domingo, setembro 09, 2007

Novas citas na loita contra a ilegal e perigosa Planta de Gas que a administración permitiu construir a REGANOSA dentro da Ría de Ferrol

Este pasado venres, un buque metaneiro, o "LNG Oyo", entraba na Ría de Ferrol, coa súa perigosa carga, para a ilegal REGANOSA. Tivo que cruzar un angosto canal que ten unha bocana de apenas 150 metros de ancho navegábeis, e 4.000 metros de longo, para chegar á planta regasificadora que REGANOSA construi en Punta Promontoiro, co problema engadido de que esta operación só se pode realizar en mar morta, da pleamar diurna, que apenas dura vinte minutos. Na citada operación participan catro remolcadores, lanchas de práticos, de operarios de Capitanía Marítima e varias patrulleiras da Guardia Civil. Este é un feito que se ven repetindo desde principios de maio deste ano. Esta é a séptima vez que entra un buque destas características na nosa Ría, sen que as autoridades fagan nada para impedi-lo. Máis ben fan todo o contrario, facilitan a entrada dos perigosos buques poñendo en perigo a vidas das persoas que vivimos nas poboacións que están à beira da Ría. Os gobernos municipais pasan das súas responsabilidades e miran para outro lado.


O PAPEL DA ADMINISTRACIÓN E OS RESPONSÁBEIS POLÍTICOS


Primeiro foi a administración dos gobernos da dereita, do PP, Aznar e Fraga, os que chanchullaron e transgrediron a legalidade para que tivese lugar o despropósito gasístico dentro da nosa Ría. Desde marzo de 2004 e xuño de 2005, son os gobernos, chamados progresistas, de Zapatero e Touriño-Quintana, os responsábeis de que este desprósito, continue a súa ilegal e perigosa andaina. Non só permitindo e autorizando, senon con apoios explícitos dos responsábeis políticos e do goberno PSOE-BNG, alegando que é unha planta estratéxica para Galiza. Non cremos que a estas alturas, logo dos movimentos estatais e internacionais no mundo do gas, se siga mantendo tal "escusa-patraña".

O papel das administracións locais da Ría é penoso, a de Mugardos totalmente comprada e atada; as de Narón, Neda e Fene, como que con elas non vai o asunto, e a de Ferrol, pretende deixar de exercer a súa función de defensa da cidadanía, pretendendo renunciar a defender os dereitos cidadańs, nos contenciosos abertos contra REGANOSA e a localización actual da Planta de Gas, nos que participa como parte afectada.


O GOLIAT


REGANOSA é moi forte, son grandes multinacionais da enerxía [ENDESA, UNION-FENOSA, SONATRACH] , entidades financieiras [CAIXA GALICIA, CAIXANOVA, BANCO PASTOR] e a propia Xunta de Galicia, xunto a un grupo empresarial [Grupo Tojeiro], o promotor que utilizou mil argucias, para conseguir permisos, autorizacións, millonarios subsidios e que lle legalizaran o ilegalizábel. Realizou recheos ilegais da Ría, estamos falando de miles de metros cuadrados, para construir unha planta regasificadora, nunha Ría totalmente poboada e cunha bocana de entrada estreita e un longo canal. Unha planta regasificadora ao lado dun perigoso complexo petroquímico e unha planta térmica de coxeneración eléctrica que queima fueloil. Regasificadora que ten imposibilidade física de cumprir a Lei, e os condicionados de seguridade exixidos, polas normativas estatais, europeias e internacionais. Ademáis incumple a principal normativa que é a do SENTIDO COMÚN, o respecto á vida das persoas, da seguridade das poboacións, o respecto á nosa Ría e ao marisqueo do que viven centos de persoas. Ría, xa ferida de morte polos continuos recheos, polos residuos urbanos que nela vertemos todos os días, polos residuos de empresas con moito poder como é MEGASA e pola incompetencia e irresponsabilidade de políticos de todas as cores e ideoloxias, que prometían mais non cumprían.


O DAVID


Frente a todo isto, un movimento cidadán enriquecedor, diverso e plural, opositor a tanta corrupción e intereses políticos e económicos inconfesábeis, colle forza e apoios cualitativos e cuantitativos, e fai tremer ao poder político e económico que sustenta o despropósito gasístico que representa REGANOSA e toda a trama que lle rodea.




A UNIDADE, A ORGANIZACIÓN, A MOBILIZACIÓN, A SOLIDARIEDADE E OS ARGUMENTOS


A acción desenvolvida pola xente do mar, lembremos o bloqueo do "Galicia Sprit" e outros posteriores; a manifestación do 3 de Xuño; a Marcha a Teixeiro pola liberdade do seu Patrón Maior; os 49 días de peche na Casa do Concello de Mugardos da veciñanza, as mostra de solidariedade que xenera... E sobre todo, a actividade desenvolvida polo Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, desde o ano 2001, con Carmelo Teixeiro de coordenador, incansábel, constante, responsábel e entregado á causa; a iniciativa da constitución dunha Asemblea Cidadá, onde conflui a veciñanza e o movimento social da comarca, a través de asociacións e entidades de todo tipo, verdadeira dirección política do movimento opositor a REGANOSA, unido pola frase "PLANTA DE GAS FORA DA RIA". Os manifestos de apoio, os estudos e informes, os Blog e Web, os artigos de opinión, ... Son actividades e forzas sociais e políticas que teñen o mesmo sentido e dirección, que conforman un movimento opositor real, con argumentos e acción, co obxectivo claro dun rotundo NON !! á planta regasificadora dentro da nosa Ría.

Maís información no:
Boletín Informativo nº 13 do CCE , formato PDF


A BATALLA XURÍDICA E ADMINISTRATIVA

Non menos merecedora de eloxios é a batalla no campo xurídico e administrativo, onde se está facendo un traballo excelente e meritorio. Alegacións, recursos, peritaxes, mocións, recollida de asinaturas, escritos, denuncias, ... e un sinfin de trámites xurídicos e administrativos de grande valor, con duas sentencias favoraveis do TSXG, sobre a tramitación medioambiental, que condenan a REGANOSA e á ADMINITRACIÓN.


AS PRÓXIMAS CITAS

Nos próximos días temos unhas citas de moita importancia ás que lles debemos prestar atención:

- 13 de Setembro, xoves, ás 7 da tarde, Asemblea Cidadá, nos locais da Asociación Veciñal de Ferrol Vello, no Porto de Ferrol.

- 15 de Setembro, sábado, reparto de propaganda e mesa en Caranza, diante do Campeonato Internacional de Triatlón que terá lugar no barrio.

- 15 de Setembro, sábado, ás 2 da tarde, saída do autobus, diante do Edificio de Correos, na Praza de Galiza de Ferrol, para desprazar-nos até Ribadavia, atendendo a un convite do movimento popular desa comarca contra a pretensión de instalación dunha grande incineradora - vertedoiro de lixo, na comarca do Ribeiro, chamado eufemisticamente Parque Medioambiental de Carballeda de Avia. A veciñanza opon-se polos perxuizos que lles vai causar á agricultura da zona e por estar moi próximo a núcleos de poboación [+ info]. É unha mobilización cidadán que convoca a Plataforma Veciñal da Comarca do Ribeiro "Temos Dereito a Saber". [Coordena o Comité Cidadán de Emerxencia, quen queira desprazar-se até Ribadavia no autobus, ten que apontar-se no seguinte telefono 690612737].

- 16 de Setembro, domingo, reparto de propaganda e mesa, no Feiron de Ferrol, desde as 11 da mañá.

- 20 de Setembro, Xoves, ás 20:00 hrs, na Biblioteca Municipal de Pontedeume, Organizado polo Colectivo Fusquenlla: Proxección de “O salario do silencio”. Será presentado pola actriz e produtora executiva do documental, Mabel Rivera, e por Enrique Banet, director. Tamén estarán presentes Miguel López (da Asoc. Veciñal Fontelonga), e Luz Marina Torrente (Presidenta da Plataf. de Veciños O Cruceiro de Mehá).

- 21 de Setembro, venres, proxeción pública do documentario "O salario do Silencio", ás 9 da noite na Praza do Hino Galego en Esteiro. Organizada pola A. V. Fontelonga, Fervesteiro, Fundaçom Artábria e NÓS-UP. No caso de que chova realizara-se na carpa do Festival de Fervesteiro que estará situada no campo de batallóns ao lado da muralla do asteleiro.

- 21 e 22 de Setembro, celebrarase en Esteiro o Festival Fervesteiro, adicado a Loita Cidadá contra REGANOSA, será apregoeira do Festival Luz Mariña Torrente, presidenta da Plataforma Veciñal "Cruceiro de Meá" e unha das portavoces da veciñanza pechada na Casa do Concello de Mugardos.

- 22 de Setembro, Sábado, ás 12 do mediodía, Salón de Actos da Universidade, Facultade de Humanidades - Campus de Esteiro, reunión de intelectuais, xente das letras e da cultura, para elaborar e asinar un manifesto contra o despropósito gasístico de REGANOSA.

- 25 de Setembro, Martes, ás 7 da tarde, Asemblea Xeral da Plataforma Ártabra 21.

- 30 de Setembro, domingo, ás 12 do mediodía, MANIFESTACIÓN CIDADÁN, con saída desde o Porto de Ferrol, diante do edificio da Autoridade Portuaria, até a Praza do Concello de Ferrol, baixo o lema "PLANTA DE GAS FORA DA RIA".


_________________

QUE PASOU ESTE VENRES ?

De:CCE -comitecidadan@iespana.es-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 8 de setembro de 2007 15:27

Asunto: Séptimo gasero e envio de firmas.



O sétimo gasero con destino a Reganosa entrou, adiantandose uns 30 minutos á única pleamar diúrna das 14,10, atopándose unicamente cunha cacerolada-tamboreada nos peiraos de Ferrol, convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia, que a pesar das horas de medio día contou coa participación dunhas 150 persoas no extremo sur do perirao fronte ás murallas do arsenal Naval Militar, despois do embarcadoiro de pasaxe de lanchas para Mugardos,

Tal concentración tivo como finalidade expresar o seu rexeitamento pola entrada ilegal na Ría de Ferrol dun sétimo buque Gasero, chamado “LNG OYO” cunha eslora de 285,4 metros, cargado con 127.000 m3 de Gas Natural Licuado para descargar nas instalacións que Reganosa está construíndo dentro da angosta Ría de Ferrol, sen garantía algunha, de modo que en caso dun accidente ou emerxencia durante a descarga ese buque gaseiro, non pode saír ao mar aberto, con rapidez e polos seus propios medios tal e como require a norma EN-1532. Así mesmo sen que Reganosa teña todos os permisos, sen a acta de explotación comercial ou de funcionamento definitivo que ten obrigación de solicitar segundo o articulo 85 do Real Decreto 1434/2002, por todo o cal desde o pasado 9 de maio, existe un risco real para a vida humana na Ría de Ferrol, para a súa riqueza marisqueira e para o emprego dos seus 600 traballadores do mar.

Para esta concentración ao Subdelegado do Goberno na Coruña enviouse-lle unha comunicación reiterándolle que os condicionados da autorización de Reganosa deben ser verificados pola Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pero a mesma en febreiro de 2004 indebidamente trasladounos ao Área de Industria e Enerxía da Coruña para verificalos antes da autorización definitiva, o cal comunicouse o pasado 11 de xullo ao Ministro de Industria na súa visita a Ferrol, nun dossier que se entregou ao seu Xefe de Gabinete. Así mesmo nos últimos meses con escritos e entrevistas comunicouse a o devandito Subdelegado, ao Delegado do Goberno e a Jorge Sanz Oliva, Director Xeral de Política Enerxética e Minas.

Ás 12 da mañá deste venres sete de setembro tamén representantes do Comité Cidadán de Emerxencia acudiron ao Rexistro da Xunta de Galicia en Ferrol, onde presentaron senllos escritos dirixidos ao Ministro de Industria, Joan Clos, e ao Director da área de Industria e Enerxía da Coruña, Francisco Barroso Palomino, acompañándolles 3.525 firmas de cidadáns que manifestan o seu total desacordo coa localización dunha planta de Gas Natural Licuado dentro de Ría de Ferrol, que Reganosa esta construíndo ameazando a vida de mais de 100.000 habitantes. Recórdaselles que é imposible que Reganosa poida resolver os condicionados da súa autorización de construción de febreiro de 2004, particularmente en relación coas distancias á poboación que require o artigoculo 12 do Real Decreto 1254/99 de 16 de xullo (Directiva Seveso II), segundo testemuño do informe de 22 de xaneiro de 2004 da Dirección Xeral de Urbanismo, único organismo competente para a aplicar en Galicia dito artigo da Directiva Seveso II. Así mesmo que tamén é imposible que Reganosa poida resolver a saída ao mar dos gaseros en caso de emerxencia, segundo require a norma EN-1532 de obrigada aplicación tal e como testemuña outro condicionado da Autoridade Portuaria de Ferrol no seu informe de 31 de outubro de 2001, en resposta á pregunta que lle fixo a Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas no seu escrito de 15 de outubro de 2001. Por todo iso SOLICÍTASELLES que non sexa aprobado o acta de funcionamento definitivo de Reganosa.

Asimesmo achegase o puiblicado hoxe nos xornais, ABC, Diario de Ferrol, La Opinion, La Razón e La Voz de Galicia, amosando que logo de que se romperon os muros de silencio o tema de Reganosa ten mais audiencia nos medios, moito mas hai un año ou no primer trimestre deste ano 2007 cando La Voz de Galicia ainda censuraba todas as informacións e actuacions do CCE.

Nota.-
[Por enviar o CCE os ficheiros en formato PDF, das noticias escaneadas dos jornais impresos, costa un pouco pasa-los a JPG ou PNG, para publicar neste Blog, polo que, por economizar un pouco de tempo que falta fai, non o imos facer. A persoa que teña interese nestes ficheiros, pode-os solicitar por correio-e a artabra21@gmail.com . Ou visitar as edicións dixitais dos xornais nomeados polo CCE]
_________________


GALERÍAS FOTOGRÁFICAS DA CONCENTRACIÓN E ENTREGA DE ASINATURAS DESTE VENRES 7 DE SETEMBRO DE 2007

_____________________

NOTICIAS DE INTERESE, PARA ANALISAR


Diario de Ferrol - Sábado, 8 de Septiembre de 2007
Reganosa retirará as denuncias polo bloqueo dos gaseros
O sétimo buque que deixa gas natural licuado en Reganosa atracou onte entre a sonora protesta dunhas 70 persoas que secundaron a medida convocada polo Comité Cidadán de Emerxencia. A atracada realizouse con normalidade, en parte ante o anuncio de que a empresa retirará a denuncia polo bloqueo de gaseros anteriores.


La Voz de Galicia8/9/2007
O peche en Mugardos custa xa ao Concello máis de 20.000 euros
O alcalde de Mugardos, Xosé Fernández Barcia, pediu onte ao conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, «axuda económica» para poder facer fronte aos gastos que orixina a «ocupación» do Concello por parte dun grupo de veciños que se opón a Reganosa. A protesta cumpriu xa 46 días. «Xa levamos gastado fóra dous orzamentos máis de 20.000 euros por traballos extra dá Policía Local e gastos de electricidade», expón o rexedor, que pide á Xunta que «cando menos se adopte a decisión de desprazar persoal dá Policía Autonómica ou dá Garda Civil», xa que agora os tres policías locais fan gardas de 24 horas cada dous días. Barcia di que non quere «cortar ou dereito a protestar» dos veciños, pero insiste na necesidade dunha solución ao conflito.

____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon