venres, xuño 22, 2007

Novamente REGANOSA, coa complicidade das autoridades, pon en perigo á poboación da Ría, permitindo a entrada ilegal e perigosa dun novo buque gaseiro

Autor da Foto: Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol
Para amliar a imaxe, clicar acima dela


Novamente REGANOSA, coa complicidade das autoridades locais, autonómicas e centrais, pon en perigo á poboación que mora na beira da Ría de Ferrol. Desta vez era o buque "Cadiz Knutsen", o terceiro gaseiro que entraba, cargado con 57.000 toneladas de GNL, para descargar na ilegal planta regasificadora, instalada, contra a vontade popular, en Ponta Promontoiro no concello de Mugardos.

Sobre as dez e media da noite, atracaba no porto privado de Mugardos -roubado polo Grupo Tojeiro á Ría e ao patrimonio cidadán- o metaneiro de UNIÓN FENOSA, importante socio de REGANOSA. Atraque excesivamente caro, catro remolcadores; servizo de práticos; situación de alerta na Capitanía Marítima e Autoridade Portuaria; a Ría chea de embarcacións da Guardia Civil do Mar; desprazamento de antidisturbios á cidade, desta vez estacionados nun lugar "discreto" do porto ferrolán; importante depliegue da brigadilla da Guardia Civil e de información da Policia Nacional; triple despliegue de seguridade privada dentro de REGANOSA; dietas por doquier e numerosos salarios para comprar o silencio, a complicidade, a intoxicación e a manipulación informativa. Un prezo caro, excesivamente caro.

Desde as 9 da noite, máis de trescentas persoas mantiveron unha protesta sonora, petando en cacerolas, para alertar do perigo que supoñen as instalacións de REGANOSA dentro da Ría de Ferrol e pola entrada dun novo buque cargado de gas, criando inseguridad e un potencial perigo de irreparábeis e catastróficas consecuencias. E REGANOSA sen ter un Plano de Emerxencias Exterior, nen aprobado, nen se quera elaborado, como é preceptivo por Lei.

Previamente ás oito da tarde o Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, daba unha Rolda de Prensa, nos locais da Asociación Veciñal de Ferrol - Vello. Da cal pasaremos información completa cando o Comité Cidadán pase a nota informativa, mais que resumindo, e interpretando, veñen dicer que a defensa ante as medidas represivas [xudiciais e policiais] da administración están desviando a atención e consumindo os recursos dos que dispoñemos para facer frente ás ilegalidades de REGANOSA, aos cómplices e á corrupción política subxacente. Non somos nós os que teñen que estar diante dos tribunais, como acusados, senon eles, é por iso polo que imos interpoñer unha demanda polo penal por infracción das normas de seguridade estabelecidas na lexislación vixente.

Por outra banda, estanse recibindo cartas para comparecer como imputados por coación, desobediencia e atentado, polo que non podemos pedirlle as mariscadoras e mariscadores que sexan a parte que máis medios e responsabilidade arriscan neste conflicto que é de toda a cidadanía. Pois cumpriron con creces os obxectivos, de romper os muros de silencio que lograran construir ao redor da cidadanía opositora á planta de gas. A xente do mar, non só foi a protagonista, senon unha peza clave que pasará a historia desta cidade, da comarca e de Galiza, na defensa da Ría e da vida da poboación de Ferrol Terra de Trasancos e Bezoucos.

E por último que as Cofradías de Pescadores, teñan aberta unha vía de diálogo, que ten servir para demostrar a ilegalidade da propia planta regasificadora; da falta da avaliación de impacto medio ambiental, como así se sentencia por dúas veces polo TSXG; da contaminación mariña das súas verteduras ao mar; dos incumprimentos dos condicionados de seguridade de distancia con respeito ás zonas poboadas e da imposibilidade de saída dos buques, a mar aberto, en caso de emerxencia, polas limitacións que impoñen as mareas e o estreito canal da nosa Ría, como así recoñece a Normativa oficial elaborada pola propia Capitanía Marítima do Porto de Ferrol.

_____________


Nota informativa do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, sobre a mobilización de onte [21.06.2007] no peirao de Ferrol e a Rolda de Prensa celebrada nos locais da Asociación Veciñal de Ferrol - Vello, diante da entrada na Ría de Ferrol do buque metaneiro "Cadiz Knutsen".

[Enlace coa Nota de Prensa e fotografías nos Árquivos Ártabros]

_____________

Foto: Luis Polo no Diario de Ferrol

A noticia no Diario de Ferrol
O terceiro gaseiro de Reganosa foi recibido con ruído de cacerolas
O ruído dunha cacerolada na que participaron ao redor de 300 persoas recibiu onte ao "Cadiz Knutsen", o terceiro gaseiro que chegou a Reganosa, cargado con 57.000 toneladas de GNL. O Comité de Emerxencia Cidadán non tratou de impedir nesta ocasión a entrada do buque na Ría, como mostra de que non é a confrontación senón a defensa de vidas humanas o obxecto da súa protesta. O barco atracou en Mugardos ás 22.30.

[Enlace coa noticia orixinal na edición dixital do Diario de Ferrol]
____________________

Incumprimentos legais e técnicos da planta regasificadora que a empresa REGANOSA, ten instalada dentro da Ría de Ferrol.

O proxecto desta planta incumpre os seguintes regulamentos e directivas europeas e lexislación española:

1- R.D. 9 / 2.000 (Directiva 97/11/EC) sobre Avaliación de Impacto Ambiental. Non se realizou.

Hai dúas sentenzas favorables aos veciños do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, pero foron recorridas ao Supremo por Reganosa. Mentres, seguen coas obras e coa súa politica de feitos consumados e o amparo desde a Xunta. Por iso protestan os mariscadores, pois se van a quedar sen emprego por mor das enormes verteduras de auga moi fria con cloro e bisulfito que realizarán para regasificar e quentar o gas licuado.

2- R.D.1254 / 1999 (Directiva 96/82/EC ? Lei Seveso II). Non se seguiu en canto á "política de asignación do chan". A poboación non foi informada dos riscos. Non se conoce unha Avaliación Cuantitativa de Riscos. Non se pediu o parecer á poboación. Existe un complexo petroleiro denominado Forestal do Atlantico xusto á beira de Reganosa que almacena uns 300.000 m3 de combustibles máis outros produtos químicos o cal propicia o efecto dominou en canto a accidentabilidade que a lei SEVESO II especifica claramente que non se poden situar en proximidade pois ambas son susceptibles de xerar accidentes maiores.

3- Decreto 2414/ 1961. (RAMINP - Regulamento de Actividades Molestas, Insalubres, Nocivas e Perigosas). Este regulamento esixe unha distancia mínima de separación de 2.000 m entre a planta e a poboación agrupada máis próxima. Neste caso a planta está apenas a 100 m do lugar do Penedo e de aproximadamente 800 m do núcleo central de Mugardos (6.000 habitantes), e de Ferrol a 1.900 mts.

4- Norma UNE 1532. Sobre o Interfaz buque gaseiro- terminal de descarga. Non se cumpre a condición de saída a mar aberto do buque gaseiro en caso de emerxencia e en calquera condición de tempo atmosférico. O gaseiro quedaría atrapado no interior da Ría de Ferrol, pondo en serio perigo a máis de 100.000 persoas.

5- Norma UNE - EN 1473. Non se deixou unha zona de exclusión térmica ao redor da planta, para a seguridade das persoas e propiedades de particulares en caso de accidente grave.

6- R.D. 145 / 1989. Regulamento sobre portos con mercancías perigosas. Non se deixou distancias a núcleos de poboación agrupada.

7- Norma NFPA 59 A . Non se deixou zona de exclusión térmica.

8- Lei 8/1975. Impide situar unha instalación deste tipo a menos dunha milla de distancia á base naval de Ferrol. (zona de seguridade militar).

9- Lei 16/2002 (Directiva Europea 96/61/CE) de Prevención e control integrados da contaminación.
________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon