Hai uns día, o 23 deste mes de xuño, un grupo de intelectuais españois [Sabater, Pombo, Carlos M. Gorriararn y Carmen Iglesias,...], presentaban un manifesto público en defensa do castelán que ao seu entender está en perigo por mor do avanzo das linguas periféricas nas administracións das comunidades autónomas con lingua propia. Choveron adhesiós que non imos relacionar, pois longa é a lista, quen teña interese neste enlace do buscador google podeas observar. Por certo, no mesmo enlace podese ver que xa hoxe hai 258.000 páxinas en español que conteñen a frase “Manifiesto por la lengua común”. En só cinco días, xa se están pedindo firmas de adhesión.
Polo seu interese e para comezar reproducimos este artigo que o profesor Xosé Maria Dobarro, publica no xornal comarcal "Diario de Ferrol".
TEMPOS E LUGARES
OUTRA VOLTA
XOSÉ MARÍA DOBARRO (*)
O pasado luns presentouse no Ateneo de Madrid, día no que aparecía íntegro nas páxinas de El Mundo e El País, cando menos, un texto denominado “Manifiesto por la lengua común”, asinado por dezaoito denominados intelectuais, condición que eu non son quen para recoñecerlles ou negarlles. O que si lles nego é a razón que pretenden ter. Comezan por recoñecer a súa preocupación desde hai uns anos pola “situación institucional de la lengua castellana” que xera neles unha “inquietud estrictamente política”. Quede claro. O autor, ou autores, deste manifesto establecen unha serie de premisas, so apariencia de verdades obxectivas, que se me antollan falaces. Podería estar todo o mundo de acordo -se cadra con algún pequeno matiz acerca do que é ou non é español por parte dalgúns- con que “Todas las lenguas oficiales en el Estado son igualmente españolas y merecedoras de protección institucional como patrimonio compartido”, inclusive coa continuación deste parágrafo “pero sólo una de ellas es común a todos, oficial en todo el territorio nacional y por tanto sólo una de ellas -el castellano- goza del deber constitucional de ser conocida y de la presunción consecuente de que todos la conocen”, evidentemente porque o coñecemento do español é unha realidade. Xa que logo ¿por que falar de presunción? ¿Preténdese dicir que hai persoas nalgunhas zonas do Estado que descoñecen esa lingua? ou, maliciosamente, ¿sospéitase que de seguir así as cousas no futuro podería habelas?
Tamén poderiamos estar de acordo en que só unha das linguas españolas oficiais é “universalmente oficial en nuestro Estado democrático”, mais xa non, a non ser que se nos explique moi ben o porqué, con que “contar con una lengua política común es una enorme riqueza para la democracia”. Como nada se nos di, un non pode menos que pensar que, segundo os manifestantes, non é demócrata de todo quen non comparta este aserto. Por suposto que “son los ciudadanos quienes tienen derechos lingüísticos, no los territorios ni mucho menos las lenguas mismas”. O que xa non parece tan así é que se nos pretenda convencer de que en determinadas nacións do Estado traten de imporse cousas “en detrimento del castellano (y mucho menos se puede llamar a semejante atropello “normalización lingüística”)”. Nunca vin atropelo ningún -en calquera caso tería sido en sentido contrario, isto é, por parte do español. Velaí o caso dun solicitante de traballo nun hotel vigués rexeitado, e iso que falaba un lote de idiomas- por utilizar o galego como veículo expresivo. Mais esa empresa é privada e o manifesto fala de institucións públicas. Sinceramente, nunca vin que nas chamadas comunidades bilingües se impuxese nada. É unha evidencia que quen quixer desenvolver a súa vida cotiá e profesional en español pode facelo sen problema ningún. O que si podería xerar problemas é querer impor a toda costa este seu modelo. Mais, en todo caso, sempre atopará apoio incondicional de xentes como os asinantes deste manifesto. Nas ditas comunidades bilingües os máis desfavorecidos seguen a ser os que utilizan habitual e espontaneamente o idioma naturalmente xerado nese territorio.
Mais a guinda deste pastel é a premisa cuarta. O texto non ten desperdicio: “Ciertamente, el artículo tercero, apartado 3, de la Constitución establece que “las distintas modalidades lingüísticas de España son un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección”. Nada cabe objetar a esta disposición tan generosa como justa, proclamada para acabar con las prohibiciones y restricciones que padecían esas lenguas. Cumplido sobradamente hoy tal objetivo, sería un fraude constitucional y una auténtica felonía utilizar tal artículo para justificar la discriminación, marginación o minusvaloración de los ciudadanos monolingües en castellano en alguna de las formas antes indicadas”. Esaxera que algo queda. A xornalista de El Mundo -xornal que apoia incondicionalmente o manifesto- que cobre diariamente as novas relacionadas con este texto vía claramente desde o primeiro día que se trataba dunha cuestión política: “Aunque algunos de ellos están vinculados a UPyD, entre todos representan el espectro ideológico-político español al completo (o que non é certo)”. Tanto é así que cada día aparecen novas de que o PP de aquí e acolá se está aderindo a el e asumíndoo como propio. Son novas ganas de seguir dando a tabarra. ¿Ulo cambio congresual? Mexar fóra de tempo, lugar e testo.
(*) Catedrático da Universidade da Coruña
_____________
Enlaces relacionados:
- Un artigo de Joan Garí no xornal "Publico" que leva por título: "El castellano amenazado (y yo con estos pelos)".
- No xornal "El País" podese ler o artigo de Suso del Toro "Los 20 oprimidos"
- A noticia no xornal "Publico"con case 300 interesantes comentarios
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon