sábado, maio 12, 2007

Mais de 1200 persoas na concentración contra REGANOSA e para pedir o cese dos responsábeis da entrada do buque gaseiro na Ría

Foron máis de 1200 as persoas que se concentraron hoxe no peirao de Ferrol, para rexeitar a entrada do buque gaseiro, "Galicia Spirit", da naviera de UNIÓN FENOSA, na Ría de Ferrol que foi obstruida durante dous días polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, coa valiosa e imprescindíbel colaboración do colectivo de mariscador@s da Ría, ecoloxistas e outras organizacións sociais. A protesta rematou coa lectura dun comunicado do Comité Cidadán de Emerxencia.

Hoxe pola mañá saía da Ría sobre as 7:30 hrs o buque gaseiro que foi protagonista durante estes días dun dos agrávios mais importantes, dos últimos tempos, que recibeu a nosa Comarca. Mais deixou unha carga de GNL nun dos tanques de REGANOSA. A partires de hoxe, a Ría é muito máis insegura. Á perigosidade de que por si tiña o complexo químico que o magnate Tojeiro ten instalado en Punta Promontorio, no concello de Mugardos, unense agora a planta regasificadora coa descarga de 145.000 metros cúbicos de gas natural licuado (GNL), poisibelmente destinados a ENDESA, que deixou o Galicia Spirit no peirao de REGANOSA.

Na concentración participou unha parte importante da populación, co apoio dun grande número de organizacións, colectivos e outras entidades, entre elas a da nosa Plataforma Ártabra 21.

Mentras durou a concentración moitas persoas asinaron os escritos onde se pide o cese dos responsábeis das administracións públicas que autorizaron o comezo da actividade na instalación: do Capitán Marítimo de Ferrol, Jorge Cao; do Presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Amable Dopico; do Delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameixeiras; e do responsábel da Área de Industria da Coruña, dependente do Ministerio de Industria, Francisco Barroso, que foi o que asinou o acto de funcionamento en probas da planta regasificadora [REGANOSA]. Responsábeis do Comité Cidadán de Emerxencia, anunciaron, ante o grande número de persoas que quería asinar para pedir o cese, que se ían facer máis cópias dos escritos e dar de prazo até o mércores que ven, para recollida de asinaturas que se poderán entregar no Ateneo Ferrolán.

Venderonse moitos exemplares do libro "Muros de Silencio" que é todo un documento argumental e práctico para mellor entender o porqué e o como puideron instalar a planta de gas en Punta Promontoiro.

No transcurso da concentración representantes do Comité Cidadán de Emerxencia fixeron númerosas declaracións aos medios presentes, reafirmandose en que REGANOSA minte e que as autorizacións do acto das probas e de entrada do gaseiro na Ría son un despropósito e ilegais, por iso é polo que se pide o cese das autoridades que asinaron os permisos.

Denunciouse a falta dun plano de emerxencias en todos os concellos da comarca, mais sobre todo no de Mugardos por ser o concello onde está instalada a planta de gas, concello onde foron entregados estes días númerosas peticións de explicacións ao concello como máximo responsábel da seguridade no termo municipal. Ningún concello ten elaborado ese Plano de Emerxencias, mais a entrada do buque na Ría, a descarga de GNL e as probas da planta, foron levadas a cabo sen haber un Plano de Emerxencias, nin homologado, nin feito.

Reiterouse de que a chegada doutro gaseiro sería contestada coa mesma contundencia coa que se fixo co "Galicia Spirit", porque REGANOSA "non acredita unha distancia de seguridade á populación, nin que os gaseiros poidan saír da Ría en caso de emerxencia".

___________________

Enlace coas Galerías Fotográficas da PA21:


_______________________________

Enlaces de interese:

Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol

Ferrol Cape

Noticiário de Noroeste: Planta de Gás Fora da Ria


___________________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon