NA DEFENSA DO NOSO LITORAL,
DOS NOSOS MONTES,
DOS NOSOS RÍOS,
DOS NOSOS BARRIOS,
... NA DEFENSA DA TERRA
MANIFESTO 17 DE FEBREIRO DE 2008
GALIZA NON SE VENDE !!
Desde A Guarda a Ribadeo, desde O Courel á Terra Cha, un terremoto de especulación e depredación da terra e do mar está destruíndo a nosa natureza, a nosa paisaxe e a nosa forma de vida. Está destruíndo, polo tanto, a propia identidade de Galiza, a nosa cualidade de vida, a das xeracións vindeiras e mesmo ó planeta.
O litoral galego está a sufrir un proceso especulativo de urbanización e privatización sen precedentes que destrúe a paisaxe e dana irreversiblemente os nosos recursos pesqueiros e marisqueiros. A artificialización da costa, a erección de pavorosos ecomonstros ao longo do litoral e a continua construción de recheos (que, as máis das veces, constitúen terreo barato para empresas que nada teñen que ver co mar), únense a uns niveis de contaminación nunca até agora rexistrados nas nosas rías e a un Plan de Portos Deportivos absurdo que pretende crear en Galiza máis amarres que os que ten toda a costa oeste de Italia, multiplicando por catro os que existen en Francia por cada quilómetro de litoral: Privatización do que é de todos para disfrute e negocio duns poucos.
Por iso, en Cangas do Morrazo, combativas compañeiras e compañeiros, levan dous anos impedindo coa súa presencia diaria diante das máquinas, as obras dun aberrante porto deportivo e da urbanización correspondente, Bouzas resístese á ampliación do monstruoso recheo, e con loitas similares estamos defendendo a costa de Teis, de Baiona, de Sada, de Cedeira, de Nigrán, de Bueu, de Ortigueira, de Miño, de Pontedeume...
A esas desfeitas temos que unir un Plano Acuícola devastador que significa a destrución de centos de hectáreas das zonas mellor conservadas do noso litoral para a construción de múltiples e enormes piscifactorías, para proveito de dúas empresas transnacionais.
E aquí estamos para defender Corrubedo, Quilmas, Corcubión, Merexo, Camelle, Arou, Seráns, Oia, e até 20 proxectos máis de destrución.
Porque o noso mar, as nosas rías limpas e saneadas, son a mellor e a máis productiva e verdadeira piscifactoría. A que desde sempre foi fonte permanente de riqueza para este pobo, de riqueza socialmente compartida, posto de traballo para miles de homes e mulleres: a pesca e o marisqueo tradicionais e sustentábeis que estas empresas e este abandono ameazan destruír.
Os nosos ríos viven un proceso de degradación e sobre explotación hidroeléctrica que está matando a súa biodiversidade.
Nada se aprendeu do terrible accidente de Brenntag que provocou un vertido de graves consecuencias ambientais e sociais no río Umia. Os vertidos ao río Tambre e ao río Sar en Compostela e Rois, ao río Gallo en Cuntis, a macabra celebración do día mundial do medio ambiente co vertido ao río Alvedosa en Redondela, ou o desastre do Xallas causado pola empresa de Villar Mir, son só algúns exemplos.
Reclamamos o desmantelamento do encoro de Caldas e a paralización das obras do salto da Hermida en Cuntis polo alto risco sanitario que significan e para unha verdadeira recuperación integral do río Umia
Denunciamos o abandono total do rural.
Esiximos políticas non dependentes de axudas, que favorezan aos agricultores e incentiven a produción galega de calidade e a prezos xustos; que prohiban os transxénicos e que rexeiten o “biodiésel” por ser aínda máis contaminante e por someter o rural aos imperativos das transnacionais.
Denunciamos o abandono dos montes pragados de eucaliptos e as políticas que favorecen os lumes. Son víctimas ademais dun desaforado Plano Eólico que non ten en conta áreas de alto valor ecolóxico nin mesmo protexidas.
Defendemos a Serra da Groba, o seu riquísimo patrimonio arqueolóxico e aos seus cabalos salvaxes de pura raza galega que un parque eólico quere destruír. Defendemos a Serra do Xistral, a Serra de Careón e a Serra do Suído... Defendemos os montes para que sigan sendo montes.
Por outra banda en Galiza temos dúas das centrais térmicas máis contaminantes de Europa e exportamos máis do 40% da enerxía eléctrica que aquí se produce, a maioría dela xerada queimando carbón importado de Indonesia. Así aumentamos a nosa pegada ecolóxica e contribuímos como poucos ao cambio climático, ao tempo que ficamos coa choiva aceda, a contaminación e moitos outros males que esas empresas producen.
Todos estes Planos (piscifactorías, portos deportivos, parques eólicos indiscriminados ou campos de golf), non significan ningunha mellora para a cidadanía. Xeran un número ridículo de postos de traballo e a riqueza que producen vai parar só aos petos das grandes empresas, dos grandes capitais, sen repercutir practicamente nada no tecido económico e social do país. Pero si destrúen, degradan e usurpan o que é de todas e todos ou de ninguén: o ambiente, os recursos naturais, a paisaxe e o territorio.
E xa non nos tragamos a mentira recorrente dos postos de traballo cando significa crear sete e destruír tres mil
Outro destes Planos da Xunta, o da Minaría, é un triste modelo de espoliación do territorio. Significa a destrución dun dos nosos tesouros naturais máis valiosos e queridos, un tesouro que chegara intacto ata nós: A Serra do Courel.
Pero tamén defendemos á Terra Cha e a moitas outras comarcas de Galiza que sufrirían as consecuencias desta depredación.
Un rosario de industrias perigosas segue a espallarse polo país.
E se dicimos industria perigosa temos que dicir ben alto: Reganosa.Reganosa, na Ría do Ferrol, é un exemplo sangrante de temeridade, irresponsabilidade e desprezo pola cidadanía.
Ence segue, ano tras ano, contaminando gravemente a Ría de Pontevedra. Agora falan de trasladala ás Pontes, onde tamén queren tapar cun lago artificial a ferida que a central térmica deixou na terra, un lago que porá en perigo ao Eume e ás súas fragas. A celulosa sería o monstro do lago.
O proxecto de Parque de Residuos no Ribeiro sinala o rumbo polo que nos queren levar. E a lista podería seguir e seguir. Beneficios para uns poucos e inseguridade, lixo e destrución para tod@s.
O modelo de transporte e de mobilidade que se está a perpetuar e fomentar é o do vehículo privado motorizado diante dun transporte público colectivo actualmente misérrimo, provocando máis emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera, fragmentando o territorio e artificializando os solos..
A continua construción de autovías e vías de alta capacidade supón un forte impacto no territorio e nunca resolven definitivamente o problema da saturación dun tráfico sempre crecente. E iso sábeno ben os compañeiros e compañeiras de Noia, de Outes, de Redondela, do Morrazo...
Quen vexa o ridículo mapa dos ferrocarrís de Galiza: Catro raias mal trazadas constitúen toda a nosa “rede ferroviaria”. Lonxe de tentar remedialo, agora queren vendernos o AVE como solución. Un negocio tamén destrutor do territorio, elitista, enerxeticamente insustentábel e que de ningún modo solucionará o problema da vertebración do país. saberá do que estamos falando
Por se todo isto fora pouco, os Concellos das nosas vilas e cidades andan a debuxar Planos Xerais de Ordenación que, lonxe de defender o tecido vilego tradicional e mellorar a calidade de vida da cidadanía, consisten en ver quen constrúe e destrúe máis. Un alarde de urbanismo salvaxe que na maioría dos casos pretende duplicar, senón máis, o número de habitantes nun prazo de dez ou quince anos. Pouco ou nada se fala neses planos de servizos, transporte público, carril bici, depuradoras... Construír e destruír a contorna rural é o único lema, sen respectar nin sequera os humedais catalogados pola propia Xunta, nin os cauces dos ríos, nin as praias...
Rexeitamos o modelo de saneamento que as diferentes administracións seguen a potenciar, inzando o país de macrodepuradoras que non son a solución ás necesidades reais das nosas vilas e cidades.
Reclamamos a separación das augas para o seu tratamento e a instalación de mini-depuradoras nos lugares axeitados, fuxindo da marxe litoral, ben dimensionadas e atendendo ás normativas correspondentes, e políticas de control e redución do consumo de auga.
Que non se repita a dura experiencia da veciñanza de Coruxo, onde despois de 10 anos, a luita continua!!
A legalidade urbanística e ambiental é sistemática e impunemente vulnerada coa complicidade das distintas administracións, cando non pola súa propia actuación e iniciativa. O patrimonio histórico, os nosos petroglifos, mámoas e monumentos líticos son presa da destrución máis feroz.
O país reborda de obras, actuacións e proxectos ilegais protexidos e bendicidos polos nosos gobernantes. As sentenzas firmes de derrubo, mesmo as do Tribunal Supremo, nunca son executadas, aumentando a sensación de impunidade e de burla e desprezo á cidadanía.
E que dicir da clase política: cómplices silenciosos e coautores da catástrofe. Uns e outros, todos eles, préganse como nunca á avaricia dos grandes intereses económicos que subvencionan aos seus partidos e subornan as ideas que din representar. Por iso, coa voz dos seus amos, pretenden enganarnos con palabras como progreso, desenvolvemento, crecemento... engadindo sempre, como unha xaculatoria hipócrita, a palabra “sostible”. En realidade o crecemento é só para aqueles que lles pagan. Os recursos de Galiza (e os do planeta) son limitados, e esta carreira de depredación e espolio é un camiño que non leva a ningures. Ou que leva só a hipotecar o futuro dos nosos fillos e a deixar miseria como herdanza ás próximas xeracións.
Quedamos só nós, a cidadanía, o pobo autoorganizado, para defender unha vez máis esta Terra de tanta desfeita.
E por iso estamos aquí.
- Para amosar que aínda mantemos intacta a nosa dignidade de pobo que non quere morrer.
- Para denunciar que Galiza está a ser transformada nun deserto de monocultivos forestais, formigón e polución.
- Para esixir o cumprimento das leis.
- Para defender a paisaxe, a natureza, a Terra, a nosa identidade e a nosa forma de vida.
- Para converter este domingo nun día radiante de esperanza para a terra dos nosos pais e dos nosos fillos, para a vida e para o noso ameazado planeta.
GALIZA NON SE VENDE !!
___________
http://galizanonsevende.org/
________________
Enlace relacionado:
Todo preparado para a Manifestación do domingo 17 de febreiro de 2008
____
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon