De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 2 de novembro de 2007 12:01
Asunto:Mercando vontades
Galicia Confidencial
Sanidade e Industria deron a dedo máis de dous millóns en axudas aos medios
A Consellería de Sanidade repartiu 1,2 millóns de euros entre os empresarios da comunicación mediante subvencións directas, á marxe do DOG. Pola súa banda, a Consellería de Industria entregou 800.000 euros polo mesmo procedemento, a concesión a dedo de subvencións a través de convenios. Estas son as principais cifras da terceira entrega que publica Galiciaconfidencial sobre os convenios da Xunta cos medios, despois de adiantar o cómputo total e explicar as subvencións concedidas polos departamentos de Touriño e Quintana.
O actual equipo directivo da Consellería de Sanidade repartiu máis de 1,2 millóns de euros entre os medios mediante subvencións directas. Fíxoo a través de 23 convenios, case todos eles asinados en dúas quendas. En termos xerais, na primeira quenda, en outubro de 2006, Sanidade repartiu o dobre de cartos que na segunda, en marzo deste ano.
Cartos a cambio de “accións comunicacionais”
A través destes protocolos, o departamento que dirixe a socialista María José Rubio financia que os medios informen das súas actuacións. O obxectivo dos acordos é, na maioría dos casos, “a difusión das actividades das iniciativas sobre saúde pública e educación sanitaria que desenvolva a Consellería” ou “o desenvolvemento das accións comunicacionais da Consellería de Sanidade a través dos medios de comunicación”.
Todos os principais grupos de comunicación do país lograron un anaco do pastel, aínda que esta Consellería entregou as cantidades máis grandes aos tres principais xornais en papel: La Voz, El Correo e Faro.
En conxunto, o Grupo Prensa Ibérica é o máis beneficiado. Faro de Vigo (150.000 e 75.000 €) e La Opinión (50.000 e 27.500 €) asinaron dous convenios cada un, por un total de 302.500 €.
En segunda posición está o Grupo Voz cun total de 255.000 euros. La Voz de Galicia apañou un convenio en cada unha das quendas (150.000 e 75.000 €), ao igual que RadioVoz (20.000 e 10.000 €). O Grupo Editorial Compostela logrou unha cantidade similar (220.000 €) en dúas axudas para El Correo Gallego (150.000 e 70.000 €).
Un chanzo por debaixo queda o Grupo Progreso. E é que El Progreso de Lugo conseguiu só a metade de subvencións cos xornais referidos antes (65.000 e 32.500 €), pero hai que sumarlle os dous acordos co Diario de Pontevedra (55.000 e 27.500 €). O Grupo La Región tamén apaña unha cantidade importante, a través de tres cabeceiras –Atlántico Diario (40.000 e 20.000 €), La Región Internacional (12.000 €) e La Región de Ourense (80.000 €).
AGN, con 60.000 € a través de dous protocolos (30.000 e 30.000 €); Editorial La Capital (55.000 €); a Cadea COPE (45.000 €) e Cadena Noroeste (10.000 €) son os outros receptores das axudas directas da Consellería de Sanidade.
Industria quintuplica á Vicepresidencia
Entre os departamentos nas mans do BNG, a Consellería de Innovación e Industria é un dos que máis cartos repartiu en axudas directas, máis de 800.000 €. Isto supón cinco veces máis cartos que os entregados pola Vicepresidencia de Quintana.
A gran maioría destes acordos busca que os xornais destaquen as actuacións da Xunta no eido da Innovación e Desenvolvemento, unha das areas de actuación que controla Industria.
O departamento de Fernando Blanco favoreceu especialmente ao Grupo El Progreso, que levou case a metade do total de convenios. Tres convenios –dous con El Progreso de Lugo (1 e 2) - e outro con Diario de Pontevedra suman 365.000 €.
La Voz de Galicia apañou dous protocolos, un de tipo xeral por 150.000 € e outro para para a “edición, publicación e posterior distsribución dunha revista impresa en papel e en formato electrónico dedicada á Moda Galega” por 111.360 €. En total o Grupo Voz suma 261.360 €.
Con cantidades moi inferiores están La Región de Ourense (65.000 €), Editorial La Capital (60.000 €), ABC (30.000 €) e Editoral Compostela (27.500 €).
Curiosamente, este último grupo –a matriz de El Correo Gallego e Galicia Hoxe- firmou o convenio moi singular, pois é o único no que un medio de comunicación aporta máis cartos (44.500 €) que a administración (42.000 €). No resto de protocolos os medios non aportan un peso, só reciben cartos a cambio de informar positivamente sobre as consellerías.
Os convenios non son todo
En todo caso, estes acordos das consellerías de Sanidade e de Industria son unha pequena parte dos cartos públicos repartidos ao empresarios da información mediante convenios. O total de axudas a dedo é de máis de 6 millóns de euros.
Para aproximarse a todos os cartos que dá a Xunta aos medios, aos convenios habería que sumarlles, polo menos, as axudas polo galego, a publicidade institucional e os importantes contratos por “xestionar” delegacións que en realidade son da TVG.
Para non afogar aos lectores cunha montaña de datos, detallamos nesta terceira entrega as axudas de dous departamentos que reparten máis cartos, un nacionalista e outro socialista. Galiciaconfidencial quere mostrar así que os dous socios do bipartito, PSdG e BNG, subvencionan xenerosamente aos empresarios da información á marxe no DOG.
Para poder interpretar o alcance das subvencións directas, Galiciaconfidencial recomenda ler a primeira información sobre os convenios.
___________________
ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-
Web veciñal
Blog veciñal
________
_________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon