domingo, maio 25, 2008

De novo La Voz de Galicia pública unha intencionada información "non veraz" sobre REGANOSA

De: Ferrol CAPE -ferrol.cape@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 24 de maio de 2008 23:12
Asunto: NOVAS INEXACTITUDES DE "LA VOZ DE GALICIA"


NOVAS INEXACTITUDES DE "LA VOZ DE GALICIA"

NOVAS INEXACTITUDES DE "LA VOZ DE GALICIA"
POR FAVOR CIRCULAR ESTA MENSAXE ENTRE AMIG@S E COÑECID@S
NON PERMITAMOS MANIPULACIÓNS E FALSIDADES NOS MEDIOS

Remítennos un artigo sobre Reganosa, publicado hoxe en "La Voz de Galicia", para comentalo. Está escrito, por B. Couce e contén unha valoración tergiversada sobre a produción de gas natural por as plántas regasificadoras españolas durante o mes de abril. A interpretación basta que se fai dun informe de Enagás de data 21 de maio de 2008 parece indicar que Reganosa ten un papel destacado no conxunto do estado español. Nada máis lonxe da realidade.
[ver o artigo en: http://www.lavozdegalicia.es]

Vaiamos á noticia publicada hoxe sábado día 24 de maio de 2008. Titúlase así:

"A planta de gas da ría ten xa un maior uso que as de Huelva e Cartaxena".

Aqueles lectores que soamente len os TITULOS das noticias entenderán que Reganosa ten xa un papel relevante no sector do GNL. No entanto, nunha parte do artigo di que o de "maior uso" refírese á PORCENTAXE de utilización, pois compara o rexistrado por Reganosa, que é do 47% [da súa capacidade total] fronte aos de Huelva e Cartaxena que son do 43% e 39% respectivamente. Di tamén que esta capacidade equipárase á planta máis grande do país, a de Barcelona. O lector sinxelo e como se adoita dicir "da rúa", non vai entrar no tema das porcentaxes ou no seu significado e menos para este caso. A estes lectores quédalles a mensaxe de que Reganosa "úsase" máis que as súas irmás de Huelva e Cartaxena e xa se "tutea" coa de Barcelona.

Por esta razón e analizando o informe de ENAGAS cremos que sería máis profesional e veraz o artigo se se escribiu como segue:

Titular: "A planta de gas da ría de Ferrol foi a de menor uso de todas as plantas españolas"

Redactamos o artigo:

Segundo o último informe(*) de ENAGAS, a subministración de gas natural inxectado á rede nacional durante o mes de abril por parte das regasificadoras españolas foi dunha media de 136.303 m³ GNL/ día, é dicir, 931 GWh /día.

A cifra total mensual (mes de abril) en termos absolutos foi de 27.594 GWh dos cales Reganosa forneceu 1670 GWh, o que representa un 6% do total nacional. As porcentaxes das outras plantas foron: Barcelona, 25´50%, Huelva 19%, Cartaxena 15%, Bilbao 15% e Sagunto 19´5%, polo que Reganosa foi a regasificadora española de menor produción.

O mesmo informe indica, páxina 8, que Galiza consumiu no mes de abril soamente o 2% do total nacional, uns 893 GW.h., o que significa que Reganosa tivo que exportar á "meseta" a metade da súa regasificación. É moi significativo que habendo traballado Reganosa ao 47% da súa capacidade teña que "exportar" fóra de Galicia a metade dese gas regasificado, logo de fornecer gas natural ao conxunto dos consumidores galegos.

Por outra banda, non debemos esquecer que España está recibindo gas por gasoduto desde Alxeria nunhas condicións contractuais moi estritas xa que debe consumir a cantidade de gas contratado de forma prioritaria pois se non o fixese tería que pagalo igual. Ademais, a partir de finais do próximo ano porase en funcionamento outro gasoduto, de nome MEDGAZ (desde Omán ata Almería) o que complicará máis a operatividade das regasificadoras españolas ao aumentar a dispoñibilidade de gas por gasoduto, un gas moito máis barato que o GNL e xa que logo máis atractivo para os consumidores. A crecente demanda de gas natural licuado dos países do Leste (China, India, Corea e Xapón, máis recentemente EE.UU.) está facendo subir o prezo deste gas de forma notoria, chegando ata a desviar buques gaseros da súa ruta orixinal cara a outros clientes dispostos a pagar un prezo superior.

Terminamos o artigo. Parécevos máis clarificador?

Máis comentarios: Unha vez en funcionamento o novo gasoduto MEDGAZ a capacidade total das regasificadoras españolas estará tan sobredimensionada que o presidente de ENAGAS, Sr. Llardén está propondo que España sexa o "HUB" do gas natural licuado de toda Europa. Isto significa que seremos os subministradores de gas de Europa, soportando todos os riscos e molestias que supón estas plantas tan perigosas e máis aínda no noso caso ao tela en fronte das nosas casa e nunha ría moi angosta e sen saída dos buques gaseros en caso de urxencia. Estas declaracións de Llardén supón unha clara evidencia de que a planta de Reganosa non era necesaria. Así mesmo, tampouco vemos a necesidade de construír outra planta regasificadora en Xixón.

Queremos aclarar que este Colectivo universitario está soamente en contra da localización da planta de Reganosa e non entramos na maior ou menor rendibilidade das empresas gasistas. Soamente queremos aclarar as mensaxes confusas e manipuladores sobre esta perigosa e ilegal planta de gas que se adoitan verter de forma intencionada en certos artigos xornalísticos.

Sabemos que esta planta será, ao final da súa historia, un símbolo da incompetencia dos seus promotores, dos políticos e medios de comunicación que a apoiaron. Estamos confiamos en que tarde ou cedo, o Tribunal Supremo ditará de forma inequívoca unha sentenza xudicial contra a localización da planta.

Saúdos,
www.f-cape.org

(*) O informe pódese consultar en http://www.enagas.es
_______________________
Envía www.f-cape.org Colectivo universitario opositor a Planta de gas (GNL) dá ría de Ferrol.
__________________________-


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon