No transcurso desta semana, a Comunidade Menáncaro, na que participan a veciñanza do lugar e organizacións ecoloxistas, veñen mantendo reunións con representantes do Concello de Ferrol, con motivo de afrontar dun mellor xeito posíbel a paralización do proxecto especulativo, que o anterior goberno municipal, da dereita, impuso á cidadanía, apesar de tratarse dun proxecto urbanístico que ameazaba un dos escasos bosques de especies autóctonas, senlleiro e singular que queda no concello.
O Alcalde visita a Fraga de Menáncaro
A última xuntanza consisteu na realización dun roteiro pola Fraga o pasado mércores, 4 de xullo. No transcurso do mesmo avaliouse a situación e os respresentantes do goberno municipal puideron apreciar o valor ecolóxico e pisaxístico do contorno natural na zona, ademais de poder comprobar sobre o terreo que o proxecto especulador non ten cabida no lugar, pois non respectaría a singular carvalleira con especies centenarias, nen o resto do bosque que brota intensamente en toda a Fraga. Puidose comprobar como o Plano de Sectorización, ilegalmente aprobado o pasado 20 de Abril, incumpre o mesmo PXOM no seu artigo 149 que a pesar da inesplicábel recalificación, obriga á protección do bosque de caducifolias e do leito do río, cousa que o Plano de Sectorización non fai, nen pode, pois non dispón de espazo suficiente para a súa aplicación. Mais o máis importante é a protección do conxunto da Fraga, polo seu valor ecolóxico, paisaxístico e medioambiental. Os respresentantes do goberno municipal [o Alcade Vicente Irisarri e o concelleiro de urbanismo Angel Mato] coinciden cos representantes ecoloxistas e veciñais, na necesidade de conservar o patrimonio natural que representa a Fraga de Menáncaro, dotandoa dunha protección especial e recalificando, como non urbanizábeis, as parcelas do sector.
Antecedentes do requerimento de anulación
O pasado 14 de xuño, A Comunidade Menáncaro, recibeu un escrito da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, onde se lles comunica, en resposta a varios escritos remitidos entre os meses de febreiro e maio deste ano, que o Concello non pode realizar nengunha actuación con respecto ao proxecto urbanizador dentro da Fraga de Menáncaro sen previamente someter o Plano de Sectorización ao trámite de avalición de impacto ambiental. Ao tempo que notifica que de non ser así, o Concello estaría a cometer unha infracción moi grave, segundo o disposto no RD Lexislativo 1303/1986 na úa actual redacción. Posteriormente emiteuse un informe desfavorábel ao proxecto urbanizador, onde advirte ao Concello de que non se podía aprobar o Plano de Sectorización, sen o trámite de avaliación de impacto ambiental e agora xa fai un escrito de requerimento onde insta á anulación do proxecto especulativo, dando de plazo un mes.
Siguen as mentiras e manipulacións do Grupo Voz
Unha vez máis o xornal La Voz de Galicia, na súa edición comarcal minte e manipula na súa información sobre o proxecto urbanístico e a Fraga de Menáncaro, non sabemos cais poden ser os intereses oscuros e inconfesábeis que moven a este xornal a actuar deste xeito, desde o comezo da loita veciñal e ecoloxista, logo de coñecerse o Plano de Sectorización en Xuño de 2005, este xornal e o seu medio radiofónico RADIOVOZ ven mantendo un apoio as veces solapado outras directo a este proxecto especulador, intentando desprestixiar ao movimento cidadán, tanto nesta como noutras loitas populares [Sartaña, Recimil, ...].
Imos por partes, sempre que falan do proxecto urbanístico poñen a Juan José Fernández García [anterior teniente alcalde e persoa moi interesada neste proxecto] a salvo de toda sospeita, mais "escusato non petita, acusato manifesta". Isto poda que teña unha importancia relativa, mais o que é sangrante é que este xornal, La Voz de Galicia, para falar da localización do proxecto urbanístico, sempre o situa "al lado de una fraga...", " .. en las inmediaciones de una fraga, .." e agora ao dar a noticia di textualmente no titular "La Xunta ordena paralizar el plan para urbanizar al lado de una fraga de Ferrol". A noticia segue no seu interior con outro despropósito "ubicado en la parroquia de Serantes y en el que estaba en proyecto levantar una urbanización muy próxima a una fraga a la que se atribuye alto valor ecológico".
Para ampliar clicar acima da imaxe
Este xornal tamén soe utilizar a figura de falta de protección da Fraga "La oposición municipal y varios colectivos vecinales denunciaron el daño que causaría en una fraga que aunque no está protegida sí posee interés ecológico.", mais ocultando un dos aspectos mais importantes, aindaque a Fraga non ten unha figura de protección integral, está protexida a carvalleira e o leito do río, no artigo 149 do PXOM, así como a protección que supon estar dentro do “Catálogo Municipal de bens protexidos”, ou que na Lei de Solo hai prohibición expresa de urbanizar neste espazos, pois a Fraga de Menáncaro é o mellor rodal de bosque autóctono caducifolio do Concello de Ferrol. Falta que este xornal lembre as contradicións que supuña que a concellería e a comisión municipal de medio ambiente solicitara a inclusión da Fraga de Menáncaro no catálogo Galego de Formacións Senlleiras ou mesmo que a Fraga de Menáncaro figurará com un dos poucos paseos turísticos polo patrimonio natural do concello establecidos polo anterior goberno municipal.
A Lei obriga ás administracións a protexer os espazos naturais
Mais se cadra é máis importante, ao que a Lei obriga aos gobernantes e responsábeis das administracións públicas: a Lei 41/1997 de 5 de novembro MODIFICA A LEI 4/1989, DE 27 DE MARZO, DE CONSERVACIÓN DOS ESPAZOS NATURAIES E DA FLORA E FAUNA SILVESTRES, no seu artigo 26, apartado 1 que di"As administracións públicas adoptarán as medidas necesarias para garantir a conservación das especies, da flora e fauna que viven en estado silvestre ..., con especial atención ás especies autóctonas" e a lei galega: Lei 9/2001 CONSERVACION DA NATUREZA 21/08/2001, no seu apartado 2: "Todas as administracións, no ámbito das súas competencias, aseguraran a manutención, a protección, a preservación e maila restauración dos recursos naturais, con independencia da súa titularidade ou réxime xurídico, garantindo que a xestión daqueles se produza sen mingua da súa potencialidade e compatibilidade cos fins da súa conservación", sobran palabras.
As responsabilidades políticas e persoais da concelleira e concelleiros que aprobaron o Plano de Sectorización
Polo que as persoas, alcalde, concelleiros e concelleira que aprobaron o pasado 20 de abril, a sabendas que era un acordo inxusto e que non se axustaba á legalidade, son as responsábeis en última instancia, das consecuencias derivadas dos seus despropósitos.
Juan Manuel Juncal Rodríguez (PP)
José Manuel Vilariño Anca (PP)
Manuel Honorio Bustabad Ferreiro (IF)
José Manuel Rey Varela (PP)
Marta Cerdido Pintos (PP)
Vicente Lorenzo Luque (PP)
Guillermo Evia Pérez (PP)
Amador Rodríguez Silvar (PP)
Francisco Pita-Romero Caamaño (IF)
Leopoldo Ibáñez Santiago (IF)
José Manuel Couce Fraguela (IF)
José Luis Amado Caeiro (IF)
[Ausentouse do pleno, cando se realizou a votación, Juan José Fernández García (IF), por ser unha parte interesadísima en todo este negocio].
Os relacionados deixaron de cumprir a súa obriga como responsábeis públicos e se posicionaron claramente a favor dos intereses especulativos.
Os xurídicos e técnicos municipais, Oficial Maior e Arquitecto Municipal de Planeamento, así como o Secretario Xeral do Concello, non están esentos de responsabilidade, mais este é un asunto aparte, a analizar.
Se o Concello, é dicer todas e todos o cidadáns, tivera que indenizar á empresa promotora, por neglixencia dos anteriores gobernantes e os concelleiros e concelleira antes mencionados, deberían responder estes co seu patrimonio como así establece a lexislación vixente, pois as responsabilidades políticas e persoais son manifestas.
A noticia no Diario de Ferrol
Transcribimos a noticia publicada no xornal comarcal Diario de Ferrol, pola súa importancia:
Diario de Ferrol
Ferrol | Venres, 6 de Xullo de 2007
Reclaman ao Concello a anulación do plan de Menáncaro
A Consellería de Medio Ambiente tomou cartas no asunto con respecto a algúns proxectos urbanísticos previstos para distintos puntos de Galicia como é o caso de Ferrol e Sanxenxo. No caso do primeiro municipio, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible requiriu ao Concello ferrolán que anule, no prazo dun mes, o plan de sectorización de Menáncaro, na parroquia de Serantes, por non pasar polo proceso de avaliación ambiental esixido pola lei 9/2006, de 28 de abril, que entrou en vigor fai un ano. O alcalde xa informou de que acatará a lei, xa que, ademais, as formulacións da Xunta de Galicia coinciden de pleno cos seus propios.
O controvertido plan de Menáncaro parece destinado a non ver a luz, a pesar de ser aprobado por unanimidade no pleno do 20 de abril. Unha unanimidade relativa, xa que só os edís do PP e IF permaneceron nesa sesión plenaria, polo que os votos foron só os do goberno de entón.
Agora, o novo executivo será o que deba facer fronte á decisión da Xunta, que, a través da Consellería de Medio Ambiente, require que se anule, no prazo dun mes o citado plan de Menáncaro.
A Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible explica que o motivo desta anulación é que se procedeu á aprobación do plan -que ten por obxecto a construción de chalés na parroquia de Serantes- e á posterior publicación no Boletín Oficial da Provincia sen pasar anteriormente o proceso de avaliación ambiental esixido pola Lei 9/2006, de 28 de abril, que entrou en vigor fai un ano. Así mesmo, como se explica desde a Consellería, o plan non foi remitido á Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible, segundo constatou o departamento autonómico tras consultar os seus arquivos.
A Xunta concede agora un prazo dun mes para revogar o acordo de aprobación definitiva ou, en caso contrario, a Dirección Xeral procederá á impugnación do proxecto ante a Xurisdicción Contencioso-Administrativa.
Paralización > Pero, nesta ocasión, a Xunta non atopará oposición no Concello, xa que, fronte á intención do goberno PP-IF de sacar adiante o proxecto custe o que custe -contaba con tres informes desfavorables-, o novo equipo PSOE-EU xa manifestou que acatará o requirimento, do que xa se informou ao promotor da urbanización -Bros Noroeste-.
Deste xeito, o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, asegurou onte mesmo que o goberno local farase eco do requirimento remitido pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible polo que se insta ao Concello a revogar o acordo plenario polo que se aprobou o plan. Irisarri dará traslado da nova situación ao equipo xurídico municipal para que informe sobre a forma precisa para dar cumprimento á notificación da Xunta.
Coincidencia > O rexedor municipal deixou claro que o seu equipo de goberno non ten interese algún en iniciar ningún contencioso-administrativo coa Xunta, cuestión que o departamento de Manuel Vázquez levaría a efecto se no prazo dun mes o Concello non acata a orde ditada.
Vicente Irisarri afirmou que as formulacións de Medio Ambiente coinciden cos seus propios e, neste punto, recordou que un dos compromisos adquiridos durante a campaña electoral foi precisamente a paralización do citado plan de Menáncaro, cuestión que comparte ao cento por cento co seu socio de goberno, EU-EU, que sempre mostrou unha postura contraria ao proxecto de construción dos chalés de luxo de Menáncaro.
O alcalde recordou, ademais, que a intención do goberno local era levar a pleno esta decisión este mesmo mes, dando así unha saída similar á que se está tomando coa praza de España.
Pola súa banda, o concelleiro de Urbanismo, Anxo Mato, deu traslado da copia do requirimento recibido nas dependencias municipais ao construtor da urbanización. O edil, do mesmo xeito que o rexedor, subliñou que esta mesma semana mantiveron reunións cos afectados.
_____________
Enlace coa noticia orixinal no Diario de Ferrol
___________________
Blog Fraga de Menáncaro Formación Senlleira
Blog da Comunidade Menáncaro
_________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon