprobación da actitude "chulesca" do Alcalde Sr. Juncal e os concelleiros do goberno municipal que co ánimo de confundir á cidadanía, en tempo electoral, fan alarde da súa perversa interpretación do ditame de Política Territorial, seguro que pensando niso de "en río revolto, ganancia de pescadores".
En terceiro lugar, criticar o grado de ambigüidade e incoherencia deste ditame que aínda que é claro á hora de cualificar os acordos plenarios como nulos de pleno dereito, deixa aberta a posiblidade de que se poda edificar para equipamentos públicos en parte dese solo urbano agora recualificado. Ademais seguimos mantendo a nosa crítica á comunicación de febreiro pasado da Consellería de Medio Ambiente por innecesaria e malintencionada e a anterior da Dirección Xeral de Urbanismo onde requería a paralización das obras, mais dando un inxustificábel prazo de tres meses.
En cuarto lugar, queremos facer fincapé en que os acordos das sesións plenarias de 24 de novembro de 2004 e de 16 de marzo de 2005 son nulos de pleno dereito. E que a nova recualificación que modifica puntualmente o PXOM en vigor, aprobada por Política Territorial, aínda que permita o cambio de uso do solo non ten carácter retroactivo, polo que os acordos plenarios citados carecen de legalidade e, polo tanto, deben ser revocados. Polo que persistir na actitude de " que as obras van a continuar pese a quen lle pese" como ten manifestado o Alcalde Sr. Juncal, non deixa de ser persistir nun delito, tipificado no código penal como prevaricación, polo que a actuación da fiscalia faise necesaria.
En quinto lugar, queremos manifestar que todo este "negocio político-económico", do Goberno Municipal coa empresa concesionaria-construtora ABECONSA, e a irresponsabilidade que manifestan os gobernantes municipais, pode ter un custe importantísimo para as arcas municipais, en definitiva para os cartos de todas as veciñas e veciños de Ferrol. Polo que, con todas as consecuencias, non imos permitir que os membros deste Goberno Municipal e os concelleiros e concelleira que o sustenta co seus votos e que aprobaron no seu día a ilegalidade, dando o visto bon ao macro-edifio e ao conxunto de despropósitos, en forma de planeamentos urbanísticos, concesións e acordos, saían impugnes deste "guisado", polo que imos demandar a súa inhabilitación para ocupar cargo público e que paguen co seu patrimonio persoal, no caso de que esta irresponsabilidade cause custes ao Concello, é dicir ao conxunto da cidadanía de Ferrol.
En sexto lugar, aledámonos de que o Delegado Provincial da Consellería de Política Territorial, ... se desprazara até a cidade para explicar o xa mencionado ditame, e advertir da ilegalidade do macro-edificio e do conxunto do planeamento urbanístico da Praza, ademais dos ilegais acordos plenarios. Así como tamén das declaracións públicas do Presidente da Xunta de Galicia na súa visita de hoxe á cidade, que veu reiterar o xa dito o venres polo Delegado de que as obras son "ilegais e ilegalizábeis". Polo que tomamos nota das súas palabras, e as gardamos na nosa memoria colectiva, para esixir social e politicamente o seu cumprimento.
E en séptimo e último lugar, desde o movimento cidadán que conformamos as entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos reiteramos que a obra segue sendo
ilegal, innecesaria e usurpadora de espazos públicos.
Polo que chamamos á mobilización social na defensa dos espazos públicos e contra actuación do Goberno Municipal neste planeamento urbanístico, polo que mantemos a convocatoria da concentración cidadán, para o xoves, día 26 de Abril, na Praza do Concello, ás 18:30 hrs, para mostrar a nosa repulsa a actuación do Goberno Municipal e demandar a paralización das obras xa, rexeitar a construción dun macro-edificio na Praza da Porta Nova e que esta quede limpa e libre, para uso e goce de toda a cidadanía.
En Ferrol, a 16 de de abril de 2007
No nome das entidades convocantes
Mel Sanxoán e Inácio M. Orero
Nota.-
Achegamos o mesmo texto en ficheiro anexo en formato -doc- de software privativo Microsft-Windows
Achegamos o mesmo texto en ficheiro anexo en formato -odt- de software libre GNU-Linux
--
Convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos, en contra da construción do macro-edificio na Praza da Porta Nova [Praza de España]:
Asociación Cultural Fuco Buxán,
Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga",
Asociación Veciñal de Ferrol-Vello,
Asociación Veciñal O Cruceiro de Canido,
Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño",
Asociación Veciñal de Santa Mariña,
Asociación Veciñal de San Xoan-Bertón,
Asociación Sociocultural Lopez Bouza
CC.OO Ferrol,
CIG-Ferrol,
Colectivo Veciñal Sartaña,
Esquerda Unida - IU,
Federación de ANPAS de Centros Públicos de Ferrolterra,
Os Verdes - Grupo Verde de Ferrol,
NÓS - Unidade Popular,
Plataforma Ártabra21,
Terra Galega,
UGT-Ferrol,
USTG-Ferrol.
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Praza da Porta Nova
Comunicado consensuado das entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos
mércores, abril 18, 2007
Comunicado consensuado das entidades convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan mércores, abril 18, 2007
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon