xoves, xuño 07, 2007

Marcha até a prisión de Teixeiro, pola liberdade de Bernardo Bastida e pola defensa da Ría

Mentras non temos comunicación oficial de como se vai desenvolver a marcha á prisión de Teixeiro, que acordou realizar a Asemblea de Mariscadores e Mariscadoras, cebrada onte en Ferrol, transcribimos, pola súa importancia, a noticia que publicaba hoxe o Diario de Ferrol.



A oposición á planta de gas fará unha marcha a Teixeiro

O colectivo opositor ao emprazamento no interior da ría ferrolá da planta de regasificación de Galicia levará este fin de semana as súas demandas ao cárcere de Teixeiro, a 85 quilómetros de Ferrol, onde permanece encarcerado de forma provisional o patrón maior da Confradía local.

REDACCIÓN > FERROL

As mobilizacións en contra da localización do complexo gasista de REGANOSA transcenden deste xeito o ámbito local para alcanzar ao provincial. A marcha dará comezo a primeiras horas da tarde de mañá venres e prolongarase por espazo de tres días, coa intención de cubrir unha media de 30 quilómetros por xornada para acabar na mañá do domingo ante a prisión de Teixeiro, onde, desde a noite do pasado 30 de maio permanece -salvo as horas do último martes empregadas na súa asistencia a un xuízo en Ferrol e unha comparecencia pola causa en curso- Bernardo Bastida.

Jaime Gabarri, portavoz da Confraría de Pescadores de Ferrol, asegurou que as mobilizacións manteranse durante estes días con actos paralelos dirixidos contra organismos da Administración. Gabarri non quixo adiantar o contido nin a natureza destas accións pero si sinalou que a intención do colectivo non é a de prexudicar á cidadanía. O mesmo portavoz convidou aos opositores ao complexo a sumarse a unha marcha que, dixo, ten carácter "pacífico e reivindicativo".

As demandas de liberdade de Bernardo Bastida, acusado de bloquear a entrada do gasero "Mourad Didouche" a pasada semana, así como do "Galicia Spirit" os días 7 e 8 de maio, partiron tamén doutros colectivos. É o caso da Asociación pola Defensa dá Ría de Pontevedra, que convocou unha concentración para mañá en solidariedade con Bernardo Bastida. Tamén o comité de empresa de Navantia Fene reclamou a liberdade de Bastida, á vez que condenaba a "brutal intervención policial" do pasado 30 de maio.

Doutra banda, representantes do Comité Cidadán de Emerxencia presentaron onte en Santiago o documental "O salario do silencio", que pretende informar sobre o "perigo" e as "irregularidades" do proxecto que promove REGANOSA.

Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol

POR OUTRA BANDA LEMBRAR QUE HOXE, XOVES 7 DE XUÑO, ÁS 8 DA TARDE VAI TER LUGAR UNHA ASEMBLEA CIDADÁ, CONVOCADA POLO COMITÉ CIDADÁN DE EMERXENCIA PARA A RÍA DE FERROL, NOS LOCAIS DA ASOCIACIÓN VECIÑAL DE FERROL-VELLO.
_______________________

1 comentarios so far

Crein que o que loitou meu pai nos 70,nos faria mais unidos na loita.Pero vexo que a xuventude cree que o camiño esta feito.Tiñan que estar orgullosos do que loitaron os seus pais,unha loita que trascendeu mais lonxe do que poden imaxinar.A historia a escriben outros como lles conven,pero nos imos facer a nosa historia por nosos fillos.SUMAROS A ESTA LOITA CONTRA A PLANTA DE GAS LOITADE XA NON POR VOS,POR VOSOS FILLOS.TODOS PODEMOS FACER A NOSA HISTORIA.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon