sábado, xullo 26, 2008

Esquerda Unida e o transporte Público

De: eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
Para: artabra21@gmail.com
Data: 24 de julho de 2008 11:06
Asunto: Esquerda Unida e o transporte Público



Desde o Consello Local de Esquerda Unida de Ferrol queremos aproveitar que, coma sempre, se fala do AVE, para falar da precariedade do transporte público a nivel local, comarcal e rexional.

En primeiro lugar, denunciamos unha vez máis que o AVE está implantándose sobre as liñas férreas existentes, anulando paradas, e clausurando unha rede de ferrocarril cuxa misión era (e debería volver a ser) conectar as vilas e cidades galegas e funcionar como transporte público de curto e medio percorrido. O AVE non está en condicións de ser unha alternativa a este transporte, e tememos que tal alternativa nin se plantea. Fórzasenos a usar as estradas. A pesar do estado da rede e da alta siniestralidade, nunca se quere relacionar exceso de tráfico rodado, accidentes e falta de transporte público, e é obvio que hai relación.

Ademais da preocupante situación do ferrocarril, no ámbito comarcal e municipal temos que engadir estes días o recorte de liñas e de horario nos autobuses de Rialsa. O consentimento por parte da Consellería de Política Teritorial destes recortes obríganos a levantar a voz xunto con asociacións e veciños que ven reducida aínda máis a súa mobilidade, e a instar aos concellos a rexeitalos abertamente.

O servizo de transporte público que cubre Rialsa é imprescindible. Xa está subvencionado, polo que non é máis que un pretexto soster que é deficitario. Tampouco é certo, polos datos que nos constan, que os servizos suprimidos non contaran con suficiente uso, desde logo algúns dos traxectos Cobas-cidade si teñen (tiñan) máis dun centenar de usuarios habituais.

Baixo ningún concepto debemos permitir que o transporte público siga deteriorándose e reducíndose. Esperábamos por parte da Consellería a defensa do transporte público, e non optar por aceptar condicións que van na dirección contraria, preparándonos ao que se empeza a ver como un peche progresivo. Pola contra, reclamamos un esforzo para activar e modernizar o servizo: adaptando os vehículos á demanda real (microbuses), estudando as paradas, multiplicando os pequenos traxectos (transporte “á carta”) e procurando un servizo maior aos principais equipamentos e centros de traballo (colexios, hospitais, polígonos industriais etc). Se é necesario, debe chegarse a unha enquisa usuario a usuario e a fortes inversións, como a remodelación da estación de autobuses. O actual Plan de transportes metropolitano amósase como un instrumento moi limitado (máis que nada, publicidade, marquesiñas e subvención de tarxetas) asentado sobre convenios con empresas de transporte pouco ventaxosos.

Agardamos que o Plan de mobilidade no que está traballando o Concello de Ferrol sexa sensible a estas demandas e dea unha resposta ambiciosa ao problema do transporte público urbano, que, como medio sostible, debe encabezar calquera aposta por racionalizar a mobilidade no municipio.
____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon