De: Plataforma Corrubedo -corrubedo@altermundo.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 29 de outubro de 2007 21:18
Asunto: Corrubedo, 4N: NOTA DE PRENSA
NOTA DE PRENSA
MARCHA NACIONAL POLA DEFENSA DO LITORAL
CORRUBEDO, 4 DE NOVEMBRO DE 2007, 12 horas
NON AO PLAN ACUÍCOLA
O catedrático Xosé Manuel Beiras, a actriz Patricia Vázquez, o actor Luís Tosar e mailo director e músico Antón Reixa, lerán o Manifesto de Corrubedo o vindeiro domingo como colofón á Marcha Nacional pola Defensa do Litoral en Corrubedo.
As organizacións convocantes da Marcha Nacional pola Defensa do Litoral, colectivos de veciños, veciñas e ecoloxistas, teñen todo preparado para a manifestación unitaria contra o Plan Acuícola que terá lugar o domingo 4 de novembro, ás 12 da mañá, no Porto de Corrubedo e á que se teñen adherido decenas de colectivos de todo o país. Para isto contarán coa inestimábel axuda de persoeiros da cultura e doutras disciplinas que se unen á cidadanía para reclamar “liberdade para o litoral galego”.
O percorrido da manifestación comezará á beira do peirao corrubedense baixo o lema “Pola túa costa, polo teu mar: Non ao Plan Acuícola” e discorrerá até o faro da localidade, lugar emblemático da costa galega, co que as organizacións queren chamar a atención sobre un problema que afecta ao litoral de todo o país, dende Ribadeo á Guarda.
Con esta mobilización os movementos sociais galegos queren esixir ao goberno da Xunta que paralice o Plan Acuícola actual, por consideralo inxusto socialmente, medioambientalmente e economicamente. O plan prevé 26 piscifactorías, ou fábricas de peixe, que os veciños e veciñas do país, xunto ás organizacións ecoloxistas, confrarías de pescadores e mariscadores e varias agrupacións sindicais e políticas consideran un grave erro que se fixo de costas á cidadanía.
CONVOCAN: ADEGA, Plataforma Medioambiental de Corrubedo, Plataforma Veciñal en Defensa do Patrimonio Cultural de Quilmas (Carnota), Plataforma pola Defensa do Litoral de Seráns (Porto do Son), Comisión de Propietarios/as Laxe Brava (Teira-Corrubedo), Plataforma Veciñal Xove-Lago, Plataforma Veciñal de Merexo (Muxía), Plataforma de Afectados/as de Arou (Camariñas), Plataforma de Afectados/as de Oia, Plataforma de Afectados/as de Foz, Agrupación de Mariscadoras/es de Corcubión, Cooperativa de Mergulladores/as da zona 5ª.
COLECTIVOS QUE APOIAN (a 20 de outubro): Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol, Greenpeace, Salvemos Monteferro, SOS Courel, Colectivo Fusquenlla, Ortigueira Sostible, Colectivo Arraianos, Asociación Sagres de Aguiño, Asociación Cultural Choiva Azeda (As Pontes), Asociación Natura Celtica (Cangas), BNG de Ribeira, Frente Popular Galega, CUT (Central Unitaria de Traballadores), Colectivo Nacionalista de Marín, Asociación Altofalante (Ribeira), Colectivo Ecoloxista Verduxo, Plataforma en Defensa do Patrimonio das Pontes, Asociación Amigos de Corrubedo, Plataforma Veciñal contra a piscifactoría de Baroña, Asociación Cultural "Fuco Buxán" de Ferrol, BNG do Barbanza, Asociación Pau da Luz (Corrubedo), Asociación Cultural Barcas do Minho (Chantada), CNT-Compostela, Amigos da Terra, Plataforma Ártabra21, Quercus (Portugal), PP de Ribeira, BNG de Porto do Son, Comité de defensa das Rías Altas, Asociación profesional XORNAGA (Xestión e Organización de Recursos Naturais de Galicia), Rede Litoral Vivo, Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño, Veciños das Mariñas (Oia), IPdR (Iniciativa Progresista de Ribeira), Foro Social Temos Dereito a Saber, 'O Ribeiro', Bouzas Móvete, Confraría de Pescadores de Corcubión.
________________
Ola a todo@s .- A Plataforma Artabra21 informa que o Comité de Emerxencia para a Ría de Ferrol, imos contratar un BUS para nos trasladar a CORRUBEDO a MANIFA CONVOCADA PARA O DÍA 4 DE NOVEMBRO.
Baixo o lema:
MARCHA NACIONAL POLA DEFENSA DO LITORAL
CORRUBEDO, 4 DE NOVEMBRO DE 2007, 12 horas
NON AO PLAN ACUÍCOLA
POLA TÚA COSTA
POLO TEU MAR
Está prevista a súa saida ás 09:30 hrs de frente ao edificio de Correos de Ferrol, na Praza de Galicia.
OS PREZOS ESTARÁN POR 8 OU 9 € , dependendo do número de persoas que vaiamos.
USAR ESTE CORREO [artabra21@gmail.com] para CONFIRMAR a VOSA ASISTENCIA.
Está por decidir se nos quedamos pola tarde para visitar a zona... OPINAR deste asunto
ANIMARVOS .
Saúdos
xosé mel sanxoán e Alexandre C.
__________________
1 comentarios so far
MARCHA NACIONAL CONTRA O PLAN PISCÍCOLA. 4 DE NOVEMBRO. 12:00. PORTO DE CORRUBEDO PDF Imprimir Correo-e
Venres, 26 de Outubro do 2007
En reunión da Rede Litoral Vivo o pasado 20 de outono en Compostela decidiuse o apoio á marcha nacional contra o plan acuícola que se vai celebrar o 4 de novembro en Corrubedo. Este plan, xa mal chamado acuícola, porque soamente se refire ao subsector de acuicultura en terra, é unha peza máis da nefasta política da Xunta ante o sector pesqueiro. Tenta expropiar, para beneficio dunhas poucas grandes empresas multinacionais, máis de 3 millóns de metros cadrados en zonas de altísimo valor ecolóxico, co fin de apoiar un xeito de explotación dos recursos altamente discutible, que, dende logo, deixa a produción en mans de uns poucos, xera perigosos e ilegais verquidos, e supón un altísimo impacto ambiental. Agora pretenden criar peixes que desmerecen a calidade dos productos do mar galego, amoreados, cheos de antibióticos e alimentados con fariñas de peixes capturados de xeito industrial e afectando á biodiversidade e os recursos de países empobrecidos.
Xa no anteproxecto de lei de pesca, actualmente en tramitación, se observa a intención de privatizar os recursos mariños, abrindo a porta á privatización do marisqueo e afastando ao sector de calquera tipo de decisión sobre si mesmo, pretendendo deixar todo o poder nas mans da Consellería de Pesca.
Este Plan, sumado ao Plan Director de Portos Deportivos e ao salvaxe proceso urbanizador da costa e do interior ao que estamos a asistir, sen as debidas garantías de saneamento ou protección do medio, pode producir o total colapso da actividade pesqueira galega, da que dependen máis de 20.000 empregos directos, cambiando e proletarizando a estrutura social da pesca e o marisqueo artesanais e tradicionais de Galicia.
Esta marcha ten que ser unha chamada moi seria de atención ao actual goberno galego, que está realizando unha política ambiental de puro escaparate, cando a realidade é que xamais o ritmo de destrución dos ecosistemas foi tan alto, nin a privatización dos recursos naturais tan descarada, nin o silencio da clase política no seu conxunto máis enxordecedor
Por todo isto os grupos compoñentes da Rede Litoral Vivo fan un chamamento á asistencia a Corrubedo o próximo día 4 para mostrar dun xeito firme a oposición do sector e de todo o pobo galego ante este plan e á liña política que o ampara.
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon