Adxúntovos acta do asunto que se terá que someter a aprobación na próxima asemblea ordinaria do 26 de xuño.
ACTA ASEMBLEA ORDINARIA MAIO 2007
En Ferrol a 6 de xuño de 2007 no Centro Cultural Carvalho Calero, sendo as 19:15 h., se celebra a asemblea mensual ordinaria correspondente ao mes de maio coa asistencia de 22 persoas. Esta asemblea estaba prevista para o día 29 de maio pero debido aos graves acontecementos xurdidos nesa data (mobilización pola entrada na ría do 2º gaseiro, detención de Bastida, represión policial, etc.) acordouse trasladala ao día de hoxe.
Fai de moderador Mel Sanxoán e de secretario José R. Jove.
Precisamente é Mel quen abre a asemblea dicindo que sería conveniente dadas as circunstancias actuais no que atinxe a Planta de Gas, alterar a orde do día quedando como segue:
1.- PLANTA DE GAS.-
Despois dun pequeno debate, acórdase a elaboración dun comunicado nos seguintes termos:
o Esixir a posta en liberdade de maneira inmediata de Bernardo Bastida, que está a sufrir as consecuencias dunha decisión política cando o seu delito non é outro que defender a vida, a ría e a legalidade.
o Pedir a dimisión das persoas que estima o Comité Cidadán de Emerxencia que dalgún xeito están relacionadas coa entrada dos buques e a represión policial.
o Apoiar ao Comité Cidadán de Emerxencia e a Asemblea Cidadá en tódalas súas resolucións encamiñadas á oposición da Planta de Gas dentro da ría.
2.- CONTAS.-
Jove informa que a PA21 a día de hoxe ten un saldo favorable na súa conta corrente de 308,25 €.
Tamén indica que están pendentes de cobro diversas cantidades de diferentes entidades convocantes das manifestacións da Praza de España, en defensa dos espazos públicos, e engade que se continuará facendo xestións para eliminar esa débeda.
3.- PUNTO PRINCIPAL.- AVALIACIÓN E BALANCE ANUAL NESTE PRIMEIRO ANO.-
Inicia Mel este punto, indicando que é necesario facer unha análise e crítica entre tod@s o máis ampla posible para deseñar o presente e futuro de nosa Plataforma.
Engade que estamos en pleno debate organizativo para preguntar cómo queremos que participen os partidos políticos ou se debemos revisar outro tipo de propostas para estas organizacións.
Se abre un turno de palabras que comeza Inácio, dicindo que na súa opinión a PA21 cumpríu os seus obxectivos. Destaca que houbo unha unión importante entre diversos colectivos que tiñan uns fins concretos reivindicando un cambio de política urbanística, e o Paseo Urbano polos Despropósitos levado a cabo o día 20 de maio é significativo do sucedido nesta lexislatura.
Engade que se contribuíu á caída do goberno, e que a partires de agora ábrese unha etapa co novo goberno, que no caso de que solucione diversos problemas, algúns colectivos poideran desaparecer.
Tamén di que no tema de participación ainda hai que moito por facer e fai fincapé en que o tema da Planta de Gas é moi importante.
Xan Ramírez di que os obxectivos que se barallaron no inicio, relativos a actuacións no ámbito comarcal, non se cumpriron. E que sería interesante retomar outros temas, outras alternativas e contactar con xente doutros sitios. Recoñece que houbo unha serie de circunstancias que impediron levar algunhas ideas a cabo. Propón tamén que en cada asunto no que se participou con resultado positivo habería que celebralo. Tamén propón que no próximo pleno ordinario da nova corporación se pida a palabra para expresar, un por un, o que os colectivos afectados non poideron facer na anterior lexislatura.
No tema da participación dos partidos políticos dentro da PA21, manifesta que non foron obstáculo en ningún momento senón todo o contrario, apoiaron as iniciativas cidadás.
Mauricio da parabéns polas actividades levadas a cabo neste primeiro ano, e di que non ten claro a actitude do novo goberno indicando que os problemas de fondo van continuar: transporte, parques, servizos públicos, privatizacións, etc. Manifesta tamén que isto non vai ser un paraíso, aínda que poidera parecelo comparándoos cos anteriores. En todo caso a PA21 non se pode desactivar e é necesario ampliar a democracia participativa.
Engade que non comparte a exclusión dos partidos políticos dentro da PA21 xa que o balance foi positivo, e pensa que máis que pechar hai que abrir as portas.
Manuel coincide basicamente con tódolos anteriores pero quere matizar que as actuacións se centraron no ámbito metropolitano, cando deberían de expansionarse a toda a comarca, Ortigueira, As Pontes, Pontedeume, etc.
Inácio, ao fío disto considera importantes os temas do lago artificial das Pontes e o Círculo Lítico da Mourela.
En canto a presenza dos partidos políticos na PA21 di que a plataforma debería ser apartidaria porque permitiría a entrada de diferentes colectivos civís.
Bruno, en relación coa presenza dos partidos na PA21, di non entender a situación, e considera un erro abrir este debate. Indica que o control dos partidos na plataforma durante este ano foi nulo e pensa que os que queiran entrar non poden establecer as condicións.
Jove, no tema da presenza dos partidos políticos na PA21, quere aclarar que cando a PA21 lidera as mobilizacións da Praza de España e convida como convocantes a diferentes entidades, os asistentes as reunións decatámonos de que isto limita a posible entrada doutros colectivos civís, cara a conseguir unha maior participación cidadá principalmente a das asociacións veciñais.
Engade tamén que o ámbito de incidencia da PA21, se non afectou á comarca foi primeiro porque xurdiron temas importantes como son o edificio da Praza de España e a Planta de Gas, e segundo porque sendo realistas temos as nosas limitacións por falta de efectivos tanto na xunta coordinadora como nas asembleas.
En canto a pedir a palabra no próximo pleno, di que é máis axeitado pedila en nome da PA21 e cunha soa intervención tocar tódolos temas que nos afectan ou nos preocupan.
Finaliza dicindo que neste ano hai que destacar o traballo fundamental de Inácio como responsable do blog, así como o de Mel como portavoz.
O veciño de Mandiá, colaborador da asociación veciñal di, que tal e como se quedara na asemblea de abril, xa lle comunicou ao presidente da asociación a disposición da PA21, pero opina que non ten demasiado interese. A actuación que neste momento estase a desenrolar relativa ao acceso ao Porto Exterior a cualifica de “desfeita”. Asegura tamén que en Mandiá existe moita pasividade e que faría falta dar un paso adiante.
No que atinxe a PA21 considera que as mobilizacións foron positivas e que el, a título individual ten pensado entrar na plataforma.
Josecho Placer (Frente Popular Galega) da as grazas por ser convidados. Di que teñen solicitado a súa integración na PA21 e considera importante a participación porque existen moitas problemáticas coa veciñanza que requiren organización para canalizar as reivindicacións e para impulsar un novo xeito de comprender a vida.
Mel, en relación coa integración da FPG, di que a xunta coordinadora incluirá este tema na orde do día da próxima asemblea, para que sexa ratificado pola mesma.
4.- NOVAS INCORPORACIÓNS Á XUNTA COORDINADORA.-
No día de hoxe entra a formar parte da xunta coordinadora Bruno Lópes.
5.- PRÓXIMA ASEMBLEA.-
Acórdase que a próxima asemblea correspondente ao mes de xuño terá lugar o martes día 26 de xuño as 20:00 h. no local da Fundaçon Artábria.
Sen máis asuntos que tratar as 20:40 h. remata a asemblea.
Asdo.
José R. Jove
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Actas da PA21
Acta da pasada Asemblea Xeral Ordinaria da Plataforma Ártabra 21, celebrada o 6 de xuño
xoves, xuño 21, 2007
Acta da pasada Asemblea Xeral Ordinaria da Plataforma Ártabra 21, celebrada o 6 de xuño
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan xoves, xuño 21, 2007
Tags
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon