De: Fusquenlla
Para: artabra21@gmail.com
Data: 22 de outubro de 2007 17:15
Asunto: Reunión do 20 de outubro
Resumo do falado na reunión que se celebrou o 20 de outubro en Compostela
Xuntanza da “Rede Litoral Vivo”
Sábado, 20 de outubro do 2007, 12:00 hs.
Galeria Sargadelos de Santiago de Compostela
Entidades asistentes:
Verdegaia, Veciños/as de Mehá (Mugardos), Salvemos Monteferro, Foro Social de Cangas, A Ria Non se Vende (Vigo), Greenpeace, Burla Negra, Agrupación de Montaña “Augas Limpas”, Centro Social A Revolta, Plataforma Veciñal de Quilmas (Carnota), Plataforma Medioambiental de Corrubedo (Ribeira), Ortigueira Sostible, Afectados/as Vertedoiro de Carvalleda de Ávia (Ribadavia), Fusquenlla (Pontedeume), Plataforma Ártabra 21 (Ferrol), Fundación Galicia Verde e S.O.S. Courel.
Desculparon a sua ausencia o Comité Cidadán de Emerxencia (Ferrol) e a Sociedade Galega de Historia Natural.
Hora de comezo: 12:15 hs (Galería Sargadelos).
Hora de remate: 15:05 hs (cafetería Rua Bella).
Orde do día:
1.- Redefinición da Rede Litoral Vivo.
2.- Movilizacións.
3.- Festival Terractiva (Arzúa).
1.- Ante a previsión de que se incorporen á Rede novos colectivos procedentes doutras localidades do interior do País, afectadas por diferentes desfeitas non relacionadas co litoral, acórdase por maioría integrar ditas entidades na Rede e denominala “Rede Galiza Non se Vende”. Houbo outra proposta de chamala “Terra Viva” mais non tivo éxito.
En calquera caso, todos/as estiveron dacordo en manter o esprito co que se criou a Rede Litoral Vivo de non permitir a integración de partidos políticos nen sindicatos.
Para a elaboración dunha nova páxina Web da Rede Galiza Non se Vende encargouse Fusquenlla de contactar co Coordenador Xeral de Verdegaia para traballar neste asunto. A páxina sería tipo Blog.
Para presentar en Rolda de prensa á nova Rede Galiza Non se Vende acordouse agardar a ter elaborada a páxina Web, que terá que ser en breve prazo. Propúxose que cada colectivo prepare un tema relevante da sua localidade para comentar na Rolda de prensa se é posíbel e para incluír na nova web.
Recalcouse que a Rede é horizontal e que, polo tanto, calquera das entidades que a integran poden, e deben, tomar por si mesmas a iniciativa de convocar as xuntanzas de dita Rede cando sexa preciso, evitando que as convocatorias partan sempre dun mesmo colectivo.
2.- Verdegaia comezou reprochando as formas en como se levaron a cabo a entrega de sinaturas e de alegacións contra as piscifactorías no Rexistro da Xunta de Galicia por parte de colectivos como Adega e a Plataforma Veciñal de Quilmas, sen contar coa Rede Litoral Vivo, cando ambas asociacións son integrantes da mesma. Outras entidades como Greenpeace e A Ria Non se Vende (Vigo) tamén criticaron dita aptitude insolidaria. Tamén se criticou a fiscalización da movilización do dia 4 de novembro en Corrubedo por parte de Adega. Tanto a Plataforma Veciñal de Quilmas como a de Corrubedo xustificaron dita aptitude con argumentos como que Adega foi a que fixo alegacións aos proxectos de Quilmas e de Corrubedo e traballou máis estes temas que outros colectivos; que a Rede Litoral Vivo estaba adormecida ou que, no caso de Corrubedo, non se coñecía a Rede Litoral; entre outros argumentos. O debate foi subido de tono nalgúns momentos.
Verdegaia informou que non vai apoiar a movilización do dia 4 de novembro en Corrubedo, tras decisión da maioría dos seus Núcleos comarcais. Non obstante, todas as entidades que integran a Rede si apoiarán e participarán en dita movilización ante a necesidade de frenar e de amosar a nosa oposición ó Plan Acuícola, á proliferación de piscifactorías e, en suma, á privatización e destrución do litoral. Acórdase apoiar como Rede Litoral Vivo, dado que Galiza Non se Vende todavía non foi apresentada públicamente. Por parte da Rede pediúselle a Verdegaia que recapacitase, dado que tal decisión podería resultar contraproducente tanto para a propia asociación como para os obxectivos que se pretenden coa movilización en Corrubedo.
Por outra banda, acordouse convocar unha grande manifestación nacional por parte da Rede Galiza Non se Vende para o Domingo dia 17 de febreiro do 2008; pois considerouse que convocar unha manifestación nacional antes desa data resultaría precipitado debido á falta de tempo necesario para elaborar o material, convocar a un grande número de entidades, etc. En calquera caso, acordouse participar naqueles actos reivindicativos previstos no que queda de ano e aproveitalos para dar a coñecer a nova Rede e informar da grande movilización.
Para preparar a grande movilización do 17 de febreiro do 2008, creouse unha Comisión de traballo integrada por membros de Fusquenlla, A Ria Non se Vende, S.O.S. Courel, Afectados/as polo Vertedoiro de Carvalleda de Ávia (Ribadavia), Burla Negra, Greenpeace e Verdegaia.
S.O.S. Courel informou, ademáis, sobre a nova Lei de Minería, comprometéndose a conseguir información sobre o asunto para formular alegacións.
3.- Informouse que o 17 de novembro está previsto o Festival Terractiva en Arzúa e que hai dispoñibeis tres stands para publicitarse. Acordouse que a Rede Galiza Non se Vende participe en dito festival e se aproveite un dos stands para dar a coñecela e informar sobre a grande movilización de febreiro.
*Nota: Pasadas as 14:00 hs tivemos que marchar da Galería Sargadelos porque dito establecimento pechaba a esa hora e, polo tanto, trasladarnos á cafetería Rua Bella para rematar a xuntanza.
Antón Fortuna (Verdegaia)
________________________________
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Rede Galiza Non se Vende
Rede Litoral Vivo
Resumo do falado na reunión da "Rede Litoral Vivo" que se celebrou o 20 de outubro en Compostela
mércores, outubro 24, 2007
Resumo do falado na reunión da "Rede Litoral Vivo" que se celebrou o 20 de outubro en Compostela
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan mércores, outubro 24, 2007
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
2 comentarios
Estimados compañeiros:
Arraianos non se puido sumar en persoa á reunión do sábado pero queremos
manifestarvos o noso aopio e acordo coas ideas e proxectos que saíron
desa reunión... podedes contar con nós para a rede Galiza non se vende
(goberne quen goberne) e para todas aquelas iniciativas que procuren a
defensa deste país fronte ás moitas desfeitas que permiten, autorizan e
alimentan os políticos deste país
saúde
aser arraiano
679 293 290
www.arraianos.com
www.cadernoarraiano.blogspot.com
E ADEGA onde estaba?
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon