luns, setembro 24, 2007

Dous meses de peche, dous meses de loita, dous meses de solidariedade

Dous meses de peche, dous meses de loita, dous meses de solidariedade

Onte domingo, 23 de setembro, cumpríron-se dous meses de peche na Casa do Concello de Mugardos. Foron 63 días de loita e solidariedade, un verán inolvidábel na historia de Mugardos, na Historia de Meá, na Historia do Movimento Veciñal e Cidadán desta Comarca.

Veciñas e Veciños que teñen as súas casas máis próximas ao despropósito gasístico de REGANOSA que costruiu con todo tipo de complicidades institucionais e uns inconfesados intereses políticos e económicos, orquestados polo Grupo Tojeiro beneficiario de millóns e millóns en subsidios, dados, no seu momento, polos seus amigos en Madrid e na Xunta de Galicia dos gobernos do PP, para as súas empresas e investigado, hoxe, polo Tribunal de Contas de Galicia, por sospeitosas coincidencias. Mais non queremos falar do Grupo Tojeiro e compinches, senón da veciñanza de Mugardos en loita contra o enxendro REGANOSA. E do peche, no que a Plataforma Veciñal "Cruceiro de Meá", é a protagonista principal que ven loitando contra os cambalaches e cacicadas do Grupo Tojeiro, desde hai nove anos. Este construiu un complexo petroquímico en Punta Promontoiro, de perigosas consecuencias medioambientais para o ecosistema e a saúde da poboación que mora no seu contorno, co apoio e complicidade dunha "administración Fraga", mais tamén desde o propio Concello de Mugardos, facilitando o camiño con recalificacións e concesións, nunha práctica política morrallenta de cambiar a saúde do pobo por diñeiro que ainda acima mal-xestionaron.

Os gobernos actuais en Madrid e Compostela, continuan a obra do PP e o Sr Fraga, para os da Xunta por considera-la "estratéxica" para Galiza. [sic]

A Plataforma Veciñal "Cruceiro de Meá", ven loitando contra estes poderes corruptos, do capitalismo salvaxe e comprador de vontades, desde o ano 1999. Polo que a loita non só é dura, senon que tamén longa no tempo.

O peche da Veciñanza, despertou, xerou, abreu, contribueu e segue nunha liña positiva e de avanzadilla na loita contra o despropósito gasístico de REGANOSA. A solidariedade recebida en forma de visitas; comunicados; actuacións, artigos de agradecemento, recoñecemento e apopio; actuacións teatrais, musicas e doutros xéneros, viñeron a contribuir a facer do peche un lugar de lecer e debate, un lugar alegre e combativo.

Non podemos enumerar aquí a todas as persoas, asociacións e diferentes colectivos de todo tipo que pasaron pola Casa do Concello, verdadeira Casa do Pobo desde o 23 de xullo, pois case seguro que deixaríamos alguén fóra, polo que polo de agora non o imos facer, mais si comprometemo-nos a que figuren no "cadro de honor", desta loita desigual, mais cun contido galego, popular e progresista indiscutíbel.

Onte, foi un intenso día, a visita dos Blogueir@s Solidari@s, da Rede de Apoio á Loita Cidadán; a Charanga "AGresca" que alegrou a tarde coa súa música solidaria; o Teatro con Mabel Rivera e Lino Braxe; e a proxeción de "A Ceo Aberto. As Encrobas" de Xosé Bocixa, un documentário sobre a loita das Encrobas [1976] no concello de Cerceda, na defensa da terra, contra FENOSA propietaria de Lignitos de Meirama, coas consecuencias nos anos 90 na zona da Lousa, e os problemas de SOGAMA. Emocionante documentário que despertou sentimentos contradictorios e provocou un intenso debate, sobre similitudes e difencias, mais que nos unía a outras loitas que como a nosa, tornanse dificis e silenciadas. A xente das Encrobas, con unha importante representación da Asociación de Veciños e Veciñas da Lousa "A Outra Cerceda", foi a que comentou o documentario "A Ceo Aberto". Mais tamén estiveron representantes da "Plataforma pola eliminación das lineas de alta tensión de Oseiro-Arteixo", cuxa representante dunha forma clara e contundente expuso a problemática da veciñanza do lugar e a súa loita contra FENOSA e a Central Térmica de Savón. Estivo presente o propietario das terras onde REGANOSA dun plumazo e coa complicidade da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente , cortou mási de 1500 castiñeiros, para facilitar o tránsito do gasoducto até Meirama. No debate xa comezaban a xurdir os pontos de coincidencia: o gas; FENOSA; o Delegado Provincial da Consellería de Medio Ambiente, Manuel Tajes Gómez; as industrias en probas; veciñanza coacionada; veciñanza en loita; ... mais sobre todo a cita do próximo 30 de Setembro no Porto de Ferrol ás 12 do mediodía, onde non pensan faltar negunha das plataformas veciñais, xunto coa de Meá, á Manifestación Cidadán contra o despropósito gasístico de REGANOSA. Mais con demandas concretas:

1º Ao Goberno Central que ten competencias para decidir que, en base a eses condicionados non resoltos, non sexa aprobada a acta de funcionamento definitivo de REGANOSA.

2º Á Xunta de Galicia para que renuncie á herdanza envelenada do caso REGANOSA, e así mesmo, reoriente a súa política enerxética para que deixe de ser unha ameaza para a Ría e para a vida de miles de persoas de Ferrol Terra.

3º Ao Concello de Ferrol para que acorde dirixirse ao Tribunal Supremo a fin de que faga firme a sentenza 536/2004 favorable á cidadanía de Ferrol e que anula a falsa tramitación ambiental de REGANOSA.

4º Ao Concello de Mugardos, para que revise as licenzas, permisos e acordos con REGANOSA, que están ameazando a vida e os intereses da veciñanza.

PLANTA DE GAS FORA DA RÍA !!

NON FALTES PARTICIPA NA MANIFESTACIÓN,
DIFUNDE A CONVOCATORIA

____________________

Material para a Manifestación:

Folha da convocatoria en formato-PDF-

Cartaz da Convocatoria en formato -JPG-

Cunhas publicitarias en formato -mp3-

Bolantinas en formato -JPG-

______________

Para a publicidade xa impresa:

Quen queira pillar cartaces en gran formato a cor e follas informativas da convocatoria co cartaz en Din A4, dirixirse aos locais do Ateneo Ferrolán, aberto de 10 a 14 hrs.

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon