mércores, xuño 27, 2007

Manolo Amor, obreiro, antifascista, activista político, sindicalista, ... referente de entrega, compromiso e solidaridade co movemento obreiro ...

De: Fuco Buxán -fucobuxan@yahoo.es-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 26 de Junho de 2007 22:00
Asunto: Condolencia polo falecemento de Manuel Amor Deus


A Asociación Cultural “Fuco Buxán” quere expresar a súa dor polo falecemento, víctima de cruel enfermidade producida pola súa exposición laboral ó amianto, do amigo e compañeiro Manuel Amor Deus.

A súa personalidade será sempre un referente de entrega, compromiso e solidaridade co movemento obreiro e a esquerda deste país; primeiro desde o seu traballo en BAZAN, na súa destacada actividade política e sindical no PCG e CCOO, nos cárceres da dictadura tralo Xuizo dos 23 e despois, na democracia, desde as súas responsabilidades sincicais e a loita polo recoñecemento da asbestosis como enfermidade adquirida no traballo.

fuco buxán
Asociación Cultural

O enterro terá lugar hoxe, mécores día 27 de xuño, ás 12 horas no Cemiterio de Catabois.

Asociación Cultural Fuco Buxán. Apartado de Correos, 240.
Telf.: 981.325.492. Ferrol 15400. Galicia. España.
fucobuxan@yahoo.es
fucobuxan@fucobuxan.com
www.fucobuxan.com

_____________
Autor da Foto: José Pardo Abril de 2001
_____________


A noticia no xornal comarcal Diario de Ferrol

O sindicalista Manuel Amor falece vítima do amianto
"foi o amianto, co que xogabamos coma se fose calquera cousa nunha Bazán onde a xente intoxicábase e morría". Manuel Amor Deus falaba así da morte do seu amigo e compañeiro José María Riobó, en maio de 2003. Parecía estar ditando o seu propio epitafio.

REDACCIÓN > FERROL

Manuel Amor Deus, Manolo Amor para todos os seus compañeiros na loita contra a ditadura, faleceu a pasada madrugada, aos 66 anos de idade, vítima dun cancro de pulmón que, non sen esforzo, como todo na súa vida, foille recoñecido xuridicamente como unha consecuencia da súa exposición ao amianto durante os anos de traballo na antiga Bazán. O mesmo camiño sen retorno que percorreron outros antes que el e no que o precedeu o propio Riobó -con Amor e Rafael Pillado os últimos liberados do denominado "proceso dos 23"- catro anos atrás. Unha frase pronunciada por Amor Deus naquela ocasión resume en certo xeito a filosofía coa que loitou desde a política e o mundo sindical: o ocorrido co amianto é "froito do capitalismo, que explota a Deus bendito".

Manuel Amor Deus foi o primeiro secretario xeral do Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia. Nacido no seo dunha familia traballadora, politicamente inscrita na esquerda republicana -o seu pai e o seu tío eran militantes do Partido Comunista- ingresou na Escola de Aprendices de Bazán con 14 anos e durante catro recibiu unha formación que completaría posteriormente no estaleiro Astano. A mediados dos 60, xa operario de Bazán, comezou a concienciarse das condicións de traballo da súa contorna, con longas xornadas laborais e deficiencias en materia de seguridade e saúde, pero foi un accidente que presenciou na propia factoría e no que se viu implicado cando pretendía salvar a un amigo -algo que a punto estivo de custarlle a súa propia vida- o que lle fixo tomar a determinación de afiliarse ao Partido Comunista e a Comisións Obreiras.

Referencia sindical > A comezos da década dos 70, coa loita contra a ditadura máis activa que nunca e os principais dirixentes obreiros ferroláns -Rafael Pillado, Xulio Aneiros e Francisco Fernández Filgueiras- detidos, Manuel Amor encabezou a candidatura de Comisións Obreiras e pasou a converterse nunha figura de referencia para o movemento sindical galego.

Despedido en 1972 polo seu activismo, foi encarcerado e permaneceu en prisión ata 1976. Mentres estivo encarcerado sufriu a morte dun dos seus fillos e a do seu pai. Xa en liberdade, dedicouse a percorrer Galicia para organizar o sindicato e en 1978 foi elixido secretario xeral de CCOO, cargo no que permaneceu durante dez anos. Pouco tempo despois, en 1992, tivo que cesar na súa actividade laboral como consecuencia dunha incapacidade permanente. En 2004 detectóuselle o tumor que finalmente acabaría coa súa vida. O amianto, finalmente, gañoulle a batalla.

Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol
_____________________

Na morte de Manolo Amor Deus

E iso por que, Manolo? Non tiñas outra cousa mellor que facer? Seica non sabías que tiñas que vir a casa xunto con Eduardo Saborido? Leite, Monolo. Miúdo grolo. Pero, non quedamos que ti eras máis forte que a asbestosis que tiveches que tragar naqueles tempos? Pero, home, se só tiñas dous anos máis que eu...

Manolo quédome coas túas risotadas, a túa socarronería e o inmenso afecto que destilabas por todos os poros. Quédome tamén coa túa sabedoría. Pero non che admito que tiveses présa en saudar ao noso Cipri. Manolo, díxencho fai tempo: que se morran os cardos borriqueros. Pero, tan cabezón como sempre, non me fixeches caso. Manolo, así as cousas, pídoche que me poñas aos pés de María Castiñeira, a gran dama do pobo galego.

Recollido do Blog de José Luis López Bulla -Parapanda-

http://lopezbulla.blogspot.com/

Enlace co texto orixinal no seu Blog
_____________________

2 comentarios

a foto é da voz de galicia, sae publicada na primeira páxina dese xornal, medio que vos tedes vetado... viva a coherencia da plataforma...

Anonimus Vulgaris Anti-Necios delete novembro 04, 2011 4:59 p.m.

Dixo o necio unha necidade e tan pancho quedou (dixi)


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon