quinta-feira, setembro 27, 2007

Reganosa: a cuestión da necesidade estratéxica e a xeopolítica do gas

Achegamos este artigo escrito por Trasmallo, que foi publicado o 12 de xuño deste ano 2007, na rede CMI Galiza.Indimedia.org. Facémolo polo seu intereses e contribución ao debate sobre a planta regasificadora de REGANOSA. Pois desde posturas de esquerda, manten-se a definición de estrátexico para o País a inatalación dunha planta de gas. Mesmo está en debate, como é posíbel, que desde as executivas dos sindicatos de clase, crean nos argumentos das grandes coorporacións enerxéticas e financieiras, poñendo-se do lado do gran capital, e menoscaben os argumentos dos movimentos populares e sociais que loitan decididos pola seguridade e saúde do pobo, polo medioambiente, contra a corrupción, contra a irracionalidade dunha industrialización destructora do planeta e empobrecedora dos pobos.


Reganosa: a cuestión da necesidade estratéxica e a xeopolítica do gas.

A planta de gas de Ferrol está envolta na polémica pola súa manifesta ilegalidade en moitas frontes, a súa perigosa localización e o seu negativo impacto ambiental. A estas alturas todos recoñecen que a súa localización idónea tería que ser no porto exterior, pero moi poucos cuestiónanse se é unha instalación realmente necesaria. De forma xeral, até polos máis críticos admítese que é unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento económico de Galiza.

Existen, con todo, multitude de datos que indican con claridade que a regasificadora é a estas alturas un proxecto anacrónico que máis que resultar beneficioso para a economía é todo un risco a medio e longo prazo desde o punto de vista da rendibilidade do investimento e como proxecto impulsor de benestar económico e social.

Desde o punto de vista enerxético, a planta de gas enmárcase nun escenario de gran aumento de demanda mundial deste recurso en vésperas de que se acade o máximo histórico de produción do seu irmán fósil, o petróleo. De feito, as dúbidas sobre o abastecemento global destes recursos finitos están producindo un importante e rápido aumento de prezos que no momento actual rolda os 70 dólares para o barril de Brent e os 8 dólares para o gas, moi lonxe dos 35 dólares de media para o petróleo de hai dous ou tres anos e dos 6 dólares previstos para o gas no ano 2040 (1).

O complicado contorno xeopolítico da enerxía fósil está ben definido nos informes da ASPO (2), nos que se aprecia a clara tendencia á baixa da produción por imperativo xeolóxico mentres a demanda mantén un crecemento continuo debido ao aumento da poboación mundial, ás necesidades de economías emerxentes como China e India e sobre todo ao malgasto enerxético dos países occidentais con EEUU á cabeza. Esta situación ameaza con xerar conflitos internacionais para asegurar o abastecemento debido a que boa parte dos xacementos gasísticos están en rexións consideradas "inestabeis", tal e como xa ocorre cos conflitos de Afganistán e Iraq entre outros. Neste caso, o posicionamento estratéxico para o control dos recursos por parte de EEUU non deixa lugar a dúbidas.

Previsións de producción de gas e petróleo según a ASPO

A incerteza e inestabilidade que xera o aumento da demanda e a posíbel aparición de guerras e incidentes está ben descrita no informe do SIPRI (3) publicado este mes de xuño no que se afirma que "aínda que a maioría dos estados considera hoxe en día que o estalido dun conflito armado é unha medida extrema, é probábel que xurdan conflitos internos debido aos recursos enerxéticos... A importancia estratéxica das rexións ricas en reservas de petróleo e de gas, sen dúbida, aumentará. Non só Oriente Medio, senón tamén África, Asia Central, América do Sur, e o sueste de Asia serán potencialmente zonas de conflito nas décadas vindeiras". Neste sentido, as reservas de gas están moi concentradas en Rusia co 28% mundial e noutros 7 países co 75%.

Con este panorama, é de esperar que tan axiña como a anunciada crise de produción de fósiles estale nos mercados, o gas deixe moi pronto de ser competitivo nos termos en que hoxe se entende a taxa de retorno enerxético para este tipo de combustibles. Se a isto sumámoslle a posibilidade de desabastecemento debido ao exceso de demanda global ou á aparición de conflitos xeopolíticos, a aposta polo gas non ten, con estas previsións, ningún futuro; e o que é peor, convértenos enerxeticamente dependentes nun escenario de alta incerteza.

A declaración da planta de gas como instalación estratéxica por parte das "autoridades" tamén se sustenta en principios de eficiencia e ecoloxía. O tan cacareado "crecemento sostíbel" que como ben expón o Dr. Albert Barlet (4), profesor emérito de física da Universidade de Colorado en Boulder, é coma se un doutor lle dixese a un paciente, "goza vostede dun saudábel cancro". O crecemento continuo é o paradigma da economía de mercado que actuando contra recursos non renovabeis é absolutamente inviábel e non sostíbel dentro deste mundo finito. Esta falacia lóxica está de plena actualidade en boca de políticos e de empresas como Enagas e Acciona que nos venden a moto de que vai ser posíbel un futuro de equilibrio ecolóxico nun planeta en constante crecemento.

En nome deste crecemento sostíbel dísenos que o gas natural emite un 40% menos de CO2 que o carbón, e un 33% menos que o petróleo, pero trátasenos de ocultar que a pesar diso é responsábel de emisións cada vez maiores, porque é necesario queimar case o triplo de gas que de fuel para producir 1 Mw de enerxía. A contaminación por este gas invernadoiro está aumentando, xa que a súa utilización está crecendo rapidamente en Europa (especialmente no estado español) e nos Estados Unidos. Ademais, o metano, o compoñente principal do GNL é tamén un gas invernadoiro, só que 21 veces máis potente que o propio CO2. E ao longo de todo o proceso de licuefacción, regasificación, transporte e combustión, emítese unha cantidade moi importante deste nocivo gas xa que dada a súa extraordinaria volatilidade pérdese aproximadamente un 15% do total. O gas natural non ten futuro nun marco sostíbel por non ser renovábel e altamente contaminante. No caso de Ferrol é sabido que a regasificadora empregará hipoclorito sódico para eliminar plancton e microorganismos da auga que utilizará no proceso de regasificación, devolvendo esta auga morta varios graos por baixo da súa normal temperatura. Isto poderá afectar enormemente ao ecosistema e sen dúbida poderá prexudicar gravemente os recursos marisqueiros.

Polo que se ve, Reganosa unicamente é estratéxica para o capital investidor que busca beneficios a curto e pode que, moi collido polos pelos, a medio prazo da man da política incondicional do mercado, desde a dereita á esquerda gobernante ao uso e sorpresivamente doutros que querendo defender prazas de poder non foron capaces de superar neste asunto un enfoque localista nunha cuestión como a enerxética que a estas alturas é globalización en estado puro. Un asunto que con toda seguridade marcará o rumbo dos acontecementos do planeta nos próximos anos se non somos quen de perfilar un novo modelo que se centre na sustentabilidade. Un novo modelo baseado no aforro, a eficiencia, a reutilización, a reciclaxe, a renovabilidade e, sobre todo, nunha nova forma de organización da sociedade que profunde na democracia e permita aos cidadáns ser donos das súas decisións. Unha proposta tremendamente complexa e moi afastada do que calquera político dos que nos toca está disposto a considerar. Ten sempre a palabra o pobo responsábel e organizado se este quere dispor da verdade e da liberdade.

(1). GEOPOLITICS OF NATURAL GAS. An Analysis of Prospective Developments in the Natural Gas Trade and Geopolitical Implications. James A. Baker III Institute for Public Policy, Energy Forum. Ryce University.

(2). Association for the Study of Peak Oil & Gas.

[ASPO PORTUGAL - síto da secção portuguesa da Associação para o Estudo do Pico do Petróleo e do Gás - ASSOCIATION FOR THE STUDY OF PEAK OIL AND GAS – ASPO]

A ASPO é uma rede internacional de cientistas e investigadores que se debruçam sobre a questão do Pico de Hubbert.


Esta associação tem como objectivos:

  • Estudar a disponibilidade de Petróleo e Gás na Natureza;
  • Modelar o esgotamento, tomando em devida conta a economia, a tecnologia e a política;
  • Divulgar este tema crítico e alertar para as consequências para a Humanidade
http://www.aspo-portugal.net


(3). Stockholm International Peace Research Institute.

(4). Arithmetic, Population, and Energy. Dr. Albert Bartlet [*]
Arithmetic, Population, and Energy. Dr. Albert Bartlet [**]

______________________

Enlace co artigo orixinal en Galiza.indimedia.org
________________

Video: Aritmética, Poboación e Enerxía
Z.Zar
52 min 41 seg - 22-xaneiro-2007
http://ninuclearniotras.blogspot.com
________


___________________

Os fundamentos esquecidos da crise enerxética. Crise enerxética. Cenit petroleo. Enerxía nuclear. Sostenibilidade. Enerxías ... todos » alternativas. Crecimento sustentábel. Máis info tamén en www.ninuclearniotras.blogspot.com e www.crisisenergetica.org

O movimento polo decrecimento [Armando Jaen]
http://www.terra.org/articulos/art01372.html

O desenvolvimento no modelo económico actual xera pobreza, ignorancia, insolidaridade, consumismo, uniformidade, violencia... e por suposto: É insostíbel.
http://decrecimiento.blogspot.com

O paradoxo de Jevons
http://es.wikipedia.org/wiki/Paradoja_de_Jevons

___________________

O centro dos meios independentes -CMI - IMC- é unha rede mundial para unha información independente dos medios convencionais, co fin de difundir a información a nivel mundial. Que traballa pola solidariedade entre os pobos e as comunidades e fai que as noticias que se producen no mundo non sexan controladas polas grandes multinacionais da comunicación, evitando deste xeito a manipulación e intoxicación informativa. Un medio alternativo de comunicación para as persoas e colectivos que traballan por un mundo mellor, para a emancipación da humanidade.

Documentació do Proxecto Global

CMI Indymedia
Indymedia é un colectivo de organizacións e medios de información independentes, centos de xornalistas comprometidos coa verdade e a democracia, para informar e compartir as noticias a nivel mundial, sen os filtros das grandes corporacións mediáticas.
http://www.indymedia.org/
http://galiza.indymedia.org/
_________

Artigo e Información de:
manxopar@gmail.com
____________________

1 comentarios so far

A ver se toma nota o comite cidadan, e deixa de facer o parvo pedindo a planta de gas no porto exterior.
Non cuestionarse o problema na sua totalidade, e tan irresponsable como meter a planta de gas no medio da ria.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon