Privatización da Caixa de Aforros
A Dirección de Caixa Galicia prepara a saída a bolsa
A privatización da primeira Caixa de Aforros do país entra na súa fase final, a Dirección da empresa prepara a súa saída a bolsa coa emisión de cotas participativas, instrumento semellante ás accións que cotizarán en Bolsa. Esta posíbel emisión, que debería ser aprobada pola Xunta de Galicia, súmase á entrada de capital privado na Corporación Caixa Galicia.
logo Caixa Galicia
É público que a federación de Banca da CIG non comparte o modelo de xestión da Caixa Galicia e, nestes últimos anos, ten denunciado en numerosas ocasións a reconversión incesante que sacude á entidade galega desde o ano 2005. “Non podemos estar a favor dun novo modelo de xestión empresarial neoliberal e, polo tanto, especulativo no económico e moi agresivo no laboral. Unha xestión que nos ten levado a onde estamos hoxe”, afirman desde a sección sindical da CIG de Caixa Galicia.
Xunto a isto, explican que ao longo dos últimos meses o persoal, nomeadamente o da rede de oficinas, tivo que facer fronte con moi pouco apoio da Dirección, a numerosos rumores sobre a situación da Caixa. Porén, engaden que malia non compartir o modelo de xestión, “desde a CIG gardamos silencio público por responsabilidade. Agora, ante os novos pasos que pretende poñer en marcha a Dirección, é o momento de dicir: ata aquí chegamos”.
As diferentes axencias de cualificación alertaron xa o pasado ano da excesiva exposición de Caixa Galicia ao sector do ladrillo, rebaixando a cualificación da débeda e alertando sobre posibles riscos para a solvencia, o que unido á crise financeira internacional podía provocar falta de liquidez.
Neste senso as noticias sobre Astroc, Colonial ou agora sobre a aplicación da Lei Concursal á inmobiliaria Urazca, son malas noticias anunciadas, froito da especulación no sector do ladrillo.
Ante esta situación, explica a sección sindical, a Dirección da Caixa ten afrontado a crise con medidas dispersas para incrementar recursos propios mellorando o core-capital e para conseguir liquidez: a venda de préstamos de difícil cobro; as desinversións de participacións en empresas; a entrada de capital privado na Corporación ou o anuncio da posíbel venda dos locais das oficinas de fóra de Galiza son algunhas delas. Todas estas medidas provocaron e provocan rumores e incerteza entre os clientes e os traballadores e traballadoras.
Agora, nunha fuxida cara adiante, a Dirección de Caixa Galicia pretende solicitar autorización á Asemblea Xeral para a emisión de cotas participativas, apostando pola entrada de capital privado e polo tanto pola privatización da Caixa de Aforros de Galicia.
“Sempre dixemos que ese era o obxectivo da Dirección, reconvertir a Caixa para privatizala; o tempo unha vez máis pon a cada un no seu sitio”, subliñan.
Enlace co artigo orixinal na páxina da CIG
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
xoves, maio 22, 2008
Comeza a privatización da Caixa de Aforros de Galicia
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan xoves, maio 22, 2008
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon